Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 23.04.2018 Actualizado 13:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Máis debate, máis análise de fondo

MANUEL MERA  | 04.04.2018 
A- A+

Algúns dos organismos económicos internacionais que apostan pola globalización, como o FMI, revisaron á alza o medre do PIB no Estado español pra este e máis o vindeiro ano. Con tal motivo, tanto o Governo central como a Xunta de Galiza botan peito, e reafírmanse nas súas políticas de axuste pra os de abaixo. En realidade, trátase dunha rectificación dunhas décimas, que depende máis do contexto internacional, que das dinámicas económicas internas. Tanto o Governo central como a Xunta, especialmente esta última, teñen pouca ou ningunha iniciativa, aplican as decisións que se toman en Bruxelas, que só cuestionan en casos moi específicos. Só mostran os dentes cando atinxen aos grandes grupos económicos privados, como a banca, a enerxía e as telecomunicacións, con fortes intereses no Estado español e no exterior, como por exemplo na América Latina. En fin, como o papel de socios menores de Alemaña e Francia élles funcional, ceden en determinadas áreas pra garantir noutras a expansión exterior con privilexios. Non é unha cuestión de soberanía.

Porén, esta asociación político-empresarial que dá pulo á globalización neoliberal ten grandes custes sociais e ecolóxicos en todo o mundo, e moi especialmente no Estado español que é o terceiro en desigualdade e ten a segunda maior taxa de desemprego da Unión Europea. E o máis grave, esta tendencia non deixa de medrar, afectando non só á clase traballadora (incluídos os falsos autónomos) senón tamén a unha gran maioría dos/as pensionistas. O PIB e os lucros empresariais crecen sustentados na precariedade e nos baixos salarios, que aumentan as exportacións, así como no auxe do turismo polas dificultades que existen en países competidores, como Tunisia, Grecia, Exipto, Turquía, etc. É un crecemento con pes de barro, conxuntural, e que só beneficia ás grandes corporacións e fortunas, e a unha franxa estreita das clases medias acomodadas.

Un modelo de crecemento que alenta a concentración da economía nas clases dominantes, e que ademais dá pulo á centralización da riqueza e do traballo en determinados territorios do Estado, en prexuízo doutros, como Galiza. Un fenómeno que se evidencia na forte porcentaxe de emigración da mocidade e na queda do número de habitantes, malia a forte entrada de inmigrantes, ou en que unha boa parte das empresas estratéxicas pecharon ou foron mercadas por capital foráneo. Todo isto evidencia que o rol subalterno da nosa economía non é conxuntural, senón que ten un carácter estrutural. Resulta absurdo, cando non cínico, que se considere o aumento do PIB por persoa como un exemplo do desenvolvemento do país, cando este se consegue a costa da emigración, baixa natalidade, e sacrificio do mundo rural. O dato importante é que cada vez temos un menor peso na povoación do Estado, ou sexa, no reparto do poder e da riqueza. É como cando as familias perden membros, aumentando artificialmente os ingresos dos que fican. Así non se constrúen os alicerces dunha economía capaz de ofrecer un futuro mellor prás clases populares.

O preocupante é que, diante deste panorama tan desolador pra maioría, a Xunta de Galiza carece de calquera iniciativa, proxecto de desenvolvemento e de ordenación do territorio. Cal é a Galiza que queremos pra o futuro? Seguiremos aplicando como alumnos/as avantaxados as decisións que se toman en Bruxelas e Madrid, pelexando exclusivamente por acadar máis migallas do orzamento do Estado? Seguirase construíndo os hospitais e outras obras públicas necesarias, hipotecando con cretos o futuro, e deixando a súa xestión en mans privadas pra beneficio do capital? Cómpre un debate a fondo sobre o modelo económico e social, sobre a relación de Galiza co Estado español e a Unión Europea. Superando as análises de conxuntura e sectoriais, e as visións a curto prazo.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS