Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

En Marea cre que Podemos e PSOE son "igual de responsables" da repetición electoral

Villares opina que a "falta de entendemento" no Estado tamén pon en perigo a articulación dunha alternativa a Feijóo

SANTIAGO. EP  | 18.09.2019 
A- A+

O portavoz de En Marea, Luís Villares, censurou a "absoluta irresponsabilidade" que, di, cometeron PSOE e Podemos por non alcanzar un acordo de goberno no Estado que aboca á celebración dunhas novas eleccións xerais o próximo 10 de novembro.

A preguntas dos medios este mércores no Parlamento de Galicia, o tamén portavoz do grupo mixto asegurou que as formacións que lideran Pedro Sánchez e Pablo Iglesias son "igual de responsables" do sucedido e que a cidadanía "lles vai a dar unha lección" nas urnas.

"Ambos (partidos) tiñan o deber, o deber moral, de chegar a un acordo", asegurou Villares, que cre que tanto PSOE como Podemos equivocáronse ao "negarse a calquera tipo de diálogo" os primeiros e "pedir máis do que lles correspondía" os segundos.

Cuestionado sobre se cre que a repetición das eleccións supón unha oportunidade para En Marea --que en abril, na súa primeira cita coas urnas sen os seus antigos socios, quedou en menos de 18.000 votos--, o portavoz da organización respondeu que o 10N será o momento de "dicir" a Sánchez e Iglesias que Galicia quere "representantes que sexan capaces de chegar a acordos".

"Sánchez e Iglesias pensaron que os cidadáns de Galicia non votaron ben", apuntou o maxistrado en excedencia. "Se Podemos e PSOE non foron capaces de chegar a acordos, teremos unha nova voz para sinalarlles esa responsabilidade".

REPERCUSIÓN EN GALICIA
Tamén se referiu á posibilidade de que a falta de entendemento entre PSOE e Podemos a nivel estatal teña repercusión en Galicia a un ano para as eleccións autonómicas.

Para Villares, o líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, "vai ter que demostrar que é capaz de compor unha alternativa cooperativa a Feijóo cando non é capaz de facelo en España".

"Tanto PSOE como Podemos van ter esa dificultade. Desde En Marea levamos dicindo desde fai tres anos que por nós non vai quedar. Pero parece que o resto de socios están a pór máis dificultades das debidas", incidiu antes de apelar a Caballero e Yolanda Díaz (Galicia en Común) a que "demostren" unha vontade de acordo que Villares non aprecia "hoxe en ningún dos dous".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS