Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 21.20
O director xeral de Administración Local, Norberto Uzal, avanzou que o mapa municipal se vai debater no Estado, coincidindo coa "actualización" da súa lexislación básica, e agregou que será "a partir dese momento" cando a Xunta tomará "as decisións que considere máis oportunas" para favorecer unha estrutura territorial "máis eficiente e sostible".
En resposta ao deputado socialista José Luis Méndez Romeu, que defendeu as fórmulas de cooperación dende o "consenso" e demandou aclaracións sobre o horizonte que manexa a Xunta para unha eventual fusión de municipios, Uzal replicou que calquera decisión que se adopte, tras o debate estatal, se fará "partindo do diálogo e o consenso con actores políticos e sociais".
Ao igual que fixo no seu día o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, o director xeral tampouco descartou unha futura fusión de municipios, sempre que sexa "o máis axeitado", se ben matizou que, como primeiro paso, o Executivo autonómico está a animar aos concellos á xestión compartida de servizos e a apostar pola cooperación.
A xeito de argumento, na súa intervención na Comisión Institucional, esgrimiu que este ano a Comunidade formalizou unha convocatoria pública para "galardoar" a aqueles proxectos emprendidos en Galicia que sexan "singulares" e "dignos de mención" no ámbito da cooperación intermunicipal.
En calquera caso, insistiu en que a Xunta non descarta "seguir camiñando cara a un novo modelo de organización territorial" e fronte ás "declaracións tan altisonantes como baleiras" que Méndez Romeu atribuíu a Feijóo, Uzal replicou que a Xunta "non fai o contrario do que predica", senón que ten unha aposta real por un modelo territorial "máis eficiente".
"MÁIS RECURSOS"
Ademais de manifestar as súas dúbidas sobre o "contido real" das declaracións realizadas polos membros da Xunta en relación coa fusión de municipios, Méndez Romeu avalou a tese de Uzal de que hai que potenciar a cooperación en áreas como o saneamento ou a xestión de residuos.
Con todo, constatou que, para facelo, se require dun nivel de incentivo "moito maior" e dotado con máis recursos dos que a Administración autonómica reservou nos presupostos de 2012. "A actuación da Xunta non é o suficientemente incentivadora do proceso de agrupación de servizos", defendeu.
Por último, remarcou que calquera fórmula de cooperación só terá éxito "se faise dende o consenso político e social", ao que o director xeral replicou que o Executivo autonómico non contempla outra opción e exemplificou coa liña de "diálogo" aberta coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
