Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 24.04.2017 Actualizado 19:19
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Malladores

JOAQUIM VENTURA  | 08.02.2017 
A- A+

Na vixilia do xuízo contra Artur Mas, Irene Rigau e Joana Ortega pola consulta do 9 de novembro de 2014, o ex presidente Jordi Pujol dixo algo que ninguén expresa ou ten folgos ou coraxe de dicir. Quedaba claro que perdeu a honorabilidade pero non o olfacto político. Nunha xuntanza privada cun grupo de mozos nun restaurante de Barcelona, Pujol reflexionou, entre outras cousas, sobre a posibilidade de que Oriol Junqueras sexa o próximo presidente da Generalitat. A razón non sería outra que o aproveitamento que ERC está a facer do momento de febleza do PDECat, o partido que substituíu a CDC.

O partido republicano sempre foi tacticista e agora, desde que o independentismo ocupa a metade do corpo electoral, máis aínda. Un tacticismo xa evidenciado durante os tripartitos de esquerda cando se opuxo –en estraña coincidencia co PP, aínda que por razóns obviamente distintas- á maioría catalanista favorable ao novo Estatut de 2006. Tacticismo que levou aos dirixentes de ERC a participar en Junts pel sí plenamente conscientes que CDC –e Artur Mas con ela- pasaba por un momento crítico, unha vez aboiaron diversos casos de corrupción que afectaban directamente á súa cúpula (Palau da Música, legado do pai de Pujol, negocios dos Pujol Ferrusola, as diversas tramas do 3% que levaron a embargar a sede do partido, Fundación CatDem).

Unha degradación, a de CDC, que non fixo senón acelerarse á mesma velocidade que Junts pel sí corría cara a un futuro de ruptura irresponsable e impredicible. Así, despois de pasar de partido business friendly a emprender unha fuxida cara adiante para non ficar sobrepasado por boa parte da sociedade catalá, o PDECat resultante non ten apenas semellanza con aquel partido orgánico que gobernou Cataluña durante vinte e tres anos. No cambio, perdeu un 20% dos afiliados, tivo que vender a sede embargada, ficou sen grupo parlamentario no Congreso dos deputados, padeceu o esperpento do cambio de nome (incluídas a rebelión das bases no congreso fundacional e a negativa do ministerio a inscribir o nome proposto por flagrante coincidencia con outra forza). Engadan a iso a procura, semanas despois, dun anagrama que coincide –agás das catro raias que representan a bandeira- co dunha cadea francesa de roupa.

Un desastre ao que se engadiu que para acadar unha maioría suficiente para a investidura, tivo que recorrer ao apoio das CUP, que se cobraron o pacto coa cabeza de Artur Mas, quen fixo un eufemístico “paso a un lado” para que Carles Puigdemont fose o candidato á investidura. Un acoso que continuou semana tras semana dentro e fóra do parlamento, con ERC no papel de convidados de pedra. A velas vir.

Porque é daquela e así como se cumprirían as palabras que Pujol dirixiu a aqueles rapaces: ERC fica queda mentres os antigos converxentes reciben de todas partes. Mallan neles a prensa madrileña, os tribunais (forza de choque do goberno do PP) e, naturalmente, os cadelos das CUP, que actúan como matóns de ERC: onte pola actuación dos Mossos d’Esquadra como policía xudicial, hoxe polas súas esixencias na discusión dos orzamentos, mañá polo imperativo para convocar o referendo unilateral.

CDC precisaba dos anticapitalistas antisistema para asegurar a investidura e segue a necesitar deles para aprobar os orzamentos, sempre coa cenoria da independencia por diante. E mentres fai ese slálom cara á ruptura con Madrid, vai deixando unha peza en cada portalón vencido e ninguén pode asegurar que chegue á meta co mínimo equipamento necesario. Un camiño que non ten volta. CDC perdeu millóns de votantes por simple desaparición vexetativa e porque unha parte considerable das clases medias lle deron as costas a prol de ERC e das CUP (neste caso para evitar que os converxentes saísen do camiño).

Pero o paradoxo será –sospeito- que unha vez fracase definitivamente a celebración do referendo, unha candidatura de ERC (sen casos de corrupción nin condenas xudiciais) gañe nas próximas autonómicas e pacte co resto das esquerdas (Comuns, CUP, quen sabe se PSC) dialogar co goberno central unha reforma constitucional que asegure a permanencia de Cataluña no Estado español. E os herdeiros de Pujol quedarían a picar pedra na oposición por moitos anos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS