Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.09.2019 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Entre o marqueting e a provocación

MANUEL MERA  | 23.04.2019 
A- A+

Nesta primeira fase dos procesos electorais en marcha, na que se elixen os/as membros do poder lexislativo no Estado español, destaca pola forte disputa entre os partidos da dereita polo votante máis conservador e de estrema dereita, deixándolle deste xeito o centro político ao PSOE. A esta vantaxe para os “socialdemócratas” hai que lle sumar que a iniciativa tamén está en mans de Pedro Sánchez, como se amosou na ringleira de medidas dos “venres sociais” que son unha propaganda efectiva, nun contexto no que a maioría das familias ten dificultades para chegar a final de mes.

As medidas tomadas polo Governo non implican cambios que muden a tendencia regresiva en materia de precariedade e salarios no ámbito laboral, mais por primeira vez nos últimos anos significan darlle algo de aire a varios dos colectivos máis esmagados polos axustes. E, neste aspecto, tamén a nivel simbólico, constitúe un cambio de tendencia respecto dos governos de Mariano Rajoy, e das propostas electorais que están a facer o PP e VOX. Estes partidos avalan os axustes realizados, e mesmo consideran que se deben ampliar, especialmente Abascal, que sempre vai un paso por diante en materia de recortes sociais. No mesmo rego está Ciudadanos, aínda que cun discurso máis camuflado, vexase o abaratamento dos despedimentos e a mochila austríaca.

Nestas eleccións as cuestións laborais, as pensións, os servizos e prestacións públicas, a fiscalidade, a ecoloxía, a economía,... non son temas centrais por parte dos partidos, especialmente da dereita, para alén dalgún comentario. Toda artillería do PP, Ciudadanos e VOX está dirixida a demonizar aos nacionalismos periféricos, e aos supostos acordos que con estes teñen Pedro Sánchez, e a aproveitar a conxuntura para atacar as linguas e culturas propias das nacionalidades históricas, e propondo un recorte das competencias. Mesmo amagan con ilegalizar os partidos independentistas e poñer un chanzo do 5% a nivel estatal para obter representación nas eleccións xerais. A escusa sería o presunto carácter violento do soberanísmo das nacións dependentes, e considerar súas culturas e linguas como produto da imposición, facendo un xogo de malabarismo sobre a realidade histórica propia de Gobbels. En fin todo vale, para quentar os ánimos, alentar as paixóns, na procura de se presentar como os salvadores necesarios da subsistencia do Estado español.

Todo indica que este discurso non lle está a dar resultado a triple dereita, e que tanto o PSOE como os partidos soberanistas manterán e mesmo aumentaran a súa representación. Situación moi distinta é a de Podemos, aínda que recupere parte do espazo perdido, xa que seu intento de facer un discurso máis á esquerda que a socialdemocracia semella moi serodio, e perdeu parte da súa coherencia nos últimos anos. É verdade que hai unha porcentaxe de persoas indecisas moi altas, na Galiza sobre un 36%, mais é moi difícil que seu voto mude a tendencia actual. Para que non se manteña a previsión actual terían que suceder feitos moi transcendentes e simbólicos. Todo o que pode dar de si un discurso agresivo e dramático (da dereita) xa está aproveitado, máxime cando social ofrece como futuro con máis precariedade e desigualdade, de pouco lle vale ofrecer rebaixas na presión fiscal.

En calquera caso para gobernar o PSOE terá que pactar con outros partidos. Se o fai con Ciudadanos, como lle gustaría ás clases dominantes, terá que facer cesións á dereita, deixando en evidencia que os “venres sociais” foron máis táctica que proxecto, e ademais avalaría o pacto que este partido ten en Andalucía con VOX. Un acordo coa súa esquerda e o nacionalismo, máis lóxico e realista, obrígalle a eliminar as reformas laborais, a lei mordaza e o artigo 315.3 do CP, debater unha ampliación estatutaria, etc. Medidas que terán un bloque opositor duro e agresivo co actual, no que iniciativa seguirá en Abascal, unha forza de estrema dereita, que medios próximos ao PSOE tamén axudaron a medrar, para utilizar o voto do medo.

Non se poden obviar outros escenarios. Por exemplo, se os malos resultados do PP forzan unha viraxe para recuperar o centro-dereita perdido. Ou para gobernar lle chegase ao PSOE cos votos de Podemos e PNV, restándolle capacidade de presión ao independentismo catalán. O preocupante é, que en todos estes escenarios Galiza ou contará pouco ou estará ausente. E sendo verdade que non só no ámbito institucional se deciden as cuestións estratéxicas, este conta moito cando os partidos colocan nun lugar secundario a loita de clases e a soberanía, e as forzas sindicais e sociais realizan no esencial unha loita focalizada e reformista.

A historia indica que a organización, a capacidade de mobilización, así como a loita no ámbito das ideas, son básicas para lograr un cambio na correlación de forzas neste tipo de sociedades, e neste tempo histórico. Sen dúbida os resultados destas eleccións darán para moita análise especialmente no nacionalismo galego (e sería positivo para o país que consiga representación). Unha reflexión dos resultados que debería servir para axeitar á conxuntura a folla de ruta e a política de alianzas. Para superar así os atrancos do sistema, e conquistar a xustiza social, a democracia popular, a soberanía e desenvolvemento nacional, a igualdade...

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS