Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 22.10.2019 Actualizado 21:27
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

A lembranza dos avós

RUTH FERNÁNDEZ  | 13.08.2019 
A- A+

Pasou un mes dende que o meu avó Manuel nos dixo adeus a todos nós. Semella que non é certo. Ás veces custa crer que a realidade é esa, a de que nunca máis escoitaremos  a súa voz, ou que os seus ollos non se volverán pousar nas nosas fazulas.  94 anos, só faltaban uns días para cumprir un ano máis. O seu gran día de festa, que cada ano conseguía que a familia se reunise, malia ás diferenzas, limando asperezas por facelo a el un chisco máis feliz. Como desfrutaba do 18 de xullo! Foi sempre un día sinalado no calendario das nosas vidas, pero non polo alzamento militar, senón polo aniversario do avó. Igual que polo día do santo, o 1 de xaneiro. Acudíamos dende calquera lugar vacacional á súa chamada. Era o seu día.

Historias que se repetían nos xantares, anécdotas que contaba unha e outra vez, ata que un mesmo remataba canso de telas oído tantas veces. Hoxe, pola contra, gustaríanos a todos escoitalas unha vez máis, estou segura. O avó representa unha forma especial de amor, diferente á dos pais. E aínda que nos facía ás veces rabear, canto temos rido con el, alomenos os netos que estabamos ben preto. Son os momentos que quedan. O vivido ao seu carón ninguén o pode roubar, como as festas de Nadal na miña casa ou as saídas á praia sempre que se puido...

É difícil para min non asociar moitos momentos da infancia á figura dos avós, especialmente do avó materno Manuel, sempre vencellado á miña casa. Quedan para sempre gravados na memoria os olores, os sabores, os pequenos momentos vividos. Como esquecer aquel polo que asaba e que eu tantas veces lle teño alabado, as papas de castañas que ía apañar co seu anorak negro con forro vermello que nunca olvidarei. Como non acordarme das torres de filloas que facía porque sabía que me encantaban, igual que noutra época fixera a avoa Araceli. Sabían que eu me volvía tola con aquel prato. Deliciosos momentos.

Quedan as imaxes, fotografías dos momentos vividos, na memoria e no papel. As vacacións na praia, as saídas a Miño, a Foz, á Coruña… Tamén aquel Nadal que pasamos en Cangas do Morrazo, igual que outro 19 de marzo. Visitas a un lugar que moito lembrabas nos últimos tempos. Gustárache aquilo. Gustárache moito. Só tiña unha pega: a distancia.

Sei que aínda puidemos vivir máis momentos contido, pero que a vida que nos ocupa fai que ás veces teñamos que sacrificar o persoal polo laboral. Facémonos maiores e temos unha vida propia, certo. Pero estou satisfeita das decisión tomadas, como a de pasar o último Nadal na túa casa, malia que iso obrigara a cambiar os plans dunha escapada. Outros non poderán sentirse así, os que renunciaron a pasar algúns momentos aínda dispoñendo de tempo. Eu teño feito 400 km para estar a fin de semana ao teu carón. E ese é o mellor xeito de demostrar o amor. O mellor agasallo é o tempo de que dedica, que se comparte. E tempo pasamos moito xuntos, aínda que me doe que nos últimos tempos faltase a conversa. Estabas canso, as palabras escaseaban, poucas gañas tiñas de falar. O corazón estábase debilitando.

Sempre mirabas por nós, e hoxe estou segura de que dende onde esteas seguirás coidándonos, sendo coma un anxo da garda para os que ben te queremos. É moi duro dicir adeus, ese adeus para sempre que desgarra o corazón. Así, de súpeto, aínda que os que estivemos preto de ti vimos como se ía apagando a túa ollada, o teu riso. Un nunca está preparado. Escribo isto e non podo evitar que as bágoas esvaren polas meixelas...  teño que deixar esta carta, rematala así. Pode que outro día continúe. Non sei, hoxe non son capaz de máis. Quérote. Ás veces temos que pronunciar esa palabra moito máis.

Ruth Fernández

 

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS