Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Malos tempos para a identidade europea

XOSÉ A. GACIÑO  | 15.10.2018 
A- A+

Non é cuestión de dramatizar antes de tempo, pero o panorama político que, pouco a pouco, se vai debuxando en Europa e máis alá (está a punto de caer Brasil, como xa antes caeu o propio Estados Unidos ou Filipinas) anuncia malos tempos para a lírica. A extrema dereita avanza na maioría de países europeos (ate na moi progresista Suecia) e nalgúns países xa goberna (Polonia, Hungría, Austria, Italia... ), quizais como efecto colateral da famosa crise financeira que tantos efectos vai acumulando ou lle van endosando, que nunca se sabe quen manipula qué. Quizais tamén como efecto non tan colateral do descrédito dos partidos políticos tradicionais, que non teñen rubor en compaxinar rigorosas medidas de austeridade nas políticas sociais con medidas dilapidadoras do gasto público que esconden prácticas de corrupción sistemática.

Sorprende que sexa precisamente a extrema dereita a que máis proveito electoral pode estar a recoller da confusión cidadá ante o deterioro do chamado estado do benestar e a precariedade xerada pola resposta á crise. Como se a esquerda tivese esgotado a súa capacidade de análise e reacción ante situacións que poñen en evidencia os límites que impoñen os poderes económicos, eses aos que a esquerda se supón que aspira a eliminar ou, polo menos, reformar e controlar. Xa se sabe que, nestes casos, a demagoxia simplista ten máis posibilidades de abrirse camiño que a elaboración de propostas racionais, sobre todo cando as propostas tampouco son tan racionais.

Axitan fantasmas de medo e inseguridade (no continente con máis baixos índices de violencia e criminalidade!) en torno á fabricación dun culpábel exclusivo, que lles resulta moi visíbel e fácil de localizar: o inmigrante. Certo que en Polonia e Hungría, por exemplo, non son tan visíbeis, pero alí xogan precisamente coa necesidade de previr o suposto perigo que ven do exterior a base de recortar as liberdades no interior. Tamén en España comeza a extrema dereita a ensaiar certo protagonismo, aproveitando o clima de tensión creado polos intentos de proclamación de independencia de Cataluña, pero incluíndo igualmente o repertorio europeo contra os inmigrantes. Até agora, aparte dos grupos máis nostálxicos do franquismo e da falanxe, absolutamente minoritarios, unha boa parte da extrema dereita -antes e despois da formación de Vox- refuxiábase nas propias filas do PP, ao que, de vez en cando, poñía en evidencia con xestos ou declaracións inoportunas.

Desde o seu descrédito por méritos propios, a dereita moderada e a socialdemocracia non parecen capaces de ofrecer alternativas que contrarresten o discurso demagóxico. De feito, levan dúas décadas sen ter elaborado unha política migratoria eficiente común a toda a Unión Europea. Non pasaron de intentos parciais e ás veces inútiles para controlar as fronteiras. E agora compiten cos xenófobos a base de maiores medidas de controis fronteirizos, mentres acalan a mala conciencia con algunhas doses de asistencia humanitaria.

Concentrados no debate migratorio, que tamén estivo na argumentación dos promotores da saída do Reino Unido da UE, vai avanzando o discurso do medo, no que prima a seguridade sobre as liberdades, que son o principal sinal dunha identidade europea en transo de bloqueo. Malos tempos para a lírica, sen sequera o “traballo de banqueiro ben retribuído” co que remataba a canción de Golpes Bajos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS