Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ECOS DA BERENGUELA

Mario Canda, un poeta necesario

XOSÉ LOIS GARCÍA  | 08.10.2013 
A- A+

Esta nosa Galiza acostuma a esquecer o que nela se cría e a quen a ela defende. O dato de esquecemento é notorio e alegatorio, do que se fai cun poeta necesario e propicio para lembralo neste seu centenario. Mario Canda (Ribadavia 1913-1936) foi un poeta que forneceu unha poesía cívica e socialmente de denuncia, como se amosa no seu poemario: “Cantigas y Cantares”, todo el en galego e cun vocabulario que cultiva as enxebrezas do Ribeiro, publicado en 1928, cando o poeta tiña quince anos. Con prólogo e tutela de D. Eladio Rodríguez González, Presidente da Real Academia Galega, e ribeirense como o autor. D. Eladio, salienta: “Tiene además el autor de CANTIGAS Y CANTARES otra condición que abona su triunfo y hace ver en él una futura gloria del país”.

Aquela promesa xuvenil que se anuncia no seu libro, que constata ese viro necesario cara o microcosmos do Ribeiro e cara a xente que o traballa e fertiliza, recollendo o mínimo que lle permiten os terratenentes. En seus versos está presente a dádiva da pobreza; o convite a facerse valer na acción cívica e social dos traballadores do campo.

A poesía de Mario Canda contrae varios compromisos e varios rexistros que desde as terras do Ribeiro multiplícanse a toda Galiza. Eses respiros enxebristas, a preocupación polo home que cultiva as terras dos demais, como caseiros, criados e xornaleiros. Todos eles teñen presencia nun verso narrativo que moitas veces nos aproxima á crónica de denuncia, que o poeta atesoura con rotundidade. Con sentimento lacónico chama á xuntanza unitaria e patriótica no soneto titulado: “Vinde todos”, título que convoca as xentes do Ribeiro con motivo da Asemblea que se celebrou en Ribadavia o 3 de abril de 1927. O dito soneto é categórico e explícito: “¡Ei, veciños d’o Avia e d’o Miño!,/ acabai de soñar, despertemos/ y-hoxe xuntos a vila marchemos/ en defensa d’a fama e d’o vuño.// ¡Que non quede, xiquera, un veciño;/ hoxe os eidos fechados deixemos/ qu’é preciso que nos sindiquemos/ pra loitar con fé cega e cariño!// Defendámol-os nosos sudores,/ persigamos con fé os treidores/ c-a Comarca votan a perder.// Defendámol-o honor d’o Ribeiro.../ e se fose preciso o fungueiro,/ loitarás’ hastra mais non poder”.

Non podemos pedirlle mais azos estéticos a un poeta de quince anos. Válenos a ética desa convocatoria que prioriza con apelos como “loitar”, “sindiquémonos”, “treidores”, “fungueiro.” Non esquezamos que cando Mario Canda escribe o seu poemario foi nos tempos da dictadura de Primo de Rivera. Por todo isto convértesenos nun poeta necesario, que nos serve de ponte coa  poesía anterior de Lamas Carvajal e Curros Enríquez. Tamén posterior, coa de Celso Emilio e outros. Así, o vello e conservador D. Eladio, manifesta o albor xuvenil dun poeta cívico ao que lle dá a benvida ao final do seu prólogo: “Con la aparición de CANTIGAS Y CANTARES surge en la palestra de la poesía regional un nuevo luchador lleno de fe, pleno de entusiasmos y dotado de fogosidades juveniles”.

Sirva pois unha alusión a este poeta que encariñou coa súa patria, co que a asuca e afonda no ir e vir do traballo. Mario Canda, foi simplemente iso: un poeta comprometido co mundo do traballo e cun amor integral e vital por Galiza. Mario Canda merece lembralo e recuperar os seus poemas. A súa memoria.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS