Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 28.03.2020 Actualizado 20:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Marcaxe sen tregua

XOSÉ A. GACIÑO  | 03.02.2020 
A- A+

Nin un cuarto de hora de tregua, remataba o meu anterior artigo hai uns quince días. Referíame, claro, á férrea marcaxe á que está a ser sometido o novo goberno de España pola oposición e polos medios de comunicación, rota xa hai tempo a amábel tradición dos cen primeiros días de confianza. E se hai quince días as materias de confrontación xiraban en torno ao poder xudicial e ao veto parental, o protagonismo destes días ven compartido polos contactos venezolanos e polo campo de minas político de Cataluña, ademais da renovación de vellas reclamacións, como as das comunidades autónomas polo seu sempre insuficiente financiamento e as dos agricultores polos eternos baixos prezos a que teñen que malvender os seus produtos.

Mesmo as protestas dos agricultores parecen servir, como efecto colateral (e quen sabe se como efecto principal, porque o dos prezos é tema recorrente en calquera ocasión), para ensombrecer un dos logros máis positivos que pode exhibir o goberno de momento: a subida do salario mínimo en feliz acordo cos sindicatos e a patronal. Os empresarios agrícolas quéixanse de que esa subida ven incrementar os seus costes, que din que están moi por enriba do pouco que conseguen cobrar desa cadea multiplicadora de valor engadido da industria, o transporte e a comercialización, cadea á que os agricultores, salvo excepcións moi contadas de modelos cooperativos, parece que non poden incorporarse.

A impresión xeneralizada é que a oposición e a gran maioría dos medios de comunicación están dispostos a sacarlle punta, sen ningún tipo de tregua, a calquera cousa que faga o goberno, sexa o que sexa. Certo que algunhas cousas que fai o goberno, ou algún dos seus ministros, poden dar para romper a tregua dos cen días, a pouco suspicaz que sexa quen as analice: o multiversionado encontro entre Ábalos e a vicepresidenta de Venezuela nalgún espazo neutral do aeroporto de Barajas, por exemplo, ou os fallos e correccións nos xogos malabares mentais necesarios para interpretar as trampas que os independentistas se tenden mutuamente e para sortealas sen poñer en perigo o fráxil apoio abstencionista de Esquerra Republicana de Catalunya.

Pero a este goberno non debe sorprenderlle este ambiente de crispación, despois do ano e medio de acoso, sospeitas e insultos que tivo que soportar despois da moción de censura, e menos aínda se recordan os anos de goberno de Rodríguez Zapatero, o presidente máis insultado pola oposición (e persoalmente polo “moderado” Rajoy) de cantos ocuparon ate agora La Moncloa (e iso que a Adolfo Suárez tamén lle sacudiu o sarcástico Alfonso Guerra, agora convertido en home de orde escandalizado por calquera contacto con independentistas).

Como tampouco lle deben sorprender os sobresaltos continuos que lle propinan desde o fervedoiro catalán, posibelmente o flanco máis fráxil da súa estrutura de alianzas porque é onde ten menos control.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS