Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 23.04.2019 Actualizado 20:25
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O domingo 13, no Principal de Santiago

Luís Tosar e Yolanda Castaño presentarán o 'Implícate' de 2013'

Será unha noite de música e palabra solidaria // Convidan á cidadanía a participar na gala para dar "unha lección de responsabilidade", ante os últimos recortes en cooperación

Yolanda Castaño, María Reimóndez e Luís Tosar - FOTO: Fernando Blanco
Yolanda Castaño, María Reimóndez e Luís Tosar - FOTO: Fernando Blanco

SANTIAGO. EP  | 09.01.2013 
A- A+

Luís Tosar e Yolanda Castaño serán os encargados de presentar a VIII edición de 'Implícate 2013', unha noite de música e palabra solidaria que contará con actuacións de diferentes disciplinas como literatura, danza, música e teatro, co obxectivo de visibilizar o traballo da asociación 'Implicadas non desenvolvemento' e recadar fondos para os seus proxectos.

Na presentación do espectáculo, este mércores, a escritora Yolanda Castaño cualificou o elenco como "impresionante" e matizou que na parte musical han procurado que haxa a "máxima diversidade", para tocar diferentes estilos musicais pero "sempre desde o galego".

Así, con respecto á danza, o espectáculo contará coa participación da compañía Quique Peón; no referente a literatura, amenizan a noite Anxo Angueira, Carlos Negro, Eva Veiga e María Canosa; no apartado de teatro, Roberto Villar, Ruben Riós e Estibaliz Veiga; e no que respecta a música, Xoán Curiel, Ses e Budiño.

Pola súa banda, o actor galego Luís Tosar contou que durante os dous últimos anos estiveron gravando o documental 'Cambia de papel', do cal dixo que están "moi orgullosos" e do que se poderán ver algunhas partes na gala de 'Implícate'.

O espectáculo celebrarase o vindeiro domingo, 13 de xaneiro, no Teatro Principal de Santiago de Compostela ás 20.30 horas, cun prezo de 12 euros por entrada, oito euros para estudantes. As entradas pódense adquirir en Novagalicia Banco, no propio Teatro Principal ou chamando ao número 902 43 44 43. Os presentadores da gala, Luís Tosar e Yolanda Castaño, recomendan coller as entradas antes de tempo, xa que outros anos o propio día do espectáculo xa estaban esgotadas. 

'IMPLICADAS NON DESENVOLVEMENTO'

'Implicadas non desenvolvemento' é unha asociación cuxo principal obxectivo é conseguir un nivel de desenvolvemento que permita ás comunidades a autogestión dos seus recursos, por iso, os seus programas levan a cabo "respondendo necesidades reais da comunidade".

A presidenta da asociación, María Raimóndez, matizou durante a presentación de 'Implícate 2013' que ven a pobreza como un problema político, e que desde a asociación convidan á cidadanía a participar na mellora da situación asistindo á gala, para dar "unha lección de responsabilidade", en vista de que a Xunta "suspendeu todas as axudas de cooperación ao desenvolvemento".

Ademais, indicou que este é un ano especial para a organización, xa que cumpre 15 anos, e remarcou caracterízanse por traballar desde Galicia e "desde a lingua da comunidade".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS