Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 23.04.2018 Actualizado 13:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Legalidade e proporcionalidade

XOSÉ A. GACIÑO  | 29.09.2017 
A- A+

Sabían que estaban a actuar á marxe da legalidade e, sobre todo, contra o criterio dos que controlan a legalidade. De feito, a convocatoria e a organización desenvolvíanse de xeito case clandestino, como intentando esquivar as accións legais, apurando prazos e forzando regulamentos, como sen advertir que aos controladores da legalidade lles bastaban setenta e dúas horas para conseguir que o Tribunal Constitucional, en sesións de emerxencia permanente, suspendese calquera iniciativa que non encaixase na Constitución (e esta non encaixaba, se non contaba co respaldo imposíbel do goberno central). E que, postos a despregar ofensivas institucionais, xudiciais e policiais, non hai quen lle gañe ao aparato do Estado, que xa avisara de que esta vez non ía haber a “tolerancia” do 9-N.

Xa que logo, non podían estrañarse (non podíamos estrañarnos) de que se puxesen en marcha todos os mecanismos necesarios para impedir a celebración do referendo sobre a independencia convocado polo goberno catalán (e apoiado pola maioría absoluta do Parlamento, que, para gañar tempo, prescindiu drasticamente dos pasos marcados no regulamento para que a oposición practicamente non puidese intervir). Sobre a proporcionalidade no uso deses mecanismos (as detencións preventivas dalgúns altos cargos da Generalitat) e sobre a estrita legalidade dalgúns deles (a intervención das contas ou o protagonismo inicial da fiscalía na dirección das operacións para o desmantelamento da loxística referendaria) hai opinións e matices moi variados, algúns de proporcionalidade tan dubidosa como algúns dos mecanismos de intervención (parece que hai, por exemplo, quen non saben ou non recordan como era a represión franquista, con mortos nas cunetas, torturas e fusilamentos ao amencer ate dous meses antes da morte do ditador, cando cualifican de franquistas as actuacións xudiciais e policiais destes días).

Serán os resultados do enfrontamento (sobre todo os efectos colaterais, porque o gañador está cantado) os que nos darán a medida e a eficacia das proporcionalidades. A previsíbel vitoria da legalidade pode transformarse nunha vitoria pírrica, se eses efectos colaterais afondan na fractura da convivencia e crean máis frontes de agraviados, tanto periféricos como centralistas (tamén empeza a haber certa axitación en determinados sectores sociais españois contra os independentistas cataláns). Esperemos/desexemos que, ao remate da escalada, só haxa que facer balanzo de intransixencias e pasividades, de arrogancias e de erros de cálculo, de obxectivos queimados e de farois electoralistas para, unha vez depuradas as responsabilidades de cadaquén, a ser posíbel con fortes doses de autocrítica, volva a facerse política para tratar de resolver os problemas territoriais e moitos problemas máis derivados desa devastadora crise financeira que machucou ás clases traballadoras, precarizou ás clases medias e aumentou os privilexios e beneficios das clases dominantes.

Esperemos/desexemos que as escaramuzas destes días non rematen beneficiando aos xa beneficiados pola crise.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS