Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 11.12.2017
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ECOS DA BERENGUELA

A lírica epifánica de Sérgio de Castro Pinto

XOSÉ LOIS GARCÍA  | 15.09.2016 
A- A+

Chégame desde João Pessoa, capital do estado brasileiro do Paraíba, dous apreciados agasallos do poeta, Sérgio de Castro Pinto, os seus versos impresos no libro: “A flor do gol”, e un CD coa súa voz: “Muito além da Taprobana e de Pasárgada”. Dous modélicos exemplos dun dos poetas brasileiros que constrúe con exemplaridade un tecido minucioso no que se exploran variados concertos e dimensións no que está asentada a poética de Castro Pinto. Servidor non é alleo aos andares creativos do poeta que nos ocupa. En 2001, figura na “Antología de la poesía brasileña”, publicada por Edicións Laiovento, da miña autoría, na que Sérgio Castro Pinto está representado con cinco poemas, procedentes do libro: “O cerco da memória”.

Estamos ante un poeta excepcional, de admirábel revelación súbita, que verificamos nos dons epifánicos e, aínda, iniciáticos que se desprenden de seus versos. “A flor do gol” retráenos a esas consideracións que a sociedade brasileira ten asumido no entorno futbolístico e das súas grandes figuras que consolidan un dos atributos identitarios do Brasil. É verdade que hai unha cultura do fútbol, do encanto da bola ao que se rendeu a literatura brasileira. Unha literatura moito fértil en varios ámbitos do fútbol. Un longo inventario radica nese apousento de erixir o xogo do balón, como un dos maior encantos e belezas, conquistador e fenómeno de masas que se deu no Brasil. Neste ámbito, poucos descoñecemos os escritos de José Lins do Rego, que deu memoria a este fenómeno deportivo. Así como outros notábeis escritores que non foron alleos ao mesmo, como Monteiro Lobato, João do Rio, Lima Barreto, Cassiano Ricardo, Ferreira Gular e, tamén, detractores honrados como o grande Graciliano Ramos.

Nesta dirección non podemos esquecer a enorme aportación que nos ofrenda Sérgio de Castro Pinto, en “Flor de gol”. Cinco grandes vultos do fútbol brasileiro son alzados a ático apousento neste libro. Didi: “vê a bola de couro / Me-ta-mor-fo-se-ar-se / em uma folha seca / do mais triste outono”. Vavá: “e da garra afiada / do leão artilheiro / que encandeou / o arqueiro / da checoslováquia / com fome / de... goooooooollllllll!”. Jairzinho: “Furacao tornado brisa / estufando a rede / do adversário”. Leônidas: “beija-flor / que sorver / o néctar do gol // e embriaga a torcida”. Garrincha: “quando garrincha dribla, fica / o adversário / pra contar a história / de uma camisa / cujo sete às costas / conduzia a bola / qual uma seta / no retesado arco / das pernas tortas”. Admirado e grande, moito grande Garrincha, o das pernas tortas e sempre máxicas en vida torcida. Desde meus anos mozos admirei os requebros portentosos que admirou o mundo no irrepetíbel Garrincha. Os dous poemas que de Castro Pinto dedica a este xigante do fútbol brasileiro, mesmo emociónanme polo conseguido, tanto na imaxe como na sensibilidade que condensa o poema.

Neste poemario desfilan versos alleos ao fútbol, mais non alleos á vida, ás esencias existenciais mais ínfimas do que aflixe á vida. Diversos desdobramentos na lírica de Castro Pinto, son portentos sólidos para unha creatividade que este autor manifesta nunha escrita moi ben estruturada co pensamento e cun econominismo poético que consagra ao poeta como un creador indispensábel da poesía brasileira.

No sinalado CD, titulado: “Muito além da Taprobana e de Pasárgada”, Sérgio de Castro Pinto, acode á tutela de dous grandes autores da poesía portuguesa, desde Portugal e desde o Brasil, como son Luís de Camões e Manuel Bandeira. O eco da voz emerxente alén dos continentes nativos e de idades dispersas. Camões na illa de Taprobana no Ceilán, na conquista de terras alleas: “Por mares nunca de antes navegados, / Passaram ainda além da Taprobana, / Em perigos e guerras esforzados”. O mito camoniano na colonización portuguesa exaltado en “Os Lusíadas”: “Vês, corre a costa célebre indiana / Para o sul, até o cabo Comori;, / Já chamado Cori, que Taprobana/ (Que ora é Ceilão) defronte ten de si”. O eco das descubertas de terras insólitas frecuentadas, no eco do noso poeta brasileiro. Tamén a aspiración de Manuel Bandeira de ir a Pasárgada, na lonxincua Persia, que fecundou un enorme poema que o poeta pernambucano conseguiu transformalo en monumento universal, no seu poema, titulado: “Vou-me Em Bora pra Pasárgada”. Continúa: “Vou-me em bora pra Pasárgada / Lá sou amigo do rei / Lá tenho a mulher que eu quero / Na cama que escolherei”. E nestas andainas por Taprobana e Pasárgada, os ecos de Sérgio de Castro Pinto transcenden en evocadoras singraduras, onde é posíbel descubrir, en súa poesía, universos enteiros nos que fulguran os mellores resortes da creatividade e da autenticidade poética deste autor. 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS