Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 14.09.2019 Actualizado 15:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Lores recoñece que a súa preocupación é "que a xente quede en casa e pense que está todo feito"

PONTEVEDRA. EP  | 24.05.2019 
A- A+

O candidato do BNG a revalidar a Alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recoñeceu que a súa "preocupación" ante a xornada electoral deste domingo "é que a xente se poida quedar en casa e pense que todo está feito", polo que fixo un chamamento a acudir ás urnas.

Lores mantivo este venres un encontro coa prensa acompañado de varios integrantes da súa candidatura para facer un balance de campaña, desde onde instou a que "ninguén quede en casa, porque existe un certo risco de volta atrás".

O actual alcalde advertiu de que os seus rivais políticos, "aínda que todos din que queren o modelo" de cidade implantado e desenvolvido na súa xestión, "porque está asumido socialmente", presentan e expoñen medidas que supoñen "unha volta atrás". "É importante que vote canta máis xente mellor, porque hai certas propostas e comportamentos de todos os partidos que me fan pensar nunha posible volta atrás".

Fernández Lores comentou que lle pareceu "alucinante" ver ao candidato do Partido Popular subíndose a un compostero cun pico, o que demostra que "estes señores queren destruír" o construído "entre todos".

Neste sentido tamén citou o posicionamento dalgúns partidos contra os pasos sobre elevados da cidade "modelo de mobilidade e seguridade viaria en todo o mundo".

Igualmente criticou o estacionamento da 'Rafaneta', a furgoneta electoral do PP, nas prazas da Peregrina e da Ferrería. "Expulsando aos nenos que están a xogar coas pombas, o que é indicativo do que hipoteticamente poderían facer, porque seguen lanzando as mensaxes de que Pontevedra está pechada".

Tamén lembrou que hai outras forzas que non queren o futuro paseo a Marín ou a circunvalación da cidade, "a única de todo o Estado que non a ten". Por iso, sostivo que os partidos políticos en campaña queren "unha volta ao pasado", pero asegurou que para o BNG "o futuro de Pontevedra non está na industria pesada".

"As cidades están a ir polo camiño 4.0: inclusivas, igualitarias, agradables, innovadoras, creativas... ese é o futuro Pontevedra". "Os pontevedreses queren seguir mellorando e avanzando, e estamos en condicións posibles para dar un salto adiante que vai traer moitos retornos".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS