Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

PREVENCIÓN

Lumes en tempo real

Medio Rural terá localizados por GPS os medios para actuar ·· O dispositivo amplíase a 1.400 efectivos ante unha perspectiva "complicada" tras seis meses de seca

E.P. . SANTIAGO   | 19.02.2008 
A- A+

Antonio Hernández
O conselleiro Suárez Canal, á esquerda, e o director xeral Alberte Blanco
FOTO: Antonio Hernández

Todos os incendios forestais que se produzan en Galicia estarán localizados visualmente en tempo real polo Centro de Coordinación do Servizo de Defensa contra Incendios forestais, situado en Santiago, que terá acceso a través de GPS á posición exacta dos 1.200 medios de extinción cos que conta. Deste xeito, o mando único poderá decidir a estratexia de actuación con "maior eficacia" e "seguridade" para os efectivos que actúen.

Para iso, a Consellería de Medio Rural investiu 500.000 euros para renovar as instalacións do Centro de Coordinación cun modelo avanzado de comunicacións, deseñado pola Dirección Xeral de Montes e a Universidade de Santiago, completado coa aplicación dun sistema de posicionamento de vehículos sobre ortofotos e cartografía de actualidade. Ademais, un vídeo-wall capturará a imaxe de computadores e das cámaras situadas nos montes.

A incorporación de GPS nos medios -aéreos, motobombas, maquinaria pesada, todoterreos, vixilancias móbiles, postos de mando avanzado e cooperativas de utilización de maquinaria agrícola- non foi a única novidade presentada por Medio Rural para a loita da "secuela" incendiaria que rexistra Galicia, dunha media de 10.000 incendios anuais. Precisamente, o conselleiro aproveitou para confirmar a contratación a partir de hoxe dos 610 brigadistas fixos discontinuos, co que o dispositivo se verá reforzado ata chegar ós 1.400 efectivos ante unha perspectiva "complicada" por "seis meses de seca acumulada".

 

Activada a precampaña antes da primavera

Suárez Canal recoñeceu que o clima é un factor "moi importante" para determinar o adianto ou non da contratación, como este caso, dos fixos-discontinuos ou para activar a precampaña -habitualmente na primavera- ou a época de alto risco, que adoita ser catro meses durante o verán. Para iso, valorou que se conta cun dispositivo "moi flexible", cuxo persoal fixo está operativo os 365 días do ano.

O DATO

As lapas obrigan a cortar a autovía das Rías Baixas

A ondada de incendios que comezou o sábado co rexistrado en Aríns, nunha zona moi próxima ó monte Gaiás en Santiago, continuou o domingo á noite en Vigo. Unhas brasas acendidas nunha churrasqueira dunha casa de Vigo, que os donos da vivenda esqueceron, orixinaron un lume que se estendeu e causou danos en parte do inmoble e nunha parcela de monte duns 1.000 metros cadrados. O servizo de extinción acudiu ó lugar ao redor das 1.00 horas, cando as lapas se propagaron, afectando a un galpón e a un anaco de monte que rodea esta casa na parroquia viguesa de Matamá. Tamén na provincia de Pontevedra, un incendio provocou o corte da autovía das Rías Baixas, A-52, entre as localidades de Melón (Ourense) e A Cañiza (Pontevedra) durante unha hora e media. Segundo a Garda Civil de Tráfico, o luns, sobre as 2.34 horas, procedeuse ó corte da A-52, que une Benavente e O Porriño, debido ó lume que afectou a autovía. Sobre as 4.00 horas renovouse o tráfico rodado.

O Exército estará presente no verán

Suárez Canal revelou que esta semana se celebrarán reunións coa Garda Civil e a Policía para "deseñar" o operativo que "minimice" a autoría "delituosa" detrás dos incendios. En concreto, apuntou a primavera como a época na que se prevé que se reforcen estes efectivos, que pretende que sexan na "mesma proporción" que o ano pasado. O conselleiro tamén quere volver a contar coa presenza do Exército na época do alto risco do verán. Suárez Canal mostrou o seu interese en que se produza na mesma "intensidade e cantidade" que en 2007: uns 1.500 efectivos.

Da lousa branca ó vídeo-wall

As melloras do Centro de Coordinación "representa un antes e un despois" para o director xeral de Montes, Alberte Blanco, quen asegurou que a lousa branca e os rotuladores de cores serán substituídos polo vídeo-wall con seis pantallas. Non obstante, Suárez Canal asegurou que non se poden caricaturizar os medios dos que dispuña o anterior Goberno e considerou de "xustiza" recoñecer o bo funcionamento do dispositivo de extinción nos 16 anos da Xunta de Fraga.

Acabar cos delitos e as neglixencias

O conselleiro de Medio rural admitiu que o clima "non é a única variable" á hora de activar a campaña de alerta contra os incendios, xa que recordou que os montes "arden porque existe unha man delituosa ou neglixente detrás". Por iso, destacou a importancia das forzas de seguridade do Estado (Garda Civil e Policía) e o Exército "para que os delincuentes non o teñan fácil". De aí, a necesidade de contar con estes corpos para "disuadir" as posibles accións dos pirómanos.

AS FRASES

Alfredo Suárez Canal

"Esta renovación do Centro de Coordinación é un paso adiante e un salto importante no camiño da modernización e profesionalización do dispositivo"

Alberte Blanco

"Acábase cos medios pretecnolóxicos e rudimentarios. Unha lousa branca e os seus rotuladores de cores serán substituídos polo vídeo-wall con 6 pantallas"

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS