Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Mércores 01.10.2014  | Actualizado 19.11

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Libia, aprendendo da historia

MANUEL MERA SÁNCHEZ  | 28.09.2011 
A- A+

Libia volve ser controlada polas potencias occidentais, malia que se manteña o imaxinario dun goberno rebelde autóctono na práctica será un protectorado. Esta circunstancia dáse xusto un século despois de que Italia conquistara Trípoli, o 8 de outubro de 1911. Polo tratado de Lausana do 18 de outubro de 1912 conseguía a cesión da Tripolitania e da Cirenaica que estivera até aquel momento baixo a autoridade do Imperio Turco, desde 1551. Italia ficara marxinada da distribución colonial de África no Congreso de Berlín en 1884-85. Libia, con 1.759.840 quilómetros cadrados, tiña no momento da conquista por Italia uns 800.000 habitantes.


Colonización italiana


A ocupación italiana só asegurou o control dalgunhas cidades costeiras, e dobregar ás tribos do interior foi moi custoso. Especial relevancia tivo a oposición dos xeque das zawiyas sanusi. Os xeque malia que eran xefes relixiosos tiñan poder en todos os temas da vida cotiá. Estas tribos de beduínos árabes, nómades, estaban establecidas nos territorios de Cirenaica e Fezzan. O líder da comunidade sanusi era Sayyid Ahmad, que trasladou a súa capital ao oasis de Kufra, ao sul de Cirenaica. Durante seis anos organizou a resistencia armada contra os italianos, despois refuxiouse en Istambul, xa que os resultados da Primeira Guerra Mundial mudaban adversamente a correlación de forzas.


A irmandade musulmá dos sanusis foi fundada por Mohamed al-Sanusi, nacido en Alxeria arredor de 1790, que asistiu a escolas relixiosas en Marrocos e fixo a peregrinación á Meca. No ano 1843 estableceu a primeira zawiya (centro relixioso) entre os beduínos de Cirenaica. No fundamental predicaba retornar ás prácticas orixinais do islamismo, ao que se sumaba a súa diplomacia, o que atraeu as tribos descontentas. A orde espallouse axiña polo Sáhara e Sudán occidental. Os seus seguidores estaban polo xeral vinculados ao comercio, e pagan regularmente tributos que enriqueceron as zawiyas. As autoridades turcas de Trípoli tiveron que recoñecer a autoridade dos lideres sanusi (ikhwan) sobre os pobos do deserto e manter boas relacións con eles xa que controlaban o comercio, do que dependía a súa prosperidade e a de Bengasi. Ante a presión británica Istambul suprimiu en 1857 a trata de escravos, poren a oposición dos sanusi fixo que esta practica continuara até a ocupación francesa de Níxer e Chad.


Como consecuencia do exilio en Istambul de Sayyid Ahmad, malia que conservou a súa xerarquía na irmandade, cedeu o poder temporal ao seu sobriño Sayyid Idris, o futuro monarca de Libia. Este asinou entre 1918 e 1922 varios acordos polos que recoñecía a soberanía italiana, conseguindo como troque unha ampla autonomía nas áreas beduínas. Cando en 1922 o fascismo chegou ao poder en Italia da man de Benito Musolini, Idris denunciou os pactos, e os lideres de Cirenaica e Tripolitania reuníronse para proclamalo como emir de toda Libia. Aceptou o titulo e retirouse a Exipto, baixo control británico. Lembremos que un emir é aquela persoa que exerce un cargo de prestixio, non tendo o rango dun Sultán.


Desde este intre, durante nove anos, os beduínos libraron unha dura guerra de liberación. Nunca houbo en armas máis de 1.000 homes, porén acadaron un gran apoio da poboación civil, forzando Roma a manter sobre o terreo uns 20.000 soldados. Os fascistas empregaron todos os medios para derrotalos, desde os bombardeos ao confinamento da poboación civil en campos de concentración. O dirixente beduíno máis destacado desta etapa de resistencia foi o xeque sanusi Sidi Umar al-Mukhtar. Foi capturado en 1931, dando fin a esta fase da loita de resistencia. Abriuse un curto período de tranquilidade que rematou coa Segunda Guerra Mundial, onde todo o norte de África foi afectado directamente polo conflito militar. Calcúlase que o proceso de conquista de Libia causou entre 40.000 e 100.000 libios mortos, aínda que algúns pensan que estas cifras poden ser esaxeradas. En calquera caso, todos recoñecen que foron moitas as vítimas.


Na década dos trinta, unha vez pacificado o territorio, encetouse un proceso de colonización sistemático. Segundo o censo de 1936 dos 848.600 habitantes xa 112.600 eran italianos, un 13,26%. Por exemplo, en 1939, de 111.124 habitantes de Trípoli 41.304 eran italianos, un 37%. Neste período construíronse 400 quilómetros de camiños de ferro e 4.000 de autoestradas, destacando a que unía Trípoli con Tobruk ao longo da costa. Os italianos fundaron 10 novas vilas. O 9 de xaneiro de 1939 a colonia sería incorporada ao territorio metropolitano do Reino de Italia.


A independencia


Durante a Segunda Guerra Mundial, os británicos estiveron en estreito contacto co xefe temporal dos sanusi, Idris, conseguindo o apoio dos beduínos na guerra contra Alemaña e Italia. Cando a contenda rematou Idris retornou a Libia, porén tivo que vencer atrancos antes de ser recoñecido como Rei. Tiña o apoio das tribos beduínas porén non o das cidades bereberes da costa. Ademais o Fezzan estaba ocupado polos franceses. En tanto os británicos aproveitaban a situación para manter ocupado territorio. En 1951 resolvíase a situación, despois de intervir as Nacións Unidas dous anos antes, nun intre no que existía unha gran presión anticolonial. Unha asemblea das tres provincias proclamou a Sayyid Idris como primeiro rei de Libia en decembro de 1951. A independencia declarouse en xaneiro de 1952. Así o país iniciaba formalmente a súa andaina independente. Foi a primeira colonia que acadou a plena soberanía en África. Este feito alentou un proceso que sería imparábel.


O descubrimento nos anos sesenta de grandes reservas de petróleo mudou a situación e xerou novas tensións sociais, dada a actitude submisa da monarquía diante das potencias europeas, ao permitir a apropiación dos recursos estratéxicos a custes mínimos. Un xoven coronel, Muammar al-Gaddafi tomou o poder o 1 de setembro de 1969. A revolución nacionalista en Exipto, dirixida por Gamal Abdel Nasser era naquel intre histórico un exemplo con moita forza nos países árabes, e mesmo en sectores progresistas dos exércitos da zona. Con Gaddafi enceta unha nova etapa, o pais renegocia os prezos do crú, que tería consecuencias máis amplas xa que se estendera a outros estados exportadores. En 1973 nacionalizou o 51% das compañías petroleiras presentes en Libia. Asemade pechou as bases militares que tiñan a Gran Bretaña e os Estados Unidos.


O modelo libio


Gaddafi, de orixe beduína, proxectou no Libro Verde o seu pensamento político. Dinos “A asemblea parlamentar é unha representación desvirtuada do pobo e os sistemas parlamentares constitúen unha solución trucada ao problema da democracia (...) O partido é a ditadura contemporánea... é o instrumento de goberno da ditadura actual (...) A clase como o partido, a tribo ou a taifa é un grupo da sociedade que comparte os mesmos intereses (...) Toda sociedade onde se combaten as clases era, no pasado, unha sociedade de clase única. Porén esta mesma clase enxendrou outras clases, como evolución inevitábel das cousas (...) Os congresos populares son o único medio de democracia popular.”. Non era precisamente un marxista e socialista, en todo caso plantexou un camiño libio á democracia, o que algúns chamaron un socialismo africano. Por certo non é un caso exclusivo de Gaddafi, xa que outros lideres africanos fixeron o propio, como por exemplo Julius Nyerere de Tanzania.


Polo tanto debese caracterizar a este dirixente político sobre todo como un nacionalista árabe (lembremos os seus intentos de unidade con Exipto e Siria, e posteriormente con outros estados do Magreb, mesmo cos que mantiña grandes diferenzas), que tiña un sentido redistributivo da riqueza nacional e impulsaba a democracia directa. O nivel de vida de Libia, os servizos e prestacións básicos existentes, así o reflicten, para alén dos abaneos políticos e do papel do Estado na economía. Sen dúbida a importancia que para este dirixente tiña a cuestión nacional non é algo casual, e moito menos racista, por iso fixen mención aos custes que para o pobo autóctono tivo o proceso de colonización italiano, e posteriormente o protectorado Británico e dos Estados Unidos. Este reaxer lóxico tamén se está sementando en todos aqueles países nos que existe unha ocupación directa ou indirecta das grandes potencias imperialistas.


No caso caso concreto de Libia, con ou sen Gaddafi, malia que exista unha hexemonía alienante dos medios de información de masas controlados por Estados Unidos e os seus aliados, a historia de Libia non axuda para pasar páxina. E aínda que a propia xeografía do país faga máis doado un control militar foráneo ou cipaio, é moi posíbel que con altos e baixos, o movemento de resistencia termine sendo un pesadelo. Teremos daquela unha zona de confrontación e inestabilidade nas portas da Europa occidental algo que non acontecía desde os anos posteriores á Segunda Guerra Mundial, se exceptuamos os conflitos na ex-Iugoslavia. Porque non deixaremos a cada país resolver os seus problemas internos?... neste caso, o petróleo e o gas eran demasiado atractivos, outras escusas son lerias.


Manuel Mera Sánchez









Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS