Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
Parece ser que un dos ex-directivos da finada ex-caixagalicia, está disposto a renunciar a unha parte da ex –indemnización que recibiu polos servizos prestados. Aínda así, son moitas as preguntas que fican no tinteiro da xente de a pé. Trataremos nós tamén de resumilas en dúas. Cal é o montante total da misteriosa indemnización? Cal é exactamente a cantidade á que vai renunciar? Ninguén responde a tan razonables dúbidas.
Nas marquesiñas dos autobuses, nas terrazas das cafeterías, agardando a que os semáforos permitisen o paso dos transeúntes…, todos comentaban o escandaleira das caixas e dos bancos. Non crean que falo do que puiden constatar nunha rúa da Coruña ou de Vigo, senón do ruxerruxe dos últimos días en Cataluña. Mozos e maiores debatían, tanto ten canda o almorzo das oito da mañá ou as cañas da tardiña, indignados polos boletos premiados que se autoadxudicaron os directivos da finada entidade galega. E o sábado quince de outubro, miles de persoas colapsaron as principais cidades do mundo protestando por estas e outras tomaduras de pelo.
Aínda así, malia o evidente apoio de boa parte da sociedade ás súas consignas e reclamacións, en debates televisados ou entrevistas radiofónicas, os contertulios insisten en acurralar e facerlles preguntas capciosas ós rapaces que teñen a valentía de presentarse como voceiros destes novos movementos de revolta pacífica. Tamén quizais porque unha das críticas máis duras diríxena, e non sen motivo, ó clientelismo dos medios de comunicación. E os periodistas, asombrados ante tal descubrimento, adoptan o papel de acusación particular e interrogan, non buscando respostas, senón argumentos para a condena.
Polo de pronto, só a indignación da sociedade fixo que un dos ex da entidade galega diga que está disposto a renunciar a unha parte da cantidade recibida. Nós teimamos en insistir na dúbida razonable que ninguén nos aclara, sobre todo, tendo en conta o significado de indemnización: acción de indemnizar ou indemnizarse. Indemnizar: resarcir dun dano ou dun perxuizo. Resarcir: reparar un agravio. Visto o cal, quen ten dereito á indemnización? Quen son os agraviados? A renuncia a algo que non é dun, é renuncia ou xusta e necesaria devolución? Os mandamentos da lei do banqueiro resúmense en dous, amarás os cartos sobre todas as cousas, e a ti mesmo, como a ti mesmo.
Diana Varela Puñal
