Hemeroteca web
|
RSS
Martes 21.05.2013
| Actualizado 17.42
De verdade que logo do día dezasete un vendo un algo do que pasou xa non sabe se cando algúns falan o fan simplemente porque se lle escapan as palabras ao botar respiro e ao alentar ou se pola contra o fan para querer diciren algo ao caso. O presidente da Xunta , posiblemente convencido dese facer que a nós non nos parece limpo, colle e tanto fala en español na Coruña como se proclama galego a toda marabilla en Vigo ( ao pé da vida, obra e memoria de Valentín Paz Andrade. E faino coa Academia Galega , a cal ten presentado recurso polo tratamento da nosa Lingua no xa famoso “ decretazo”( recurso que non anda alá moito). A el ao parecer tanto lle dá con tal de estar ( outra cousa é ser) e colle e ao referirse á nosa Lingua fala de “ pontes” e de “ muros” ( unhas para que e os outros de que, preguntamos). E nós dicimos sr. Presidente que a nosa Lingua é máis. A nosa Lingua é obra.
Por outro lado tanto se proclaman e anuncian, dáselle bombo, festas en galego e daquela péchaselle o picho da fonte a unha fundamental, o Correlingua, tan participativa, motivadora, de progreso e para sempre en clave de futuro. Concellos como o de Santiago ou A Estrada collen e póñenlle todas as chatas posibles e o segundo sácalle toda axuda por opinar que o texto gañador, o Manifesto de Correlingua, que foi elaborado por alumnos mozos do Centro Eso de Cesures, seica é excluínte. Habería que analizar o que iso ten de significado para estas autoridades ( das cales diremos que non son siquera moi usuarios do noso idioma e sóbense ao “ machito” dando interpretacións, as cales xa de primeiras, e para non impoñer nada, sería discutibles e imos ver logo ao que chegariamos).” Haberá Correlingua se amañan o Manifesto “ (vaites, vaites).
Iso si, outros dos seus, van e din que Don Valentín Paz Andrade foi un innovador da Galicia moderna ( e desta contemporánea, diremos que non). Miren ben os nosos gobernates onde estamos. U a Galicia moderna…? ( pensen). Tamén definiron a Don Valentín semellante “ a cen chaves de luz” , pois ben, desde o goberno moito fan por darlle a esas para que apaguen as luces ( e a poder ser que se fundan as bombillas para apago de vez e punto da nosa Lingua, Cultura, Historia e Pobo ). Claro que o farían , pouco lles importa a definición dada ou o título que outorguen, claro que si o farían de nós non remedialo, de nós non coller folgos e orgullo, confianza no que somos, pois guste ou non, nós somos nós ( aínda que os haxa que queren ser outra cousa para non se alonxar do mundo, din, e miren a onde poden ir parar desa maneira, aínda que de momento zugan da cana e gozan dos cargos sen moitas cargas). E miren senón unha mostra. O voceiro do PP no senado, lugués el ( como así lles dá chamo aos das murallas e da contorna, o escritor Paco Martín) vai e nunhas declaracións nun xornal colle e di: “ Galicia é o modelo económico a seguir no resto do país”. Está preciso que ao dicir país, refírese a España ( ao estado) e nós preguntámonos se para Galicia deixa “ región”, “ barrio periférico marginal”, “ terra de aló e meighas”,” pobo da pota máis grande de polbo”( “nacionalgrastronómico”), pois para el Galicia…non será nación…ou?.
Xa ven logo como imos, como nos queren levar e como nos queren traer. Ide a pola vila, ide…que nós estamos onde se cociña e as tixolas témolas polos mangos e os mangos das tixolas…tamén son nosos.Xa ven pois…que imos dicir…? Pensen no que nos pode vir senón facemos algo. Isto foi unha mostra de botón e xa que logo xa me dirán como será o traxe e as costuras.
DAVID OTERO ( mestre e escritor)
