Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 24.05.2019 Actualizado 20:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Máis humanos… talvez

RUTH FERNÁNDEZ  | 02.01.2019 
A- A+

A chegada do Nadal faise efectiva co sorteo da lotería o día 22 de decembro. Esa data, e non a do 24, é a que en realidade marca a entrada neste tempo no que os bos sentimentos gañan á razón en todo o que facemos. Volvémonos, se cadra, un chisco máis humanos. Espertamos co son dos nenos de San Ildefonso e xa respiramos que é Nadal… En realidade non importa onde caera o Gordo, porque sabemos que son días de reunirnos coa familia, de estar xuntos, de compartir e sentir amor. Esa é a mellor lotería, o mellor agasallo. Aínda que no fondo quede unha pequena esperanza, ou un utópico desexo, de que algo nos toque para cumprir algún antollo.

Miramos ós ollos das persoas como non facemos o resto do ano. Asoláganos algo… como chamalo? Difícil tarefa, a verdade… É unha sensación de ledicia que inunda os corazóns máis duros e que nos volve á infancia de novo. Concretemos: se nalgunha ocasión os que me ledes tivestes a oportunidade de visitar o Belén de Begonte na vosa nenez, sabedes ó que me refiro. Recibimos estas datas de Nadal coa mesma ilusión que un neno contempla o espectáculo do belén electrónico por vez primeira e retén para sempre na memoria a esencia do Nadal galego que quedou gravada na súa retina infantil. Aínda que a vida dea voltas e máis voltas e o traballo ou a familia o afasten do seu lugar natal para vivir a moitos kilómetros de distancia, o máxico daquel día no que cos pais e cos avós se achegou a este punto emblemático da Terra Cha perdurará e será lembrado en cada Nadal. Por moitos anos que pasen, por moitas experiencias que se vivan… noutros países, noutras culturas.

É certo que en Begonte, como lles digo eu ós amigos, o visitante aprende o auténtico significado da palabra Nadal, máis alá do que o dicionario nos poida ofrecer. A palabra posúe xa unha connotación especial para os que algún día vivimos a súa esencia. Por ese motivo tratamos de que os que non o coñecen se acheguen á súa maxia. Talvez se o espírito que nos invade polo Nadal e que nos fai ser un pouco máis humanos pervivise nos nosos corazóns o resto do ano o mundo funcionaría algo mellor. E non habería crimes, asasinatos, violencia nin maltrato. Talvez se de verdade a maxia que compartimos durase os 365 días do ano non teriamos que reivindicar un 2019 sen machismo, por exemplo.

Estes días de celebracións, de festas e bos momentos coa familia e cos amigos, de risos e lembranzas, nos que todos subimos de peso polos excesos nas ceas, nos que brindamos facendo bos propósitos para o anivovo… non podo evitar o recordo da compañeira de profesión asasinada antes de comezar o Nadal. Refírome á docente Laura Luelmo, quen seguro tamén tería grandes ilusións para celebrar o Nadal cos seus achegados ó comezar as vacacións tras rematar a substitución no centro de ensino no que estaba a traballar. Pero non chegou para ela o Nadal. Non sentiu a maxia destas datas porque lle arrincaron a vida sen piedade. Inxustamente.

Sinto dor ó ter que lembrar a situación de desamparo que seguimos a vivir as mulleres cando decidimos camiñar soas pola rúa. Por que non podemos sentirnos seguras, de día e de noite, en mallas de correr ou con escote e falda curta? Por que hai que seguir simulando que falamos polo móbil ou que alguén nos espera á volta da esquina? Por que non podemos camiñar con paso firme e a certeza de sabernos libres e seguras de verdade? Sen que nos xulguen, sen que nos vixíen e teñamos que seguir manifestándonos por un futuro en igualdade, enchendo as rúas de cor violeta. É o que pido dende aquí ós Reis Magos. Eso figura en primeiro lugar na miña Carta: quero un 2019 sen violencia machista, onde cada muller poida sentirse libre e segura. Que a maxia do Nadal asolague todos os corazóns e nos faga un chisco máis humanos! Neste día primeiro do ano, pido que o 2019 traia boas noticias, amosando que a sociedade está a cambiar e que somos mellores persoas, que practicamos a empatía e consideramos iguais ós que conviven con nós, homes e mulleres.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS