Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

PAVILLÓN DE REPOUSO

O maltrato da Atención Primaria e da Sanidade Pública en Galicia

PABLO VAAMONDE  | 31.03.2019 
A- A+

Galicia incorporouse tarde á implantación no novo modelo de Atención Primaria (AP). O decreto que desenvolve a AP no Estado é do ano 1984, mentres que o que inicia a implantación dos Centros de Saúde en Galicia non se publicou no DOG ata 1992. Foron decisións políticas as que provocaron esa demora. O partido gobernante (PP) aliñouse sempre cos sectores máis reaccionarios da sanidade. A pesares do retraso e das numerosas resistencias profesionais e políticas hoxe Galicia conta cunha AP implantada en todo o territorio, con Centros de Saúde modernos e ben dotados e con profesionais ben formados para prestar unha atención sanitaria humana e de calidade a toda a poboación.

O maior impulso da AP realizouno o goberno progresista (2005-2009), que fixo unha aposta política por potenciar a sanidade pública e por impulsar a AP como eixo central do sistema sanitario. O goberno presidido por Pérez Touriño aumentou o orzamento dedicado a AP, convocou oposicións e incrementou o número de profesionais; tamén realizou un notable esforzo en dotar os Centros de Saúde de medios para incrementar a capacidade resolutiva. Nas Xerencias de AP integráronse profesionais moi competentes e comprometidos co sistema público. Este impulso, froito da decisión política, veuse truncado coa toma do poder polo PP.

O goberno presidido por Núñez Feijóo adoptou, desde o primeiro día, decisións políticas dirixidas a deteriorar o sistema público (mermando os orzamentos –sobre todo os dedicados a AP- que foron, cada vez máis, dirixidos a concertos con centros externos) e a degradar a AP, causando un evidente maltrato aos seus profesionais. Paralizou o Plan de Mellora iniciado polo goberno progresista (con dotación orzamentaria para contratación de profesionais e dotación de medios aos Centros de Saúde), e deixou de convocar oposicións, o que provocou unha alta taxa de traballadores con contratos eventuais e precarios. Iniciou unha catarata de privatizacións e subcontratacións con empresas externas que non estaban destinadas a mellorar o servizo senón a desviar o diñeiro público a petos privados.

Núñez Feijóo[1] coñece ben o negocio sanitario (acompañou a Romay –o impulsor das fracasadas fundacións sanitarias- na Consellería de Sanidade e no Ministerio) e tamén é un convencido privatizador: no seu paso pola dirección  de Correos (2000-2003) dedicouse a privatizar dito servizo público. Así que as decisións políticas adoptadas nos últimos dez anos non son froito do azar ou da incompetencia senón dun plan deseñado para converter a actividade sanitaria nun negocio para que se lucren uns poucos, mesmo a costa de desmantelar un sistema público de boa calidade e de maltratar aos seus profesionais e aos pacientes, que son, ao final, os máis prexudicados.

A paralización do Plan de Mellora, o desmantelamento das Xerencias de AP (XAP) para integralas nas xerencias hospitalarias (EOXI) -que converteron a AP nun apéndice menor dos hospitais-, a eliminación de Áreas Sanitarias (a Lei de Saúde do PP suprimiu catro áreas, pasando de once a sete: así os hospitais comarcais perderon autonomía de xestión): todas estas medidas van orientadas na mesma dirección. Hai unha clara intencionalidade política de desmantelar a AP e de concentrar o poder e o control dos orzamentos nos grandes hospitais, dirixidos por xerentes próximos ao poder político.

Núñez Feijóo afirma na prensa que é un defensor da sanidade pública[2]. Pero a vontade política, cando se exerce o poder, non se expresa nos medios senón no DOG e nos orzamentos. E o desenvolvemento lexislativo e a asignación orzamentaria demostran todo o contrario. O propio conselleiro[3] ven de admitir que os fondos para equipar centros de saúde "non existiron" durante anos. As políticas impostas polo PP en Galicia na sanidade van encamiñadas a converter a saúde nun negocio. Despois dunha década a poboación comeza a percibir o deterioro asistencial, que non é maior polo compromiso e o esforzo dos traballadores, que tentan manter a calidade asistencial a pesar da precariedade e da carencia de medios.

Hai unha enorme indignación entre os profesionais, que se senten castigados polas decisións deste goberno. A protesta dos traballadores dos PACs, a mobilización d@s profesionais precari@s[4], a dimisión en masa dos xefes de servizo de AP de Vigo: todas estas son expresións do crecente malestar profesional. O goberno respondeu a estas protestas coa creación dun “grupo de expertos” que elaborou unha lista de propostas que non pretenden máis que maquillar a situación, e presentou un modelo de contrato para os eventuais que só serve para “estabilizar” e manter a precariedade[5]. O reclamo non serviu para nada. Os profesionais non picaron nese anzol. Porque as solucións reais non pasan por medidas dese tipo. Cómpre restaurar en profundidade o dano causado, recuperar as XAP, incrementar o orzamento da AP ata o 25% (hoxe non chega ao 12%)  e dotar de profesionais e medios aos Centros e PACs para que poidan traballar con dignidade e ofrecer unha atención de calidade.

Un columnista en La Voz de Galicia[6] (cómplice principal da Xunta do PP) advertía aos “incautos” traballadores da sanidade que este non é un conflito sanitario senón político. Que non se deixasen enganar. Pois claro que estas protestas teñen unha clara intencionalidade política, igual que as decisións do goberno que degradan o sistema público e maltratan aos profesionais. A Coordinadora Galega de AP (CGAP) ten convocada unha folga[7] para os días 9, 10 e 11 de abril que, con toda certeza, vai ter un amplo seguimento. Cómpre que a poboación perciba que os principais afectados polo deterioro da AP son os propios pacientes. A sanidade do futuro dependa das mobilizacións de hoxe.

http://pablovaamonde.blogspot.com/

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS