Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 19.01.2018 Actualizado 20:38
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Marxinación xeral das autonomías

XOSÉ A. GACIÑO  | 08.12.2017 
A- A+

Con tanto protagonismo informativo do artigo 155 da Constitución Española, parecía un tanto relegado o artigo 135, que tantas e tan recorrentes críticas levantara desde que Rodríguez Zapatero, nos últimos momentos do seu harakiri político, procedese á súa reforma co apoio do PP (o abrazo do oso) para establecer a “prioridade absoluta” do pago da débeda pública sobre calquera outro gasto público, ademais de fixar que o déficit público, salvo catástrofe natural ou económica, non pode superar as marxes establecidas pola Unión Europea para os seus estados membros (por certo, a única mención que se fai en toda a Constitución á Unión Europea, unha mención como de pasada, como se a UE fose outra catástrofe natural).

Dese artigo 135, que elevou a categoría constitucional a política do fundamentalismo austeritario ou austericida (que con estes dous palabros foi bautizado polos críticos do neoliberalismo), foron derivando diversas carencias e precariedades que aínda afectan a unha boa parte da cidadanía, por moito que o goberno e os poderes económicos aseguren que se superou a crise e xa funciona a recuperación económica. Dunha desas precariedades, e non a menos importante, fálase estes días, entre a campaña interestelar de Cataluña e a controvertida cota vasca: o sistema de financiamento autonómico, pendente de actualizarse desde hai case catro anos, un incumprimento que o goberno vai seguir prolongando polo menos ate despois da formación de novo goberno en Cataluña.

A crise económica foi a primeira causa aducida para suspender a actualización do sistema de financiamento autonómico, que debía entrar en vigor nos orzamentos do 2014. Pero a crise contribuía a agravar a situación financeira das comunidades autónomas, sobre todo das que viviran máis arroupadas pola especulación urbanística e as súas secuelas parece que automáticas: dilapidación e corrupción. Machucadas polos recortes impostos en educación, sanidade e demais políticas sociais -as súas principais competencias-, e desacreditadas polos diversos escándalos de saqueo dos recursos públicos, as comunidades autónomas convertéronse nunha sorte de chibos expiatorios da crise. O goberno central aproveitaba para marcarlles límites de déficit máis severos que os que se aplicaba a si mesmo, mentres aprazaba indefinidamente a obrigada reforma do sistema de financiamento autonómico e paliaba a asfixia económica das comunidades coas axudas dun fondo de liquidez, algo así como cambiar as transferencias orzamentarias por préstamos, un mecanismo semellante -á súa pequena escala- aos rescates da Unión Europea.

Superada oficialmente a crise universal, a causa dos novos aprazamentos é agora a crise catalá, que se agudizou hai cinco anos precisamente tras unha reclamación de sistema fiscal propio para Cataluña (sistema que no seu día preferiron rexeitar os que hoxe xogan a proclamar a súa independencia). Que, no medio da marxinación das autonomías en xeral, houbese medios e vontade para acadar un acordo -tamén largamente demorado- sobre a contía da cota que debe pagar Euskadi ao resto do Estado, dentro do seu sistema de concerto, ten provocado reaccións críticas contra o que algúns consideran situación privilexiada de Euskadi e Navarra, sen que, en principio, teñan cambiado esas reaccións ante a proposta do lehendakari Urkullu, no sentido de que o modelo foral sexa unha referencia na nova reforma do sistema de financiamento autonómico (sería algo así como xeneralizar un “privilexio”).

De momento, as eleccións catalás absorben toda a atención política, deixando en suspenso desde os orzamentos ate a insuficiencia financeira das autonomías e a imposíbel reforma da Constitución. O artigo 155 seguirá a ter máis protagonismo, para ben ou para mal, que o 135. E iso que a chegada do portugués Mário Centeno á presidencia do eurogrupo debería significar unha revisión da austeridade fundamentalista.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS