Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

Máis 'Dalma' para vivir intensamente

RUTH FERNÁNDEZ  | 08.03.2016 
A- A+

Seguimos mergullados nunha situación de inestabilidade política que convida a unhas novas eleccións. Volverá ese ir e vir de papeletas e de megafonía que soa como a música que anticipa as coiteladas do baño na película de Psicosis? Enferma me poñen os coches en campaña electoral cando pasan pola rúa coa musiquiña elixida para traer á memoria a cada partido político. Pero peor me senta ver o reparto de propaganda electoral duns e doutros, especialmente dos grandes grupos do bipartidismo. Menos papel e máis comida para os máis desfavorecidos, por favor. Porque co que gastan en publicidade, para empapelar rúas… ben poderían dar de comer a xente que non dispón de recursos. Aí non recortamos, claro. Iso é ir en serio? E agora… volverase repetir ese despilfarro?

Mentres o ardor de estómago fai acto de presencia con este panorama… desfruto da música do que sempre foi o meu ídolo, o mellor antídoto contra o veleno que estes días se lanzan os dirixentes das distintas cores co propósito de formar goberno, logo de ver que non houbo un claro vencedor nas urnas do pasado 20 de decembro e que se fai moi difícil chegar a un acordo, malia ós intentos da esquerda por evitar as eleccións que ninguén quere, malia ós esforzos por lograr o cambio.

Sergio Dalma publicou a finais de ano un novo álbume, calificado como máis moderno e atrevido. Trátase do número 17 da súa discografía, titulado esta vez co nome de ‘Dalma’, por tratarse un dos máis persoais da súa carreira. Nos andeis onde gardo a música, Sergio Dalma ocupa un lugar privilexiado, el ben o sabe.

Dende aquel ‘Esa chica es mía’ ata ‘Cadore 33’, dende o ano 1991 ao 2013, pasando por ‘Sintiéndonos la piel’, ‘De otro color’, ‘A buena hora’ ou ‘Vía Dalma’. Todos os traballos que edita son recibidos polos seus seguidores como auga de maio, e neste 2015 a aparición de ‘Dalma’ non foi menos. Moi recomendable! Foi moi bo agasallo de Nadal, do día dos Namorados… aqueles que non o teñan… xa saben…

Hoxe escóitoo co fervor da adolescencia, coa mesma devoción. Este disco serve para conmemorar os seus vintecinco anos no mundo da música, para deixarnos claro que segue tan vital coma sempre, posto que é dos que afirman que seguirá aí mentres poida transmitir nos concertos a forza de sempre, nada de cantar sentado. Cando non poida facelo así, á súa maneira, di que se retirará.

Mantenerse tanto tiempo es difícil, pero lo importante es estar y tener inquietud, buscar cosas nuevas e intentar sorprender’, afirma. Esa vitalidade que transmite en cada directo é o mellor agasallo que nos pode dar ós seguidores, que quedamos coas pilas cargadas ata o seu novo disco ou o seguinte concerto. Sergio Dalma fai vivir intensamente.

Facía preto de doce anos que non gravaba en España e quería probar neste disco un novo son, demostrar que Sergio Dalma non é só o cantante da voz rota coa que sempre o indentifican, que ten outras cores na voz. ‘En directo la gente se da cuenta de que no soy ese baladista al que siempre han querido ponerle la etiqueta. No, yo soy un cantante pop, soy como los actores: no me gusta que me encasillen’, sinala. Así, neste traballo mesmo se animou a incluír un tema escrito por el mesmo. Para min, un dos mellores.

Xa en ‘Cadore 33’ se vía unha importante evolución, tendo presente o que Sergio Dalma admite: ‘un tipo de 49 años ya no está para canciones ligeras, sino historias potentes, verdaderas, maduras’. Co 25 aniversario da súa carreira e cos seus 50 anos, gravou un CD - DVD na praza de touros de Madrid ‘Las Ventas’, baixo o nome de ‘Yo estuve allí’. E hoxe en ‘Dalma’ temos 11 cancións obra de artistas tan dispares como Conchita, Pablo Cebrián, Iván Ferreiro ou o propio Sergio Dalma, como dixen antes, que convirten este disco no máis ecléctico, pero sacando o mellor de sí mesmo. 'Solo para ti', ‘Galilea’ ou 'Bailar pegados' xa son hoxe temas que se consideran como himnos. Agardamos que detrás destes veñan moitos máis. Deste disco son moi especiais ‘Esta vez’, ‘Si la ves’ e ‘Tú y yo’. Grazas sempre por estar con nós! Grazas por invitarnos a vivir intensamente.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS