Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 18.12.2014  | Actualizado 14.15

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS
  • Imprimir
  • Enviar por correo

A VOZ A TI DEBIDA

Londres chamando

JORGE M. DE LA CALLE  | 17.08.2011 
A- A+

'Londres chamando ás cidades lonxanas / agora que se declarou a guerra e estalou a batalla / Londres chamando ao inferno / Saíde do armario, rapaces e rapazas'. Disque parece a crónica en verso dos últimos disturbios acontecidos en Londres e outras cidades do Reino Unido, mais non é nin máis nin menos que o comezo dunha canción, quizais a canción por antonomasia, a máis coñecida pero non a única neste estilo, da mellor banda de punk-rock que existiu nunca, os británicos The Clash, co seu líder carismático, Joe Strummer. E a canción, London Calling, 'Londres chamando'.


Hai máis de 30 anos deste tema que definiu unha época, a de finais dos setenta, marcada pola crise do petróleo, as folgas mineiras e os recortes sociais e a represión do thatcherismo, mais o espírito del segue vivo, e a súa popularidade tamén (moitos xa o consideran o himno da revolución), seica porque as condicións das que naceu esa música permanecen infelizmente inalterabeis. Os recortes sociais e do déficit público anunciados hai pouco polo primeiro ministro Cameron, unidos á estraña morte dun mozo negro no empobrecido (mellor dicir isto antes que 'conflitivo') barrio de Tottenham, foron só as faíscas que prenderon a mecha dunha indignación acumulada durante décadas entre as clases máis desfavorecidas e as minorías étnicas do país.


Vendo as imaxes e lendo as crónicas dos días de terror que sacudiron a antiga metrópole do Imperio Británico, véñenme aos miolos imaxes do recente filme 'Neds', de Peter Mullan, de todo o cinema de Ken Loach e de Billy Elliott, de Stephen Daldry. Tamén ecoan na miña cabeza as cancións de The Clash ('Podes aplastarnos / Podes pegarnos / Pero terás que responder / Oh, ás pistolas de Brixton', Guns of Brixton) e un chisco as dos Smiths ('Pobre muller estrangulada na súa propia cama mentres lía / pero non pasa nada, / porque era vella e de todos modos tiña que morrer / Non culpes a este doce e terno hooligan / porque non volverá facelo nunca máis / (polo menos ata a próxima vez, non)', Sweet and Tender Hooligan) , con esa mestura de tenrura e violencia que impregna todas as súas cancións. Moita policía, moita mocidade delinquindo, moito parado, moita desorde.


Porque, que non nos enganen, como quixeron facer nun primeiro momento os conservadores británicos: os disturbios de Londres non responden a unha masa de mozos ociosos que se entregan de repente á delincuencia. Pode que a resposta á fatal crise na que viven as clases pobres e tamén as medias non sexa a máis apropiada, pero tampouco é estraña nun país onde 10 dos seus 60 millóns de habitantes residen en vivendas subvencionadas, e onde o paro e a marxinación acada cotas cada vez máis altas, sobre todo nos barrios máis deprimidos. O estalido da violencia é periódico cada pouco tempo, dende os oitenta levan sucedéndose diversas vagas de disturbios, e sempre co mesmo contexto e o mesmo detonante: un barrio multirracial, pobre e reprimido, e un tiroteo, asasinato ou detención inxusta entre algunha das minorías étnicas.


Se a globalización universalizou algo, foi tamén e sobre todo a crise, que agora se extende e enchoupa cada vez máis ás clases medias. Nestas pode haber un maior poder adquisitivo, menos dificultades para sobrevivir e polo tanto menos motivos para entregarse ao vandalismo. Pero o que tamén hai é un deterioro alarmante do sistema educativo, que xa reflictiron cineastas como Peter Mullan en NEDS (Non Educados e Delincuentes). O número de familias monoparentais sen traballo que non saben educar aos seus fillos vai en aumento. Os rapaces ateigan as rúas sen saber que facer, e sen un referente paterno que os guíe ou que tomen de exemplo, o que os leva a adoptar outros patróns de conducta que lles fai conseguir máis rápida e eficazmente o que perseguen: unhas cantas libras para a fin de semana, comida e cervexa, ou o último blackberry co que reunirse cos seus amigotes e convocar novas algaradas. Saquear e incendiar as casas e negocios dos teus compatriotas nunca está, obviamente, xustificado, pero as protestas dos que teñen motivos para protestar confúndense coa violencia gratuíta dos que só carecen de ideais e referentes ideolóxicos e morais claros nos que canalizar a súa protesta, e ao final todo convírtese nun extraordinario caldo de cultivo que dexenera nun auténtico totum revolutum: o caos económico e a violencia estrutural, xunto co deterioro da educación, só producen máis caos e violencia social.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS