Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

Melancólico outono de castañas e cogumelos

RUTH FERNÁNDEZ  | 25.10.2013 
A- A+

Chegou o outono e con el a chuvia e o sentimento de melancolía que asolaga os corazóns máis sensibles… Pasadas as festas do San Froilán (este ano digamos que sen pena nin gloria para quen asina estas liñas por cincunstancias persoais que deixaremos á marxe), chegou tamén o momento da vendima, de recoller o froito das vides que dará lugar á apreciada beberaxe, branca ou tinta, para acompañar as grandes ocasións nunha mesa compartida. Si, estas son datas nas que se está a elaborar o viño novo, produto da terra que xa se ansía probar cara ao San Martiño, mentres os padais saborean as castañas asadas nun magosto, entendido como xuntanza festiva artellada arredor do lume para desfrutar cos amigos, familia e veciños do que ofrece o outono a nivel gastronómico. Lembremos o dito que reza: ‘Castañas, noces e viño son a ledicia do San Martiño’.

Hoxe séguese mantendo tan arraigada tradición, facendo a festa en honra da castaña, talvez sen poder esquecer a importancia que tivo este produto en Galicia, sendo noutrora a base da alimentación para a sociedade galega, antes da chegada da pataca, acompañándoas coa carne e facendo caldo e fariña con elas para a elaboración doutros pratos. Nesta época de crise, pode que se vexa o concepto da castaña con máis respecto, como alimento de subsistencia, máis alá das delicias para o padal, como é o marrón glacé.

Volvendo á vendima, fálase de que para o viño foi un ano bo nas diferentes denominacións, aínda que as chuvias fixeron apurar o traballo nas xornadas de vendima. Así, os expertos din que, por primeira vez na súa historia, nas adegas das Rías Baixas, entraron máis de tres millóns de quilogramos de uva ao día durante varias xornadas seguidas, cunha colleita de máis de 33 millóns de kg de uva de moi boa calidade, cifra afastada dos 17 millóns do ano anterior. Teremos un albariño de primeira… A denominación de orixe  O Ribeiro fala de 12,5 millóns de kg, un 3% menos que no ano anterior, sendo na súa maioría uva branca. Mentres, a  denominación Monterrei celebrou o I Festival da Vendima, como remate da colleita deste ano, pechada con 2,5 millóns de quilos de uva, dise que uns 200.000 kg menos que en 2012. O 65% da produción é de viño branco e o restante de tinto.

Comezaron a caerlles as follas ás árbores, quedando coa alma núa. O outono ten o descaro de arrebatarlles o seu único abeiro, ficando sen vestimenta para os crudos días de inverno, máis curtos, máis tristes, grises… mentres a carón da cociña de leña nas aldeas, entre castañas, noces e cogumelos, pasan o tempo os máis vellos. Percíbese o outono dende calquera recuncho, ao camiñar por algunha praza, ao dirixirnos cara ao parque, mirando pola fiestra mollada. E veñen á memoria os magostos dos avós, sentindo o lume no que estoupaban as castañas que non foran anozcadas. Respírase o vento frío, que muda en calor ao coller entre as mans unha presa dese froito asado, que no noso padal deixará o melancólico sabor do outono. Non se  escoita ningún son e a cidade semella estar morta, coma se caeran os soños polos pés. Non se oe ruído, nin outras melodías. Nada, o único que enche o baleiro é o silencio, algo coma un vapor, coma o xeo, frío e teimudo.

Neste tempo de outono as xornadas cotiás vólvense anacos de soños que se esvaecen entre os dedos, fuxindo do contacto coa realidade mentres a escuridade invade cada recuncho nada máis pasar as seis da tarde no reloxio. A xente fica mergullada nos seus pensamentos, lembrando épocas pretéritas, facéndose eco dos momentos de ledicia vividos no verán, acubillada no sofá do fogar mentres a lectura dun libro se concibe como unha vía de escape... Outros buscan nas saídas ao monte unha fusión co espazo natural, desfrutando do que a vida ofrece nesta estación, como é o achado dos fungos destinados aos grandes e pequenos gourmets da cociña que permiten o desfrute dun prato exquisito, adubiados cun pouco de allo e de pemento.

Estamos tamén coa recollida das mazás, que nos permiten desfrutar do sabor auténtico da compota e da empanada, con masa de pan ou de follado. Catado o mel das colmeas a mediados do mes de setembro, chega de novo o tempo da elaboración do marmelo caseiro, contrincante do doce producido polas abellas á hora de acompañar un anaco de queixo fresco ao estilo do de Burgos ou do Cebreiro. Logo virá a matanza do porco e, pasiño a pasiño, chegará o Nadal, que as grandes superficies xa queren adiantar poñendo á venda os típicos turróns e mantecados. Mergullada na melancolía do outono, despídome dos meus lectores, soñando días de sol, luz e calor, que tardarán en chegar, para poder desfrutar dos días de praia sen fin.

RUTH FERNÁNDEZ

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS