Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Liñas vermellas

JOAQUIM VENTURA  | 18.06.2018 
A- A+

Aqueles que non cremos nas conxuncións astrais como elementos determinantes do comportamento humano temos unha papeleta complicada á vista dalgúns acontecementos dos últimos días. Porque, xa me diredes, se non son casualidades. O mesmo día en que se debatía a moción de censura contra Mariano Rajoy, presentada por Pedro Sánchez o día 25 de maio e sorprendentemente fixada para o xoves 31 pola presidenta do Congreso, tamén por sorpresa Zinedine Zidane anunciaba a súa dimisión como adestrador do Real Madrid.

Engadamos a iso –que ao cabo podería ser simple azar- que o mesmo día en que o novo presidente Sánchez forzou a dimisión do flamante ministro de Cultura e Deporte, Màxim Huerta, o presidente da RFEF, Luis M. Rubiales, destituía de maneira fulminante o adestrador da selección Julen Lopetegui tras coñecer –sen previo aviso- que fora fichado por Florentino Pérez para dirixir o Real Madrid.

Tanta casualidade fai sospeitar, a verdade sexa dita. Pero aceptemos que sexa así e non unha cousa fatal motivada polos astros. O certo é que tanto por parte de Sánchez como por parte de Rubiales estase a establecer un cambio de paradigma. O que antes eran tolerancia ou ollar cara a outro lado (o caso dos ministros Arias Cañete e a súa petroleira ou Soria e os papeis de Panamá, por exemplo) no caso da política do goberno ou o laissez faire de Ángel María Villar para ter garantido o apoio dos clubs, agora trocouse en lexítima intransixencia. Polo menos, en canto á aparencia.

Penso que as razóns, sen seren distintas, poderían ter outra motivación e en ambos casos, penso, semellante: a lealdade. No caso do xa ex ministro Huerta non só que non lle dixera ao presidente Sánchez que, hai un tempo (non tanto: a sentencia é de 2017) tivera problemiñas coa Facenda, senón que por indución dun asesor fiscal ou por convicción persoal –ao cabo o resultado é o mesmo- fixo por non pagar uns impostos que calquera mortal ten que afrontar relixiosamente. Non pagar uns impostos cando o suxeito fiscal –Màxim Huerta neste caso- tivera unhas ganancias de privilexiado, sen tirar mérito ao esforzo profesional para acadalas. En definitiva, unha cuestión de actitude esa de camuflar ingresos e non simplemente aproveitar eventuais desgravacións fiscais.

No caso do novo adestrador do club branco, presentado ao día seguinte da súa destitución como responsable da selección española, tamén se trata dun caso de ambición (lexítima, en calquera caso) pero lastrada de deslealdade. O presidente-emperador do Real Madrid andaba amolado por non atopar substituto a Zidane. Calquera non serviría e os adestradores top-ten non atenderon os cantos de serea de Florentino Pérez e preferiron seguir nos clubs onde están. E foi daquela que, sen atender o interese colectivo que se lle supón ao equipo nacional español, o presidente madridista actuou como sempre fixo: coa arrogancia dos que pensan que poden mercar canto lles pete. E fíxolle a Lopetegui unha oferta desas que-non-poderás-rexeitar.

Ata aquí, a cousa non tería maior gravidade. Ben podería emitir o Real Madrid unha nota dicindo que resolvera a ausencia de adestrador pero que, polo de agora, non se podía facer pública. Habería especulacións, sen dúbida, pero a cousa non pasaría diso. A “roxa” xogaría o Mundial, duraría nel o que resistise e punto. Entre tanto, habería tempo para que o adestrador falase en privado co presidente da RFEF e lle contase a situación. E se tal circunstancia non se podía dar, porque iso suporía que o Real Madrid non comezaría a planificar a tempada vindeira, pois a resposta á oferta debeu ser negativa.

Pero non. Lopetegui non foi capaz de frear a Florentino Pérez no seu anuncio da boa nova: Hosanna nos ceos, xa temos adestrador e é, nada menos, que Julen Lopetegui, contrastado responsable da selección e como somos tan chulos, impórtanos un figo desestabilizar a presenza do equipo español en Rusia dous días antes de que comece o mundial. E amais, sen que o presidente da RFEF soubese nada ata cinco minutos antes que o club o fixese público.

Houbo quen considerou a decisión de Rubiales –cesar a Lopetegui- como un ataque de cornos. Unha explicación demasiado simple para non deixar en evidencia ao presidente madridista e ao adestrador e cargar o morto ao novo presidente da federación, como se tivera resolto o asunto como un novato.

Non. A cousa é máis complexa, dunha banda, e máis sinxela, doutra. Non esquezamos que Lopetegui renovara apenas hai tres semanas ata 2020 e a súa “espantada” deixaba en evidencia ao novo presidente da RFEF. E este non tolerou, e fixo ben, este acto de deslealdade. Como no caso do ministro Huertas. E este é o cambio que está a impoñerse entre nós. Xa non se aceptan manobras nin trucos e menos aínda se os responsables son persoas –como Sánchez e Rubiales- que non participaron das vellas escolas herdadas dos anos de ditadura.  

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS