Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 21.10.2014  | Actualizado 20.10

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A VOZ A TI DEBIDA

Mañá de rabia: a Sala Yago, desaloxada pola forza

"As de dentro non estades soas"

JORGE M. DE LA CALLE  | 26.11.2011 
A- A+

Este mércores o Yago baixou outra vez o pano. Logo de cinco días rescatado para o Pobo por un grupo de activistas "okupas", Gerardo Conde Roa, alcalde de Santiago, fixo recaer "todo o peso da Lei", como el mesmo dicía, sobre elos, e desaloxou pola forza o emblemático teatro-cine que levaba abandonado case cinco anos na rúa do Vilar. O soño rematou. Ou non. Porque centenares de persoas acudiron a prestar o seu apoio fóra da sala, durante toda a mañá, e outras tantas nunha gran manifestación que percorreu as rúas da zona vella e do ensanche da cidade, xa na tarde-noite. Foi unha xornada de moita tensión entre policías e cidadáns, que se saldou con doce detidos, postos xa en liberdade, e acusados de "usurpación".

Eran pouco antes das once en punto da mañá, e unha persoa do grupo de facebook dos acampados do Obradoiro daba a alarma: estaban desaloxando a Sala Yago, e "precisaban reforzos". Cando cheguei, ás once e cinco, varios vehículos policiais á entrada da rúa Vilar, vindo dende Toural, advertían da presencia policial. O perímetro enfronte do antigo cine, ata o soportal, era inaccesible pola presencia dun cordón policial. Preto de 50 policías "custodiaban" a sala, e todos os demais, incluída prensa, só podiamos observar e agardar expectantes dende o exterior. P., unha rapaza que estivo presente dende o principio moi activamente nas asembleas, acababa de decatarse tamén, e foi correndo para o Yago. Atopeina antes de chegar, alarmada por algo que non sabiamos se era un bulo ou verdade. Coxa como andaba, guiada pola rabia e a solidariedade cos seus compañeiros, tentou entrar no inmoble, mais, como era de esperar, atopouse coa prohibición dos gardas. Estes a reduciron nun soportal próximo e a levaron detida. Outro rapaz máis tamén foi detido, presumo que de dentro, porque non se vía ben. Os furgóns policiais parecían estratexicamente dispostos para empecer a visión.

En canto comecei a facer fotos, un dos axentes da Unidade de Intervención Policial (popularmente coñecidos como "antidisturbios"), dirixiuse a min e pediume a identificación. "Son de prensa", contesteille. "Enséñeme la acreditación entonces". "Os xornalistas non temos acreditación", recordeille, "a non ser para un festival ou parecido". "Entonces el DNI". Dinlle o DNI, díxenlle para quen traballaba, mesmo díxenlle nome e apelidos do meu xefe, para que falase con el, e ata me pediu o enderezo actual na capital de Galicia. "Es por seguridad", explicoume parcamente, só despois de que lle preguntara e lle insistira. "Si, para non facer un uso fraudulento das imaxes, xa sei, xa mo pediron máis veces", completei eu a explicación que debera darme el. "É que ten que entender que os xornalistas normalmente levan carné", espetou cheo de razón, sabedor de que iso é mentira. Existen, mais a inmensa maioría non os leva. "Xa, e vós normalmente tedes que levar o número de placa, e non o levades", repliqueille eu. O axente calou, e, facéndose o indignado, só agregou: "Yo lo llevo aquí debajo", sinalando para o peito. Mais levar a identificación debaixo do chaleco é non cumprir a función que ten, precisamente: a de ser, polo menos, identificable. "Pode ensinarme o seu número?" "Vaya usted al juzgado y se lo darán". "Non, como vou pedila no xulgado? Como, se non te podo identificar? O teu deber é darma" " Mi deber es decirle los trámites que tiene que seguir para denunciar. Pregunte en el juzgado", cortou a conversa, antes de marchar para outro lado. Exquisita cortesía e servizo público aos cidadáns.

Mais o certo é que un axente, sexa do corpo que for, debe identificarse á mínima demanda dun cidadán. Segundo a instrución 13/2007 da Secretaría de Estado de Seguranza, a Lei "impón aos membros uniformados da policía, incluídas as Unidades de Intervención Policial (UIP), a obrigación de portaren sobre as prendas de uniforme o número de identidade do carné profesional ou Cartón de Identidade Profesional. Deben levalo en lugar ben visíbel e en tamaño que poida ser lido por calquera persoa a distancia de 1,20 metros". Non tatuado no corazón. E ningún o levaba ao descuberto. A citada instrución informa da posibilidade de identificarmos os axentes actuantes nun determinado operativo "sen que sexa precisa ningunha actitude positiva de demanda" pola nosa parte para o seu exercizo, e porte ou non a insignia identificativa e aínda que actúe sen uniforme, "á paisana". A varias persoas lle pediron a identificación, simplemente por berrar ou querer ver a algún dos detidos, e a todas se lles negou a dos policías. A X., un amigo de P., tamén lle foi requirido o documento de identidade. Elvira Souto, observadora de Esculca (Observatorio das Liberdades e Dereitos Civís aquí en Galicia) foi recollendo os testemuños de xente que se viu na mesma situación. Se queres achegar o teu caso, denunciar un incidente relacionado con esta ou calquera outra situación, podes escribir a . esculca@esculca.net. Segundo esta, o xefe do dispositivo contestoulle "Yo en gallego no te entiendo". Varios axentes negáronse a facilitar aos manifestantes o seu número de identificación baixo o pretexto de non entendelos, inquirisen en galego ou en castelán. Mesmo unha rapaza de Ciudad Real, que pronunciaba en perfecto castelán, amosou a súa sorpresa porque lle contestaran o mesmo.

A medida que ía pasando a mañá, congregábase máis e máis xente para amosar o seu apoio aos okupas, non só novos, tamén de tódalas idades. Unha anciá, sen máis armas co seu carriño da compra e as verbas iradas, berraba contra os gardas: "Se fosen os meus fillos os que estiveran aí, ben vos viría ir ao paredón". Algún axente modificou de repente a súa inexpresividade para amosar un sorriso ante a imprecación da muller. Só algún individuo, polo xeral da terceira idade, pasaba por aí e deixaba un comentario despectivo pola xuntanza de xente, que rapidamente era contestado cun "Fascista!", mais sen maiores incidentes. A tensión foi crecendo, sen embargo, polo feito de que pasaba o tempo e ninguén saía nin daba unha información sobre o que pasaba dentro. "Queremos ver as compañeiras", esixían. "Que lles estades facendo?" Ao longo da mañá foron entrando e saíndo do inmoble axentes e funcionarios da Policía, funcionarias xudiciais e mesmo os que parecían ser os donos, intres nos que eran recibidos con apupos, e estes últimos con berros de "Especuladores!".

A indignación pola "política cultural" do PP galego, a actitude de Conde Roa e a actuación policial foi unha das constantes da xornada. Escoitáronse todo tipo de cánticos, exemplos da creatividade dos manifestantes, que nin sequera en momentos de rabia e alta tensión coma este, deixaron de perder o humor. Un inventaba espontaneamente algo, o lanzaba contra as "forzas da orde", e rapidamente lle seguían os outros, dunha e doutra banda: "Dez, cen, mil centros sociais"; "Represión policial / na rúa do Vilar"; "A policía / está "okupando" a rúa"; "Queremos un teatro pa'okupar"; "Sala Yago / espazo liberado", "Esta é a cultura / con porra e con escudo"; "A cultura / non se desaloxa"; "Esta é a cultura do PP", "Son mercenarios / non funcionarios"; "Para que levades casco / se non tedes cabeza?", "Esta é a vosa democracia", "Eran persoas / agora policías", "Un desaloxo / outra okupación", ou "Gente sin casas / casas sin gente", foron algunhas das consignas coreadas. Tamén "As de dentro tamén están aquí", ou "As de dentro / non estades soas", os breves segundos nos que se abrían as portas do edificio para deixar entrar ou saír a alguén do dispositivo.

