Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 16.08.2018
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

A longa hexemonía machista

XOSÉ A. GACIÑO  | 10.03.2018 
A- A+

Imbécil, repugnante e puta son algúns dos insultos que pode recibir publicamente unha candidata ás eleccións presidenciais rusas, que se celebran o próximo 18 de marzo. Recibiunos, de feito, nun debate televisivo entre os sete candidatos decorativos que intentan facer algo de sombra ao único candidato realmente elixíbel, Vladímir Putin, que, naturalmente, nin se molestou en acudir. Entre eses sete aspirantes ao imposíbel, só hai unha muller, Ksenia Sobchak, quen, nese debate, se permitiu pedirlle calma a un vociferante Vladímir Zhirinovski (veterano candidato repetidor da extrema dereita, admirador de Hitler e partidario de reconstruír a grande Rusia imperial, ademais de expresar o seu apoio á independencia de Cataluña dentro do seu confesado obxectivo de destruír Europa). A resposta do interpelado foi nos termos sinalados ao principio, agudizados pola reacción de Sobchak de botarlle un vaso de auga para “refrescar” o ardor machista do adversario.

Podería ser só unha anécdota do típico macho alfa que nunca falta en calquera contexto, se non fose porque ningún dos outros cinco participantes nese debate dixo absolutamente nada, nin sequera o candidato Serguei Baburin, a quen Zhirinovski estaba rifando a berros cando Sobchak lle pediu calma. Ou se non fose porque o líder indiscutíbel, Vladímir Putin, tamén exerce de macho alfa, aínda que con certa sutileza (en comparación coa agresividade verbal do outro Vladímir). No documental que lle fixera o cineasta estadounidense Oliver Stone, o presidente ruso a perpetuidade xogaba á ironía con afirmacións como a de “non son unha muller, non teño días malos”. En realidade, aínda que os exprese de xeito máis diplomático, Putin comparte tamén os soños imperiais de Zhirinovski e os seus desexos de malograr a unidade europea (desexos estes últimos para os que conta con bastantes complicidades, conscientes ou inconscientes, en case todos os países da Unión Europea).

Conseguir superar a hexemonía machista de séculos, que está moi enraizada nos usos e costumes rutineiros, é un traballo a longo prazo, unha carreira de relevos, como di a filósofa Amelia Valcárcel para ilustrar os tramos que se van salvando nun percorrido que ela considera que é de avance. Pero está claro que non se corre á mesma velocidade nas diferentes sociedades e nas diferentes culturas, e que, nalgúns casos, mesmo se retrocede. Como está a ocorrer -e non só en materia de igualdade de xénero- nese país que, noutros tempos, pasaba por ser a referencia oficial da revolución proletaria.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS