Hemeroteca web
|
RSS
Mércores 22.05.2013
| Actualizado 10.31
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Rafael Louzán, asegurou que a decisión do alcalde de Portas, Roberto Vázquez Souto, e dos seus seis concelleiros de solicitar a súa baixa no Partido Popular é "sen dúbida" a mellor decisión que se podía tomar, despois de que o rexedor recoñeceu que cometeu un delito fiscal.
A preguntas dos medios durante a rolda de prensa habitual dos venres na Deputación de Pontevedra, Louzán explicou que "conxuntamente" o PP tomou esta decisión "ante o dano que se lle pode producir ao Partido Popular", unha medida "que non foi doada despois de 25 anos de militancia".
Tras esta marcha, o PP perde toda a súa representación municipal en Portas. Preguntado pola posibilidade de adoptar unha solución alternativa e menos lesiva para os intereses do PP, como fixo Gerardo Conde Roa coa súa dimisión como alcalde de Santiago de Compostela, Rafael Louzán afirmou que "aínda é pronto" para saber qué "futuras decisións" tomará o rexedor, pero que en todo caso conta "coa súa colaboración".
Louzán mostrou o documento no que o rexedor e os seus seis edís solicitan a "baixa provisional" do PP e mesmo facilitou unha copia do escrito aos medios de comunicación. O presidente provincial reivindicou que o PP "cumpre taxativamente cos estatutos e vai unha vez máis por diante dos acontecementos que poidan poñer en entredito a imaxe e o labor deste partido".
En calquera caso, recordou que "a día de hoxe, o alcalde de Portas, Roberto Vázquez, non está condenado por nada, senón que hai un proceso xudicial aberto". En todo caso, recoñeceu que Vázquez solicitou un acordo de conformidade coa Fiscalía, o que supón o recoñecemento tácito da comisión dun delito fiscal a cambio dunha rebaixa da condena.
"NON É DOADO PARA NINGUÉN"
"Adoptar este tipo de medidas non é doado para ninguén, nin para min como presidente provincial, nin para o alcalde que leva máis de 20 anos militando no partido, nin para os sete concelleiros que causaron baixa", expresou Louzán.
Nesta liña, o mandatario provincial sinalou que "a sociedade saberá valorar as decisións" que toman dende o seu partido, xa que "ao PP sempre se lle esixe máis que ningún outro partido". "Non só ten que gañar eleccións, ten que dobrar o rival e tamén se lle esixe maior grao de transparencia", dixo.
Louzán subliñou que "pola contra, noutros partidos non se toman este tipo de medidas", e puxo como exemplo o PSOE coa imputación do alcalde de Lugo, José López Orozco, ou do exministro José Blanco.
"A pesar de calquera diferenza que poida haber, no Partido Popular non esquecemos o traballo das persoas que fixeron moito polo partido e durante moitos anos, porque no PP hai unha unidade e un respecto en torno ao seu presidente, algo que non poden dicir outros", concluíu.
