Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Máis do 80% dos concellos galegos súmanse ao convenio para a xestión da biomasa preto das casas

SANTIAGO. EP  | 28.11.2019 
A- A+

Máis do 80% dos concellos galegos xa están adheridos ao convenio de protección das aldeas subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga para a posta en marcha dun sistema público de xestión da biomasa preto das vivendas.

En total, son 252 os entes locais incorporados ao acordo e outro tres están a ultimar os trámites para adherirse (Laxe, Foz e Muxía), tal e como explicou o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a firma este xoves dunha adenda do acordo co presidente saínte da Fegamp, Alfredo García, e co director xerente de Seaga, Pablo Arbones.

Diso deu conta a Consellería de Medio Rural nun comunicado, no que precisa que, dos municipios galegos adheridos, 84 pertencen á provincia de Ourense, 70 á da Coruña, 50 á de Lugo e os 48 restantes á de Pontevedra. Ademais, a Xunta entregou os plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais a 124 destes concellos incorporados.

A adenda asinada este xoves, conforme sinalou o departamento autonómico, dá continuidade ao acordo rubricado en agosto de 2018 e renovado en abril de 2019. En total, conta cun orzamento de 36,7 millóns de euros, dos cales a Xunta achega 28.

NOVIDADES
O documento contempla como novidade o desenvolvemento dunha ferramenta móbil (APP) que facilitará a consulta da base de datos para o apoio ás tarefas a realizar sobre o terreo, no relativo ao control das actuacións en campo que contempla o convenio.

Este instrumento complementa o sistema informático Xesbio e ten como obxectivo axilizar os procesos de rexistro da información asociada aos labores 'in itinere'.

Outra mellora introducida é a posibilidade de que os concellos adheridos poidan, con cargo ao convenio, realizar execucións subsidiarias para a xestión da biomasa en até cinco hectáreas. Isto beneficiará aos municipios sumados ao sistema e que non contan con parroquias priorizadas.

Así mesmo, introdúcese tamén a figura das iniciativas estratéxicas, que serán aqueles proxectos de mobilización de terras en fajas secundarias que, aínda que non cumpren os requisitos esixidos para converterse nunha aldea modelo por razóns técnicas, considérase de especial transcendencia a súa mobilización para reducir o risco de incendios.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS