Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Males maiores

JOAQUIM VENTURA  | 27.04.2018 
A- A+

A resolución do caso Cristina Cifuentes (polo menos en canto á presidencia da comunidade de Madrid) é unha mostra de como non se deben facer as cousas. A lóxica e o sentido común aconsellan procurar -sempre que sexa posible- o mal menor nunha situación de conflito. Saber que hai que pagar un prezo pero buscando que este sexa o menor posible. A cousa complícase cando non hai disposición de pagar prezo algún, nin que sexa por disimular.

E foi esta última situación a que se propuxo a cúpula do Partido Popular –con Mariano Rajoy á cabeza- para saír dese fondo de saco na que se meteu e o meteu a dimitida presidenta madrileña: en troques de ir coa verdade –por mínima que fose- por diante, todo o feito respondía a cálculos políticos dignos do máis estreito maquiavelismo.

Tal vez sexa consecuencia de cumprir anos pero un servidor cada día se alporiza menos e comprende máis certas situacións, por indignas que aparezan aos nosos ollos. Pero, alerto, comprender non supón tolerar nin, moito menos, aceptar. E na teima amosada por Cristina Cifuentes cando foi pillada con ese carriño dos xeados que foi o máster falso pola URJC, tanto culpa tivo ela como aqueloutros que a aplaudiron.

Dicía que poido comprender o proceder da xa expresidenta, nunha idade na que cal cómpre ir pensando nun futuro retiro despois de tantos anos de dedicación á política, un oficio que nunca tes asegurado porque depende da volatilidade dos votos. Daquela, enténdese que procurase unha saída para cando chegase o momento de volver á praza de funcionaria -agora en excedencia- na Complutense. Coa licenciatura prorrogaría como funcionaria do grupo B pero de ter máis nivel, podería tal vez optar a unha praza de profesora.

E ese maior nivel podería darllo un máster, que foi obtido –como xa sabemos- de maneira fraudulenta grazas a certos contactos e amizades. Non o precisaba para o seu quefacer político senón para cando este rematase. Obviamente, tal cousa non tiña unha dimensión individual: houbo quen, por razóns diversas, estivo disposto a manter e protexer a trampa, a saber a cambio de que. O certo é que o prestixio da URJC ficou polo chan, comezando polo seu reitor, que se engadía a algúns antecesores de traxectoria máis que discutible.

Iso, con ser moi grave, non sería o peor. Nin tampouco o sería a teima de Cifuentes en resistirse á dimisión (malia a chulería esa de “no me voy: me quedo”). Porque ao cabo, todo presunto criminal –e séxame perdoada a esaxeración- ten dereito a mentir e a negar os feitos. O peor foi a actuación do PP: tanto a dos parlamentarios na Asemblea de Madrid como a do resto dos dirixentes a escala estatal, especialmente na convención celebrada en Sevilla. Malia as evidencias e as mentiras continuadas da presidenta madrileña –mesmo en sede parlamentaria- negaron por activa, pasiva e perifrástica a súa conduta reprobable. Non so iso: amosáronlle o seu apoio entusiasta como se fose vítima dunha pérfida conspiración xudeomasónica de socialistas, podemitas e prensa de esquerdas.

Un aguante que comezou a facerse insoportable cando a primeira actitude conciliadora de Ciudadanos non tivo outra continuidade posible que a de dar apoio á moción de censura presentada polo PSM-PSOE con apoio de Podemos. Pero aguante que se mantivo para deixar en evidencia que o partido laranxa ficaría situado nunha conivencia coas esquerdas. Puro tacticismo, coa presidenta da Asemblea de Madrid retrasando a data da sesión da moción.

E perante o risco de perdelo todo por esas teimas opostas, desde a dirección do PP –sector marianista ou ide saber se outro- non houbo máis remedio que aplicar auga quente para desfacer a adhesión de Cifuentes á butaca presidencial: filtrar o vídeo do supermercado (oportunamente copiado e gardado). Facela caer por un furto sen máis importancia desviaría, de paso, o asunto do máster, e conxuraría o perigo da moción das esquerdas.

Amortizada a presidenta dimitida, moitas pinzas no nariz terán que poñerse os deputados autonómicos de Ciudadanos para dar o seu apoio a un eventual candidato limpo, se é que os hai. Moralmente, penso que non, pois todos sen excepción sostiveron a Cifuentes na mentira continuada. Pero ao mesmo tempo, non poden apertala de máis xa que precisan do seu voto para manter a maioría. Como diría Rajoy, “vaia tropa”.  

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS