Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 23:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O ladrón do Códice di que na Catedral de Santiago había roubos e sexo

Nun manuscrito de 15 folios, José Manuel Fernández Castiñeiras verte acusacións de furtos e de prácticas sexuais no ámbito relixioso

SANTIAGO. EFE  | 19.02.2013 
A- A+

O autor confeso do roubo do Códice Calixtino, José Manuel Fernández Castiñeiras, entregou no xulgado que instrúe a súa causa un manuscrito de 15 folios no que verte acusacións de roubo e de prácticas sexuais no ámbito relixioso da contorna da catedral de Santiago.

O manuscrito foi presentado ante o Xulgado número 2 de Santiago o 14 de febreiro xunto cunha solicitude para que se unise ao procedemento, segundo confirmaron a Efe fontes xudiciais.

Nunha afirmación inicial dise que se trata dunha "acta de manifestacións que consta de 15 páxinas" nas que Fernández Castiñeiras ofrécese a "ratificar esta declaración", que data no mesmo día de presentación no xulgado.

O autor confeso do roubo do Códice Calixtino está acusado de delitos contra a intimidade, roubo continuado con forza nas cousas, furto e branqueo de capitais.

No texto hológrafo presentado ante o xulgado, sinala que "a xente non chegar (sic) nunca a decatarse do que eu vivín e vin, por iso pido declarar ante o xulgado para poder manifestar o que agora digo neste escrito".

"A xente nunca se decatará da tristura que eu sinto e sentín durante anos ao contemplar, por velo cando ía rezar, cando ía tomar un café, ou cando mo contaban os propios protagonistas na confianza, que nin a pobreza nin a castidade existe nalgunhas persoas que se lles supón".

José Manuel Fernández Castiñeiras refírese a casos concretos, con nomes e apelidos, do que chama "actitudes que ían máis aló do humanamente paternal", "intensa relación sentimental" ou "relacións sexuais", que, en ocasións, di presenciar, así como frecuentes "palmaditas no cu".

En canto ao roubo de diñeiro na catedral, do que el mesmo está acusado, afirma: "na Catedral eu sempre vin que roubaban diñeiro" antes de dar conta de episodios específicos.

"Metían a man na bolsa e sacaban diñeiro, iso vino eu", afirma noutro das pasaxes, no que acusa a contorna do templo de aproveitamento privado das ofrendas.

Nun momento do seu relato di: "cando viñan as ofrendas en cestos ou recipientes con prata, xamóns, bos viños, etc collían o mellor e levábanllo (...) e o resto víao eu entrar pola porta que vai á sancristía (pero xa baleirando parte de cesta ou recipiente)...".

Na parte final do escrito, recoñece que "levaba tempo pensando en como facer para que a xente decátese do que estaba a pasar na Catedral de Santiago de Compostela".

Conclúe que o seu relato "non é máis que un pequeñísimo granito de area do moito que teño por manifestar sendo todo verdade sen a mais mínima mentira".

O Códice Calixtino foi subtraído da basílica galega en xullo de 2011 e recuperado un ano máis tarde dun garaxe de Milladoiro (A Coruña) propiedade de Fernández Castiñeiras. Esta xoia literaria do medievo estaba envolvida en xornais.

Castiñeiras, electricista de profesión, prestou os seus servizos como autónomo durante 25 anos na catedral. Na actualidade, está en liberdade provisional con obrigación de comparecer cada luns no xulgado e á espera de xuízo. Despois da súa confesión e ata que non finalizou a instrución estivo encarcerado na prisión coruñesa de Teixeiro. EFE

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS