Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 17.04.2019 Actualizado 13:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Manipulación permanente non revisábel

XOSÉ A. GACIÑO  | 21.03.2018 
A- A+

Para o goberno español, “os pensionistas merecen o respecto de todos e iso significa que non deben ser enganados nin utilizados na confrontación política”. Unha afirmación impecábel, se non fose porque o ministro portavoz a pronunciou ao día seguinte do debate parlamentario sobre a proposta do seu partido para ampliar os supostos nos que debe aplicarse a pena de prisión permanente revisábel, no medio dunha manipulación descarada da dor dos familiares de vítimas de delitos castigados con esa pena, incorporada ao Código Penal no 2015 pola maioría absoluta do PP.

Seguindo o criterio do portavoz do goberno, tamén os familiares das vítimas destes crimes execrábeis merecen o respecto de todos e non deberían ser enganados nin utilizados na confrontación política. Como tampouco se deberían ter utilizado partidistamente ás vítimas do terrorismo e todos recordamos o comportamento da dereita sobre este asunto na etapa de Rodríguez Zapatero e Pérez Rubalcaba (etapa na que, por certo, se conseguiu derrotar a ETA, sen que a dereita se molestase en recoñecelo). A manipulación permanente parece que non é tan revisábel.

Un dos catro novos supostos de prisión permanente que quería engadir o goberno -e que foron rexeitados no pleno do Congreso- era o dos que intentan ocultar o cadáver dunha persoa asasinada ou non colaboran na súa busca. Os casos da moza Diana Quer e do neno Gabriel Cruz inspiraron, sen dúbida (en quente), este engadido. Non se entende que non o incluísen (en frío) na reforma do Código Penal no 2015 existindo desde o 2009 un caso como o de Marta del Castillo, cuxo cadáver segue sen aparecer, despois de que os condenados pola súa morte non só non colaboraron na súa busca, senón que deron numerosas pistas falsas sobre o seu paradoiro. Quizais é que o caso da moza sevillana tivese perdido entón repercusión mediática. Agora, en cambio, hai un forte movemento cidadán en favor da prisión permanente revisábel, liderado polo pai de Diana Quer. Na defensa da súa proposta no Congreso, o representante do grupo popular non vacilou en servirse deles como parapeto.

Levamos tanto tempo escoitando o tópico de que os delincuentes entran por unha porta (a da comisaría) e saen enseguida por outra (a dos xulgados), ou que compren penas mínimas de prisión, que xa está asumido como unha verdade indiscutíbel. De pouco serve explicar que, sen que medrase o índice de criminalidade (o terceiro máis baixo de Europa), España ten nestes momentos o índice de poboación reclusa máis alto de Europa Occidental e co tempo de estancia media en prisión tamén máis alto (duplica a media da Unión Europea), produto dun Código Penal no que se foron endurecendo sistematicamente as penas de cárcere. Ate chegar á prisión permanente, que se pode empezar a revisar entre os 25 e os 35 anos, mentres no resto de países europeos que a teñen comezan a revisala entre os 15 e os 20 anos.

Non sei que porcentaxe dos centos de milleiros que se manifestaron en máis dun centenar de cidades españolas, en defensa dunhas pensións públicas dignas, puido asistir enganado a esas manifestacións. En calquera caso, todos os pensionistas saben o que cobran e o que necesitan para vivir (e para axudar a vivir a fillos en paro). Se alguén os manipulou para que saísen a manifestarse, xa sabe o que lle pode tocar no futuro, se chega a gobernar e tampouco atende en condicións un dos dereitos sociais básicos.

Creo que as familias das vítimas deses crimes brutais exercen un lóxico dereito a esixir xustiza e reclamar ao goberno as medidas que traten de impedir que se repitan. E creo que se lles engana cando se lles vende seguridade a base de aumentar as penas de cárcere. Despois de subir de trinta a corenta anos, con cumprimentos efectivos, e de pasar á prisión permanente revisábel (rozando os límites constitucionais), só o pánico da dereita a reformar a Constitución pode frear unha escalada que tería como cumio a pena de morte.

Aínda que tamén ten o seu punto de manipulación, quédome coa frase do deputado socialista Juan Carlos Campo: “Sen prisión permanente revisábel vencemos a ETA e con prisión permanente revisábel asasinouse a Gabriel”.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS