Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 13 de 15 noticia anterior de Galicia Galicia  |   RSS - Galicia RSS

campaña electoral - 20D

En Marea preséntase como a opción para "descabezar a medusa" do "señor dos 'hilillos' e Primo de Rivera"

Beiras defende que "a combinación é a que abre un novo horizonte e para iso é necesario alianzas"

VIGO. EP  | 11.12.2015 
A- A+

O voceiro de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e coordinador nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, presentou a En Marea como a opción de cara ás eleccións xerais do próximo 20 de decembro para conseguir "descabezar a medisa" fronte á parella composta polo "señor dos 'hilillos' e Primo de Rivera", en referencia a Mariano Rajoy e Albert Rivera, respectivamente.

"Iso é o que vai facer En Marea en Galicia, cunha alternativa exclusivamente galega e con capacidade para lograr o que imos lograr o 20D: un grupo parlamentario propio galego en clave de esquerda social", aseverou, antes de enxalzar o "fenómeno" da confluencia conseguida "entre uns e outros" para instaurar "unha nova cultura política" exercida polos cidadáns.

Así se pronunciou durante un mitin celebrado na tarde deste xoves no Auditorio Mar de Vigo, que contou coa presenza dunhas 300 persoas, ante as que Beiras se comprometeu a "abrir o horizonte da democracia real" fronte á "oligarquía", atallando "os problemas da xente" e dando a volta para "que a política vaia en favor dos cidadáns".

O voceiro de AGE destacou que hai momentos no ano no que as mareas oceánicas "son máis vivas", concretamente nos equinoccios e solsticios, e recordou que este último caso coincide o próximo 21 e 22 de decembro, o que "acontece xustamente co 20D, cando, asegurou, "vai chegar Marea ata Moncloa".

Na súa intervención, Beiras puxo en valor que no pasado os cidadáns, e en concreto os vigueses que traballaban nos sectores naval, pesqueiro, automobilístico e comercial, "tiveron que organizarse eles mesmos". Non obstante, ao darse conta de que as cousas non cambiaban, eses mesmos cidadáns "pasaron a ser os protagonistas".

"Iso é o que significan as mareas en Galicia", resumiu, a colación do que recoñeceu que as formacións que as compoñen son "moi diferentes" e a súa unión "foi difícil", e, de feito, "espazos moi respectables non quixeron entrar nesta fórmula", en referencia ao Bloque Nacionalista Galego.

A liña seguida, Beiras defendeu que é "nacionalista" e quere "que se autoemancipe o pobo galego", o que, na súa opinión, pasa non só pola soberanía nacional, senón tamén pola soberanía popular. "A combinación é a que abre un novo horizonte, e para iso ese necesario alianzas", finalizou.

O MUNDO DE MATRIX

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, tamén participou no evento, onde iniciou o seu discurso facendo un paralelismo respecto á situación política actual e o mundo virtual de Matrix, que, dixo "empezou a caer estes últimos anos" facendo que os gobernantes se estean a "poñer nerviosos".

Noriega, que defendeu que a Marea "sobe nas enquisas" polo seu relato colectivo e pola constatación "da fraude" que foi a crise, asegurou que ás 'mareas' non lles importa "o ornamento", senón "a honestidade". "Iso levounos a estar aquí", recalcou, antes de criticar que os demais esquecen problemas como a emigración dos mozos e quedan nos cigarros na bañeira e nas luces de Nadal".

Así as cousas, apuntou que "o xeito de vencelos" é "xerar espazos de hexemonía que lle discutan a súa hexemonía". "Estamos aquí para exercer a dignidade, queremos reivindicar a dignidade social, a repartición das riquezas...", subliñou, antes de reflexionar que a Marea representa o "fío condutor para cambiar as cousas". "Podemos derrotalos, e ímolo facer dende aquí, dende Galicia," concluíu.

CANDIDATURA DE PONTEVEDRA

A 'número un' de En Marea por Pontevedra, Alexandra Fernández, manifestou que "esta candidatura representa mellor que ningunha outra a Galicia de 2015", sendo o espazo de confluencia de diversas formacións e partidos para "facer fronte a un momento de emerxencia social". "O 20 D imos rescatar á democracia", rematou.

Pola súa banda, a 'número dous' da candidatura pola provincia, Ángela Rodríguez, considerou que o que está a facer En Marea é "épico" e dirixiuse aos gobernantes, e en concreto a Rajoy, para dicirlle: "Sede fortes, porque este cambio xa non hai quen o pare".

Ademais, pediu a toda a sociedade que, entre outras cuestións, non esqueza as tarxetas Black, a Gürtel, a Pokémon, a Baltar, a estafa dos preferentes, o cerco, o Prestige, o monte Pindo, o monte Fracha, os vermes nas sopas do Álvaro Cunqueiro e as vítimas do Alvia.

UNIÓN POLO CAMBIO

O voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, foi o encargado de abrir o mitin nun discurso no que recordou que hai varios anos se abriu unha pequena "brecha que iluminou moitos concellos", e tras a que era "importantísimo" ser capaces de "seguir andando" de cara a un "cambio este 20 de decembro".

Pérez puxo en relevo o que un membro de Esquerda Unida sexa o encargado de presentar ao secretario xeral de Podemos, Breogán Riobóo, quen, a continuación, incidiu en que a formación está conformada por xente "diversa e plural" que deixou "atrás" os personalismos e as siglas para poñer en valor "o que --lles-- une": "Queremos que as cousas cambien, non queremos que nada siga igual, non queremos que nos sigan roubando".

Así, fixo fincapé en que "na unidade - son-- máis fortes", e agradeceu "o esforzo" de todas as persoas que día a día "poñen a súa ilusión" no proxecto de En Marea, sobre o que recordou que vén do 15 M pero tamén de "loitas" anteriores, como o movemento do 'Nunca Máis'.

"Estamos aquí para poñer por diante á cidadanía e os seus dereitos sociais. Non estamos aquí para seguir pagando as súas festas, nin seguir permitindo esta lacra da corrupción", incidiu, antes de responder aos que critican a Podemos por non ter experiencia que a formación non quere "ter experiencia desa privatización minifundista de Feijóo, de coller ou non coller reloxos e regalos".

"Non queremos máis Patos, máis Pokémon, nin máis Campións", insistiu, antes de animar a non temer o cambio; en contraposición cos partidos de sempre, sobre os que dixo que "teñen medo porque saben que --en En Marea son-- máis e saben que se lles está a rematar o quiosco, que se lles está a rematar a festa". "Temos que ir sumando gota a gota", concluíu.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS