Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 25.06.2017 Actualizado 10:42
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

En Marea denuncia que Albor "cobra sen traballar" no Consultivo

A Xunta deféndeo e afea as ausencias de Beiras no Parlamento // O expresidente non acudía aos plenos por "problemas de mobilidade", pero si tiña "comunicación regular" co órgano consultivo

SANTIAGO. EP  | 19.05.2017 
A- A+

O portavoz de En Marea, Luís Villares, denunciou a situación do expresidente Gerardo Fernández Albor, ata agora membro nato do Consello Consultivo de Galicia --o seu cesamento fíxose oficial este mesmo venres--, e acusouno de "cobrar sen traballar". Pola contra, a Xunta defendeu o expresidente e, tras pór en dúbida a "ética" da forza rupturista, afeoulle de forma velada as ausencias de Xosé Manuel Beiras na Cámara o pasado mandato.

Na Comisión Institucional do Parlamento, Villares ironizou coa "confluencia planetaria" que favorece que o cesamento de Albor se publique no Diario Oficial de Galicia (DOG) o mesmo día no que En Marea preguntaba pola súa situación e retribucións, antes de incidir no "rubor" que provoca que un membro do Consultivo cobre "máis de 3.000 euros ao mes" por "un labor inexistente" durante "o últimos tres anos".

"Mala forma de acabar a carreira política e pública para un expresidente da Xunta que foi homenaxeado hai uns poucos meses neste Parlamento", continuou o portavoz de En Marea, quen pediu o detalle de reunións e cobros do exmandatario, que cumprirá cen anos en setembro, e preguntou ao Goberno galego "se considera ético cobrar sen ir traballar".

En nome da Xunta, a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, incidiu no carácter "independente" do Consultivo e remarcou que o Goberno autonómico "non" dispón dos datos que esixe En Marea nin coñece o detalle das súas actas nas que figura quen asiste ou non ás reunións.

En todo caso, García-Señoráns recalcou que "a función de asesoramento" non ten que ser "presencial" e, moi contundente, contraatacou cunha alusión (aínda que non deu o seu nome explicitamente) ás ausencias de Xosé Manuel Beiras, portavoz de AGE na pasada lexislatura.

"Se quere falar de inasistencias continuadas, falamos de inasistencias continuadas a sesións plenarias por razón de idade, por enfermidade ou indisposición na pasada lexislatura, e non por iso se lle perde o respecto a ninguén", advertiu.

"REGRAS NON ESCRITAS" E ATAQUE VELADO A BEIRAS

A directora xeral continuou a súa reflexión e aludiu á existencia de "unhas regras non escritas" que "non se deberían traspasar nunca". "Di moito de vostede a súa actitude de desprezo cara ás persoas maiores ou con dificultades de mobilidade", esgrimiu, antes de reivindicar "a bagaxe ética e profesional intachable e incuestionable" de Fernández Albor.

"E ten un valor humano e persoal que o fai merecedor de todo o noso respecto", agregou, antes de lembrar que os expresidentes teñen "a opción" de participar nas sesións do Consultivo con "funcións de asesoramento". Respecto diso, manifestou a "gratitude e satisfacción" polas achegas de todos os expresidentes que "participaron ou poidan participar" como asesores do Consultivo.

A continuación, insistiu en que o Goberno non ten datos sobre "as asistencias ou inasistencias" ao Consello, antes de volver atacar a Villares e sinalar que, "se cadra quere propor un ranking de asistencias por este Parlamento".

"Pois a min cónstanme as reiteradas inasistencias dalgún deputado na pasada lexislatura, próximo ao seu grupo, sen renuncias en ningún momento á dedicación exclusiva, e cito textualmente as palabras da súa pregunta: sen que deixase de recibir as retribucións que lle corresponden como consecuencia do cargo a pesar da ausencia xeneralizada e abdicación global das súas funcións", afeou.

"DEIXE VIVIR EN PAZ AO SEÑOR ALBOR"

"E vén aquí falar de ética?", continuou García-Señoráns, quen reivindicou a figura de Albor. "Temos a honra de contar cun home da súa talla, unha persoa boa, absolutamente respectable e da que podemos presumir. Como tamén pode presumir el de chegar a cumprir cen anos coa cabeza ben alta", enxalzou.

Así as cousas, desexoulle "moita paz" e que "manteña a lucidez que demostrou como ata agora". Rememorou que nas últimas entrevistas Albor lamentaba a "ignorancia" que ve agora na política e celebraba deixar antes esta actividade, á vez que subliñaba que o que desexa é "vivir en paz".

"Mire, señor Villares, de todo o que don Gerardo fixo polos galegos e por Galicia desde a primeira andaina desta autonomía é moi sinxelo o que lle debemos e podémoslle devolver. Déixeo vivir en paz", concluíu a directora xeral, mentres que Villares interpretou que, coa súa resposta, o PP revela que "encobre aos seus ata o final".

AUSENCIAS, PERO "COMUNICACIÓN REGULAR" CO CONSULTIVO

En relación á polémica suscitada na Cámara sobre a situación de Albor, distintas fontes do Consello Consultivo consultadas por Europa Press ratificaron que, debido aos problemas de mobilidade do expresidente, que naceu na capital galega en setembro de 1917, este non acudía aos plenos nin a reunións deste órgano, co que si mantería "unha comunicación regular".

"Si xustificou a súa ausencia por motivos de saúde e problemas de mobilidade, aínda que el sempre manifestou, ata hai pouco, a súa vontade de tentar recuperarse e volver ás reunións", esgrimiu un dos membros deste órgano consultado por Europa Press, que lembra que, en todo caso, a lei que o regula non fai constar que a función de asesoramento dos membros natos (que opinan, pero non votan) aos plenos sexa "obrigatoria".

Outras fontes do órgano incidiron en que, a pesar das dificultades físicas propias da súa avanzada idade, non deixou de prestar "valiosos consellos" cada vez que era "consultado" sobre unha cuestión concreta. "A función dos expresidentes é de asesoramento", remarcan as mesmas fontes do Consultivo, cuxos membros perciben un salario duns 60.000 euros.

SÓ LAXE CONTINÚA COMO MEMBRO NATO

Dos tres expresidentes galegos que entraron no Consultivo en condición de membros natos --Albor e os socialistas Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño--, só González Laxe permanece agora (tras o cesamento voluntario de Albor por razóns "estritamente persoais") neste órgano, que Touriño abandonou en 2016 tras expirar o seu mandato.

A reforma lexislativa de 2014 recolle que os conselleiros natos exercerán o seu mandato por un período de seis anos sempre que ostentasen a condición de presidentes da Xunta durante catro ou menos anos, ou por un período de 12 anos, se dita condición mantívose durante máis de catro.

En todo caso, con tres meses de antelación á expiración do período de mandato dun membro nato do Consultivo, o seu titular debe comunicarllo ao Consello da Xunta, quen poderá prorrogar o mandato do conselleiro "cando as circunstancias concorrentes así o aconsellen" e por un período que "non excederá nalgún caso a terceira parte do período inicial que lle correspondese".

As fontes consultadas por Europa Press concretaron que o mandato de González Laxe está a piques de expirar (este verán) e que xa se trasladou esta situación e a posibilidade de prórroga, sobre a que deberá pronunciarse o Consello da Xunta, que integran o presidente, Alberto Núñez Feijóo, e o seu equipo de Goberno.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS