Hemeroteca web
|
RSS
Sábado 18.05.2013
| Actualizado 11.27
O primeiro libro que lin de Jules Renard prestoumo o pintor Nito Davila: Historias Naturales, con ilustracións de Toulouse-Lautrec e con prólogo de Manuel Rivas. O fascinio foi inmediato, a simbiose co medio natural e a lúcida e sinxela forma de expresalo, fixeron do escritor francés un referente. Non hai retórica, ocurrencias valeiras, locimentos, ou confidencias desgarradoras nos seus relatos; as imaxes e as sensacións agroman no seu tempo como as patacas de entre a terra, ou a vaina gordiña dos chícharos, sen enfatismos. Nacido o 22 de febreiro de 1864 en Chitry, unha aldea da borgoña francesa, durante toda a súa vida ficou vinculado ó modo de vida rural e ó deleite do contacto directo coa natureza. Agora que o outono e os seus froitos por fin se deixaron ver, presta reler a Jules Renard. Ó abrir os seus libros volve o recendo a herba mollada á beira dos carreiros, mentras os corvos axordan as amañecidas das nosas aldeas e vilas galegas. Traducimos un fragmento de "O sapo", unha das súas historias naturales:
Nacido dunha pedra, vive debaixo dunha e nela cavará a tumba.
Visítoo adoito, e cada vez que ergo a súa pedra teño medo de atopalo e medo de que xa non estea alí.
Pero está.
Agochado naquela gorida seca, limpa, estreita e propia, ocúpaa plenamente, inchado como a saqueta dun avaro.
Se a choiva o fai sair, vén onda min. Uns cantos chimpos cargosos, e despois óllame cos ollos encarnados.Se o mundo inxusto o trata como a un leproso, eu non temo anicarme a carón del e achegar ó seu, o meu rostro de home.
Entón reprimirei un xesto de noxo e agarimareite coa man, sapo.
Na vida envíanse outros sapos que repugnan máis.
Onte, emporiso, faltoume tacto. Levedaba e suaba, con todas as súas espunllas estaladas.
-O meu pobre amigo- díxenlle- non quero ofenderte pero, Deus santo!, que feo es!
Abriu a súa boca pueril e sen dentes, de alento quente, e respondeume cun lixeiro aquel inglés:
-Pois anda que ti!
No próximo artigo seguireilles contando cousiñas do meu admirado Jules Renard, dos seus libros Pelo de cenoira e os controvertidos Diarios, toda unha testemuña do interesante mundiño literario no que se movía.
Diana Varela Puñal