Finalmente, sobre as dúas da tarde, foron desaloxadas once persoas, esposadas e metidas nun furgón policial e un coche policial, entre os gritos de protesta dos alí presentes. Os "antidisturbios" despexaron a empurróns e porrazos a saída dos automóbiles, que foron seguidos por unha parte dos manifestantes ata Praterías. Entón responderon cunha carga e unha ou dúas pelotas de goma ao lanzamento dun obxecto, disque unha pedra, disque unha cadeira. As versións difiren. Mais tanto El País como fontes anónimas consultadas din que non impactou en ningún deles. A versión policial, mediante un comunicado da Xefatura, afirmaba que había "material para facer cócteles molotov". A prensa salientaba polo xeral isto e mesmo omitía o "segundo a Policía", mentres amosaba orgullosa a imaxe do "perigoso" material incautado. Lixivia, augaforte e produtos de limpeza varios, os propios extintores de incendios do local, e mais algunhas botellas de auga con boliñas de aluminio no interior. E un tirachinas. Todo isto "preparado para confeccionar cócteles molotov de gran poder incendiario", segundo a nota da policía. "En caso de ser arroxados, ben en lugares pechados ou rúas estreitas, terían un alto poder destrutivo", aseguraba. Tamén úteis "arreboladizos", pedras, tubaxes, billas e "outros obxectos contundentes", "algúns dispostos nos balcóns para facer fronte á policía, con técnicas de guerrilla urbana". Mais estes obxectos xa se atopaban dentro do inmoble o pasado venres, cando o grupo de persoas entrou e okupou o local. Estes empregaron moito deste material para atrancar os accesos ao edificio, fosen portas ou ventás. Os baños estaban desmontados, vírao cos meus propios ollos o sábado, cando os okupas abriron totalmente as portas á cidadanía de Compostela para que vise o estado do edificio. Os mesmos policías entraron sobre as dez e media da mañá, sen atopar ningún tipo de resistencia. As portas estaban abertas. Podía entrar calquera. Esa fin de semana xa realizaran un completo programa de actividades, entre o lúdico, o político e o cultural. E esa mesma noite o Cineclube de Compostela ía trasladarse á sala Yago, volvendo a unha das súas localizacións históricas. Mais o soño dun "espazo cultural libre" se truncou, entre porrazos e escudos. Agora están pechadas baixo sete chaves. Persoal do Concello, acompañado polo concelleiro de Servizos, encargouse de tapiar as portas ante os apupos dos manifestantes, e de retirar as faixas dos balcóns da sala a pesar de tratarse dun inmoble privado. Un gran taboleiro con cravos impedía o acceso á sala, pechada até que alguén se digne a darlle uso a un espazo cualificado de "uso cultural".

A versión de que iso era "material incendiario para facer cócteles molotov" provocou primeiro o asombro, e pronto a hilaridade de todos os que coñeciamos un pouco o perfil da xente que estaba dentro. Un día antes, unha moza que participaba activamente nas asembleas, nada sospeitosa de "terrorismo", informoume de que esa mañá, ás once, ían a practicar "unha limpeza a fondo", por mor do lamentable estado do inmoble, e que tamén ían gravar algúns medios, "para amosar o antes e o despois". Esa podería ser a causa de que reunisen tantos produtos de limpeza. Nada máis coñecerse a acusación da Policía, comezaron a percorrer a Rede comentarios xocosos: "Yo lo único que vi era que estaban limpiando y arreglando todo; unas botellas de lejía o aguarrás las tengo yo en casa y no me dedico a la guerrilla urbana "; "Ya veo el titular: "Miles de inofensivas amas de casa provistas de Don Limpio y Neutrex en grandes cantidades son un peligro potencial para las autoridades"; "#desalojoarmariobajoelfregadero", "Armas contundentes todas ellas, allí almacenadas. Lo que se olvidan de comentar es que los terroristas deben ser los dueños, que esas armas ya estaban allí", ironizaban nas redes sociais. "Yo estuve allí el domingo. Se podía visitar todo el cine", aseguraba unha integrante de Democracia Real Xa. "Ahí los únicos hierros que había eran la porquería de los dueños del cine, que lo tenían casi derrumbado. Una vecina de allí, a la que le afectaban las aguas del tejado, llevaba varios meses intentando localizar a los dueños y no había manera. Okupan y en 5 días aparece todo dios", proclamaba indignada. A noticia da okupación parece que resucitou o debate sobre o abandono da Sala Yago, xa que o alcalde, o mesmo día en que entraron, asegurou ter proxectado unha escola de danza e teatro, e para ciclos de jazz (curiosa mestura), dentro do edificio. Por outra banda, cifraba en 400.000 euros a rehabilitación, e aproveitaba para acusar aos okupas, sen probas visíbeis, dos "desperfectos que ocasionen", "que tendrán que pagar", ameazándolles con que "todo el peso de la ley" caería sobre elos. Numerosos comerciantes queixáronse do "estado de sitio" en que se converteu a entrada do rúa do Vilar dende o Toural. Algúns denunciaron o "despregamento policial absolutamente desproporcionado", como aseguraba unha quiosqueira que non puido vender "un só xornal" dende as dez e media da mañá, inicio da operación.

O que non me queda claro era o das botellas con boliñas de aluminio. Segundo me contou X., un dos detidos, un rapaz moi tranquilo e pacifico do que o menos que se esperaría sería lanzar bombas incendiarias, "só era un xogo" e que "pertencía a un obradoiro". Aduce que "non opuxeron ningunha resistencia", posto que o argumento das tácticas de "guerrilla urbana" ás que se agarraba a Policía quedaría en teoría desmentido. Outro rapaz, na cola dunha das películas do festival Cineuropa, informábame de que "podía chegar a queimar e facer moito ruído", mais de aí ao laboratorio de "cócteles molotov" que dicía a Policía había un treito. Pode ser este o argumento polo que os desaloxaran, xa que, pasadas corenta e oito horas, o desaloxo dun inmoble privado coma este só se pode ditar cunha denuncia e unha sentenza xudicial por medio, algo sempre lento, ou por trámite acelerado por razóns de forza maior, como "perigo de derrube" ou "motivos de perigosidade pública". O certo é que, tanto a "falta de hixiene" como o "perigo de derrube" eran causa da neglixencia do Concello e dos propietarios, que non fixeron nada por arranxalo, segundo os activistas porque querían "deixalo caer" para cedelo á "especulación inmobiliaria".

Tralo desaloxo, os once detidos de dentro do Yago foron postos a disposición do Xulgado de instrución número 2 de Santiago, e levados á comisaría local ao lado do Peleteiro, onde se trasladaron grupos de xente para apoialos. Todos os detidos foron postos en liberdade e acusados só de "usurpación" de propiedade privada, mais non de "tenencia e depósito de obxectos perigosos", o que confirma a idea de que nin a Policía mesma cría no potencial ameazante do arsenal incautado, ou nas súas maléficas intencións. Teñen unha citación xudicial pendente, segundo fontes consultadas, non máis. "Se fosen acusados de tenencia de explosivos o normal sería que non foran postos en liberdade até que declararan diante dun xuíz, pero dixéronlles que ían ter citación nun prazo de 15 días", comentaba un membro de Esquerda Unida. "Eu tampouco me creo nada", engadía. Así que... desaloxo por guerrilla urbana ou simple pretexto para desokupar un inmoble que constituía un símbolo da vida cultural de Compostela e ao tempo dedo acusador contra a política municipal, incapaz de darlle vida, e carta branca para "os indignados" e demais mocidade rebelde de Compostela cumpriren as súas arelas dunha "cultura libre", nun espazo tan apropiado e cheo de connotacións como o Yago? A dúbida, en moitos xa certeza, flotaba no ambiente, e volveuno irrespirable xa ao final do día.

Estas son imaxes do interior do Yago a fin de semana, cando aínda non fora desaloxado e estaba en activo e aberto á cidadanía de Compostela. Non foran publicadas antes por respecto ás decisións da asemblea que decidía sobre os asuntos da okupación. Esperemos que agora sirva para dar unha idea do estado do inmoble a todos os amantes da mítica sala, porque, moi probablemente, sexan as últimas imaxes que teñan dela en moito tempo:
https://picasaweb.google.com/106099351139475064831/SalaYagoLiberado

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS