Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

recortes sanitarios

Manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública

Miles de persoas saen á rúa para advertir de que "coas medidas" do PP diversos colectivos "perderán" o dereito á asistencia

Na manifestación en Compostela víronse moitas pancartas con mensaxes a prol da sanidade píublica - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ
Ver galería
Na manifestación en Compostela víronse moitas pancartas con mensaxes a prol da sanidade píublica - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

SANTIAGO. EP  | 03.06.2012 
A- A+

Miles de persoas saíron este domingo ás rúas compostelanas para defender "unha sanidade pública e de calidade", así como para rexeitar "os inaceptables recortes" levado a cabo polo Goberno central e a Xunta nesta materia que "poñen en perigo" a atención sanitaria das persoas que "que máis a necesitan".

Momentos antes de partir a marcha, o voceiro de SOS Sanidade Pública --plataforma convocante--, Manuel Martín, considerou "inaceptable" que o Executivo estatal "pretenda aforrar 7.000 millóns recortando os dereitos sanitarios" dos "xubilados, persoas con minusvalidez ou enfermos crónicos" que "terán que pagar polas receitas, ambulancias ou por elementos como as próteses que necesiten".

"Hai outras formas de poder facer fronte ao endebedamento sanitario. A sanidade pública non é a culpable do déficit, pois temos un dos sistemas sanitarios máis baratos e eficientes da Unión Europea", asegurou antes de recordar que o nivel de presión fiscal de España "está 10 puntos por debaixo da media europea, polo que se podería aumentar a presión dos que máis teñen sen mancar os dereitos das persoas que máis necesitan a atención sanitaria".

Así mesmo, o voceiro de SOS Sanidade Pública alertou de que, "se entran en vigor as medidas que pretende o Goberno, o modelo sanitario será moi diferente".

Por iso, Martín augurou que "onde a sanidade era un dereito vinculado á cidadanía, algúns colectivos como os mozos maiores de 26 anos ou as amas de casa separadas vano perder". "Isto é un golpe demoledor á sanidade, só a vontade pública lle pode poñer freo", sentenciou.

'SANIDADE PÚBLICA EN PERIGO'

Baixo o lema 'Sanidade pública en perigo. Defendámola', miles de persoas partiron ás 12.30 horas da Alameda para demandar o Goberno Estatal e á Xunta de Galicia "que paren os recortes" no Sistema Nacional de Salud e, en particular, no Servizo Galego de Saúde (Sergas), que os manifestantes consideraron "esenciais".

Na protesta participaron, entre outros, diversos políticos como o candidato á Xunta do BNG, Francisco Jorquera; o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez; así como diversos deputados da oposición, membros de sindicatos ou o líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras.

Ademais dos numerosos colectivos sanitarios, a marcha tamén foi secundada por outras organizacións de defensa da educación pública co obxectivo de "estar unido" contra os "gánsters que pretenden quitalo todo os cidadáns".

Precisamente, en declaracións a Europa Press, o secretario xeral da CIG-Ensino e membro da plataforma defensa ensino público, Anxo Louzao cargou contra a "política de desmantelamento e agresión" do Goberno galego contra os servizos públicos.

MARCHA

Durante o seu percorrido, os manifestantes corearon consignas como 'Feijóo atende, a sanidade non se vende'; 'E a culpa de quen é?, do Goberno do PP'; 'Bankia Salvada, sanidade afogada' ou 'Hospital privado futuro hipotecado.

Xa na Praza da Quintana, diversas personalidades do mundo da cultura galega, como Xurso Souto, Patricia Vázquez, Uxia Senlle ou María José Silvar 'Sés', intentaron "converter o que é unha desgracia" nunha "festa" e reivindicaron a sanidade pública a través de distintas cancións e rodeados de máis de medio centenar de pancartas nas que se puideron ler numerosas consignas en defensa dos servizos públicos.

"A sanidade é a máxima expresión de solidariedade entre cidadáns, por iso non queremos que sexa un negocio, queremos que sexa un dereito", reivindicou Xurso Souto antes sinalar que mentres que os Gobernos "queren beneficencia" e "nós queremos dereitos". "Vampiros e especuladores, sacade as vosas sucias mans dos servizos públicos", avisou entre aplausos.

MANIFESTO

Tras eles, o escritor Suso de Toro pronunciou un manifesto no que lamentou que "se chegara" a un momento no que os cidadáns teñan que saír á rúa para demandar e esixir que "os seus corpos sexan atendidos cando enferman".

"A este punto chegamos cando os representantes públicos que eliximos, envolvéndose na bandeira da crise, se comezaron a comportar como bombeiros pirómanos", asegurou antes de criticar que "o Ministerio e a Consellería de Sanidade quitaron a careta de administradores e protectores da saúde para aparecer con rostros de cirurxiáns tolos".

Neste sentido, considerou que a política sanitaria que levan a cabo estas institucións é "a perversión" da medicina e "un espolio do que é dos cidadáns". "O que era público pasa a mans privadas, pasa ás súas mans", acusou.

Fronte a estas cuestións, Suso de Toro recordou que a sanidade pública "é un ben valiosísimo" e erixiu os servizos sociais "no corazón da sociedade".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS