Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 09.04.2020 Actualizado 20:35
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Luís Villares anuncia o seu adeus á política para regresar ao seu posto como xuíz

Luis Villares na rolda de prensa na que anunciou o seu adeus á política - FOTO: PEPE FERRÍN / AGN
Luis Villares na rolda de prensa na que anunciou o seu adeus á política - FOTO: PEPE FERRÍN / AGN

SANTIAGO. EP  | 19.02.2020 
A- A+

O portavoz de En Marea, Luís Villares, anunciou este mércores que non concorrerá ás eleccións primarias do seu partido para elixir candidato á presidencia da Xunta e, por tanto, dá un paso atrás na primeira liña política e volve á xudicatura. "Deixo a política e volvo ao meu posto de traballo", confirmou Villares, que pediu unha excedencia no verán de 2016 do seu posto como maxistrado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para ser entón a cabeza de cartel do partido instrumental En Marea.

Despois de que o proxecto que el lideraba conseguise en 2016 ser a forza da esquerda máis votada, unha lexislatura máis tarde decidiu dar un paso atrás acreditando, dixo, visiblemente emocionado e mesmo por momentos choroso, que el veu facer política e non a ser político. "Non vin perpetuarme en ningún posto".

Nunha rolda de prensa chea de críticas ás cúpulas de Podemos, Anova e Esquerda Unida, confesou que durante este catro anos á fronte de En Marea sentiu que a chamada coa que os dirixentes deses partidos recorreron a el para representar o proxecto de unidade popular no verán de 2016 foi "unha trampa" porque resultou, ao seu entender, unha "escusa" para que "algúns puidesen facer o de sempre".

Rememorou Villares a súa chegada á política no verán de 2016 cando o chamaron para participar nun proxecto "plural" que, con todo, non foi tal. "As cúpulas impediron desde o primeiro momento que esa alternativa cidadá de base florecese plenamente", certificou.

Ao longo deste tempo sentiuse "un bicho raro" e un "intruso" por preocuparse "máis polos de fóra que polos intereses da organización", sendo unha decisión que pagou cara posto que, ao seu xuízo, tanto a "inocencia como a ética páganse caras en política".

"Por esa razón, e dígoo con pesar, estamos na mesma casa que fai catro anos", ante unha "desbocada carreira polo de sempre, por unha cadeira de brazos", porque as diferenzas entre as distintas correntes que conforman o denominado rupturismo, nunca son programáticas senón de liderados.

"Chamáronme e alí fun, sen preguntar máis" e, aínda que admitiu, ao longo destes case catro anos que se viu tentado a abandonar a política, non o fixo por "responsabilidade" coas máis de 270.000 persoas que confiaron nel nos comicios autonómicos de 2016 atendendo ás promesas coas que concorreu En Marea ás eleccións.

Agora, aínda que admite a súa "parte de responsabilidade" no fracaso do proxecto, séntese "apenado e frustrado por non cumprir con ese encargo cidadán" que lle outorgou a sociedade galega co ánimo de cambiar as cousas.

Con todo, e a pesar das críticas profesadas aos partidos motores da confluencia, Villares considerou que el aínda cre que hai unha posibilidade de chegar a unha candidatura unitaria; "aínda é posible se a xente deixase de mirar o embigo".

Para Villares, Galicia aínda necesita que as forzas progresistas cheguen a un acordo entre iguais que permita desbancar ao PP do Goberno galego. "Non entendo por que nos temos que enfrontar as mareas con Anova, con Esquerda Unida, con Podemos, co Bloque e se me apuras co PSdeG", expresou.

Así as cousas, o até agora líder de En Marea sinalou por tanto que aínda queda "marxe" para que os partidos "tomen nota" e alcancen un "acordo amplo, inclusivo e de carácter progresista", o que ao seu criterio a xente necesita porque Galicia "é un país que só espera oportunidades para vivir algo mellor".

O futuro de En Marea está agora no aire. No seo da formación decidirán se continúan coas primarias en marcha e concorren ás eleccións en solitario ou no marco dunha coalición.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS