Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 06.12.2019 Actualizado 13:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

En Marea reivindícase na súa nova etapa como "o que necesita a política galega" no polo progresista

As bases emendaron a tese da dirección sobre o abandono do "rupturismo" e aprobaron o sistema de cotas para a militancia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, en rolda de prensa coas viceportavoces da dirección Ana Seijas (esquerda) e Mariló Candedo (centro)

 - FOTO: EUROPA PRESS
O portavoz de En Marea, Luís Villares, en rolda de prensa coas viceportavoces da dirección Ana Seijas (esquerda) e Mariló Candedo (centro) - FOTO: EUROPA PRESS

SANTIAGO. EP  | 16.07.2019 
A- A+

O portavoz de En Marea, Luís Villares, reivindicou que a organización que el mesmo encabeza representa "o que necesita a política galega" no polo progresista e aspiran a seducir ao electorado que non se sente identificado cun PSdeG próximo ao "liberalismo", a falta de "transversalidade" de Podemos ou o proxecto nacionalista dun BNG "que non é capaz de chegar ás maiorías sociais" ao ter "unha capacidade de expansión limitada".

"Sen nós o panorama político galego estaría incompleto", aseverou este martes Villares nunha rolda de prensa na que, acompañado polas viceportavoces da dirección Ana Seijas e Victoria Esteban, informou sobre as novas teses políticas de En Marea aprobadas nun plenario celebrado o pasado sábado en Santiago que supuxo "un punto e a parte" para a organización nada en 2016 como ferramenta política do 'rupturismo' e a chamada 'unidade popular'.

As novas teses da organización que lidera o maxistrado en excedencia avogan por abandonar a política de alianzas para concorrer en solitario aos procesos electorais. Por outra banda, as bases de En Marea emendaron a proposta da dirección que apostaba por deixar ao carón o concepto de "rupturismo", entendido como unha impugnación ao sistema sociopolítico xurdido na Transición española.

Así, o documento político aprobado polos 200 asistentes ao plenario suaviza a postura da cúpula de En Marea, que pretendía abandonar o "rupturismo" de maneira definitiva por considerar que no actual contexto a "xanela" estaba "pechada" para a "superación do réxime político de 1978 mediante procesos constituíntes".

Deste xeito, a tese definitiva, á que tivo acceso Europa Press, recoñece que se perdeu "unha oportunidade no conxunto do Estado" para lograr un "cambio político mediante un proceso constituínte". "Pero debemos seguir empuxando para que esa xanela volva abrirse e que En Marea sexa decisoria na nova configuración que salga do futuro proceso constituínte", conclúe.

SISTEMA DE COTAS A MILITANTES
Ademais, tamén recibiu luz verde a nova configuración orgánica da organización pola que En Marea contará con dúas clases de militantes: os inscritos con plenos dereitos e os meros simpatizantes. Os primeiros deberán abonar unha mensualidade de cinco euros ao mes (con tarifa reducida para casos de persoas con dificultades económicas) e terán voz e voto nas decisións do partido. Os segundos, ao non pagar, unicamente poderán emitir a súa opinión pero non tomar parte nos procesos internos de En Marea.

A preguntas dos medios, Villares negou que a implantación de dous niveis de militancia supoña "en ningún caso" romper cos principios fundacionais de En Marea, que se reivindicaba como unha ferramenta política aberta a toda a cidadanía de Galicia.

"En ningún caso rompe cos principios fundacionais porque establecían a compatibilidade co sistema que implantamos agora", dixo Villares, que afirma que o cobro de cotas aos militantes vai na liña de dotar a En Marea de "suficiencia financeira" e así "non depender dos créditos nin das subvencións das institucións públicas".

PROXECTO PROGRESISTA, GALEGO E TRANSVERSAL
Así as cousas, e xa con Esquerda Unida, Podemos e Anova fóra da organización, En Marea encara esta nova etapa en solitario coa vista posta nas eleccións galegas previstas para o próximo ano, unha cita na que confían en contribuír á formación dunha "fronte ampla progresista" que acabe co goberno do PPdeG de Alberto Núñez Feijóo.

"Os problemas reais teñen que ter unha resposta en clave progresista ampla. Quixemos recuperar o discurso trasversal no que sempre quixemos estar. Sen nós o panorama político galego estaría incompleto", aseverou Villares.

En Marea apela así a seducir ao electorado que após o último "quinquenio" marcado pola irrupción da chamada "nova política" poida acabar "na abstención" pola desafección ante a falta de "ilusión".

Deste xeito, Villares afirma que a organización que encabeza constitúe unha opción "diferente" a un Partido Socialista que cre máis próximo ao "liberalismo" que á "socialdemocracia", a un Podemos "cada vez máis botado ao carón" ao abandonar "a transversalidade" e a un Bloque que "non é capaz de chegar ás maiorías sociais" pola "súa capacidade de expansión limitada".

Todo iso, continuou Villares, ao redor dos "eixos" ideolóxicos do feminismo e a defensa do medio ambiente, apostando por "repensar" o modelo de "obsesión pola produtividade" do mercado laboral cara a unha idea de "redistribución do traballo" e a implantación da renda básica universal.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS