SANTIAGO. EP
Os sindicatos de función pública --CIG, CC.OO., UGT e CSI-F--, aos que se uniron USO, Satse e SAE, convocaron protestas nas sete grandes cidades galegas este xoves, co fin de manifestar o seu rexeitamento ás medidas aprobadas pola Xunta neste ámbito.
Os traballadores públicos, manifestaron as plataformas sindicais nun comunicado, volven manifestarse "en contra da política de aforro que está a poñer en práctica a Xunta" e que "fai recaer o peso dos recortes" nos funcionarios.
Así, manifestaranse por terceiro xoves consecutivo en contra das medidas do Goberno galego, que finalmente aprobou o xoves pasado o anteproxecto de lei de medidas no emprego público coa oposición dos sindicatos, que insistiron en pedir a retirada do texto.
As manifestacións serán ás 19.00 horas en todas as cidades. Na Coruña sairá da Praza de Ourense; en Ferrol comezará na Praza de España; en Santiago, na do Toural; en Pontevedra, na da Peregrina. En Vigo, a convocatoria é ante o Marco, mentres que en Ourense a manifestación sairá do Pavillón dos Remedios e en Lugo do edificio administrativo da Xunta.