Hemeroteca web
|
RSS
Mércores 22.05.2013
| Actualizado 14.10
Este é un resumo subxectivo mais veraz e comprometido do 2011 que deixamos, dende a perspectiva de Galicia. A lingua, a economía e o emprego, a educación, a sanidade e os medios de comunicación, especialmente os públicos, foron os eixos deste curso especialmente convulso. Coa intención de facer memoria para non errar no futuro, é tamén unha homenaxe á prensa en galego, que este ano nos deixou máis orfos que nunca, a través das súas informacións e reportaxes, principalmente de Galicia Confidencial, Galicia Hoxe e Novas da Galiza (con algún puntual artigo de calidade en castelán esclarecedor sobre a cultura galega), aínda supervivintes, xunto a outros como A Peneira Dixital, Tempos Dixital, Diário Liberdade, Galiza Livre, De Luns a Venres, O Sil, Mundourense… coa dor de que non poderemos lembrar os excelentes traballos de Xornal de Galicia e A Nosa Terra, para sempre exterminados mesmo nas hemerotecas web. E busca revitalizar a prensa en galego, lendo esa propia prensa coas súas ligazóns orixinais, ao volvermos sobre as liñas que nunca debían de borrarse da nosa memoria.
Da Lei de Educación á desaparición de Galicia Hoxe
O goberno de Feijóo comezou o 2011 facendo balance, coma nós, de 2010, aínda que cun pouquiño menos de autocrítica e facendo un “top-ten” sobre “o mellor do ano”, no que coloca na primeira posición o suposto “éxito” da fusión das caixas, que co decorrer do ano daría un xiro que todos coñecemos. No segundo lugar, o polémico “Decreto do Plurilingüismo”, que reduciu o número de horas do galego no ensino e describe como “fundamentado no equilibrio lingüístico, na liberdade, na máxima participación dos pais e que ofrece a posibilidade de introducir o inglés no ensino público”. Para os conservadores, “deste xeito”, o Goberno galego consolidaba “a súa aposta por un ensino moderno, orientado ao futuro e que aproxima Galicia ao mundo”. O mesmo ensino que este 2011 se lles rebelou, dende todas as instancias e ámbitos (alumnos, pais, profesores, persoal de servizos e investigadores, sindicatos… desde a educación obrigatoria á universitaria e a formación profesional), e a posición de Galicia no mundo non se viu peor representada coas pésimas formas de personaxes como o Secretario Xeral de Política Lingüística Anxo Lorenzo, agora premiado coa Secretaría de Cultura da Xunta, ou os directivos das caixas que foron responsables de afundir o seu capital e malvender os aforros de milleiros de galegos: José Luis Pego, Gregorio González Gurriarán, Óscar Rodríguez Estrada, e Javier García De Paredes, entre outros. Tampouco a suposta representación “galega” no Estado por políticos que agora están no Goberno, como Rajoy ou Ana Pastor, nos beneficia moito ou nada.
Os supostos avances nas infraestruturas deixaron de lado o tan traído e levado AVE e conformáronse cun Avant que non só é o máis caro do Estado e por suposto máis có tren de media distancia, senón que discrimina as vilas e o interior de Galicia e marxina a rede de rexionais, renunciando a mellorar os seus servizos e a afondar nas comunicacións . A investigación e a educación resíntense, con numerosas folgas, peches, e casos vergoñentos como o das bolsas Parga Pondal, mentres os profesores se mobilizan, practican a desobediencia civil lexítima dando aulas en galego, e os recortes en Sanidade medran mentres se desactivan as tarxetas sanitarias de miles de parados, e todo isto cando aflora a corrupción a nivel local e nacional, con casos como o “Orquestra”, “Arena” ou “Campión”, e a suposta rama galega do “Gürtel”, e coa taxa de paro máis alta da historia de Galicia. Os medios en galego tamén foron, desta vez, tristes protagonistas, desaparecendo un tras doutro e reducíndose á súa mínima expresión, co peche sistemático e imparable de cabeceiras que usaban o idioma propio, mesmo moitas históricas: Galicia Hoxe, A Peneira, A Nosa Terra e Xornal… pero isto vese acompañado dunha mobilización cidadá que reclama medios en galego, e de novas propostas e esperanzas para o sector da comunicación no noso país como Tempos Novos Dixital, Praza Pública ou Sermos Galiza, ademais da consolidación de Galicia Confidencial como medio en galego máis lido, e segundo en Galicia só detrás de La Voz, do que se demostran graves campañas de intoxicación informativa, xunto a outras cabeceiras.
O movemento popular e asociativo segue máis vivo ca nunca no país do Nunca Máis, con plataformas como SOS Sanidade Pública, Por uns Medios Públicos de Calidade, Queremos Galego, a Marcha polo Emprego, ou a Marea Verde pola Educación Pública, e a mobilización cidadá é aínda máis masiva, global e exemplar a partir do 15 de maio, manifestándose na rúa e acampando, debatindo e facendo democracia nas prazas das cidades e vilas, e demostrando máis unha vez que a sociedade galega está viva, a pesar dos recortes e as manipulacións, e confirmando, sobre todo despois das eleccións do 22-M e do 20-N, a crise no seo de todos os partidos, PSOE e BNG incluídos. Eis un resumo a modo de revista de prensa dos primeiros seis meses, coas ligazóns ás fontes orixinais:
A Universidade de Santiago está a piques de iniciar a construcción do terceiro centro de investigación de tecnoloxía da información. O audiovisual galego reacciona aos recortes e o actor Xosé Manuel Olveira, “Pico”, alerta das dificultades para celebrar os premios Mestre Mateo. Galicia Hoxe fala das novedades cinematográficas para 2011. Francisco López, Director Xeral do Libro, louva a axuda da RAG, na sesión da Cidade da Cultura vencellada a Manoel Antonio. Dúas asociacións loitan por atopar 300.00 naipelos arrebatados ás súas nais dende os anos 40, os nenos roubados do franquismo. Ademais o xuíz Pedraz inicia a investigación da morte de Couso, e o Consello Escolar rexeita o borrador do anteproxecto de Lei de Convivencia e solicita a súa devolución.
Novas da Galiza publica informacións exclusivas tanto sobre a reunión de Rajoy con narcotraficantes, como sobre o incremento da actividade de Resistencia Galega. Tamén salienta que Galiza recupera a iniciativa coa “greve geral nacional”.
En Xornal de Galicia, unha entrevista a Peter Eisenman, arquitecto da Cidade de Cultura, arrebátalles declaracións tan soberbias como a seguinte: “Antes do Gaiás, Galicia non estaba en ningures, só era un lugar relixioso”. Lamentablemente, non poderemos nunca revivir estas liñas, posto que o primeiro xornal electrónico de Galicia xa non existe e os textos foron borrados para sempre do seu servidor.
Febreiro:
As eleccións están aí xa, e nótase. Converxencia XXI presenta en Santiago a súa primeira candidatura. Carlos Amoedo e Filipe Díez danse de baixa do BNG. Conde Roa recupera a Fraga para a precampaña, invitándoo á presentación da súa candidatura. Celébrase a convención do PP en Compostela, no que Feijóo volve coa teima da austeridade e a maldade intrínseca dos bipartitos. Entre os invitados, Dolores de Cospedal e Mariano Rajoy, e curso de novas tecnoloxías para os candidatos incluído, o que despois se notará na proliferación de perfís en redes sociais, que se esvaecerán coa mesma rapidez que as promesas dos políticos. O clan dos Baltar fai demostración de forza en Santiago e Ourense.
Iníciase a operación “Orquestra”, e o PPdG descarta botar de momento aos alcaldes e demais cargos detidos no marco da investigación. PP e PSOE acenden de novo o ventilador das corruptelas. Mentres o PP lanza unha ofensiva contra a suposta fraude fiscal do líder socialista, vídeo "anónimo" incluído, o PSOE contraataca recordando os presuntos vencellos dalgúns conservadores con narcotraficantes, unha acusación que ratifica o propio Laureano Oubiña. Ás veces, o ventilador tamén espalla o lixo na dirección contraria á querida, salpicando a un mesmo, como pasou a Negreira, que denuncia cun suposto vídeo anónimo as obras do alcalde socialista, pero descúbrese ao final que o autor é un ex alto cargo popular.
Xosé Manuel Beiras é designado voceiro nacional do Encontro Irmandiño, a corrente que lidera dentro do BNG, coa presencia de Guillerme Fernández, mentres o BNG e grupos independentistas apoian e alentan a volta da esquerda abertzale á area política. Galicia Confidencial, na súa liña habitual de persecución da corrupción, presenta unha escolma de altos cargos en activo que non pagaron algún dos seus impostos, incluído o presidente da Xunta de Galicia. Falando de malgasto, o alcalde de Boqueixón, de PPdG, recoñece que se “dilapidaron moitos cartos, e eu fun dos que axudou a dilapidalos”. Comeza a guerra das enquisas de cara ás eleccións municipais de maio.
Novas da Galiza salienta en febreiro as mostras de solidariedade coa Casa das Atochas, así como unha trama corrupta relacionada coa explotación sexual das mulleres que implica a unha morea de poderes na capital de Lugo, e afonda no proceso de privatización impulsado pola nova Lei de Augas.
Marzo:
O profesor de Ciencias Política Miguel Anxo Bastos Boubeta denuncia o sistema educativo diante do conselleiro de Educación que lle aplaude. Di que hai que sacarlles a “esquerdallada” da cabeza, para uns días despois retractarse no GC. O número dous de Conde Roa, dimite tras ser detido conducindo bébedo, mentres o PP busca os filtradores da denuncia de Ángel Espadas.
BNG e CIG maniféstanse “en defensa do aforro, o emprego e o país” nunha marcha en prol das caixas e contra a “privatización” e “bancarización” de Novacaixagalicia. Celébrase o Debate sobre o Estado da Autonomía no Parlamento Galego. BNG e Esquerda Unida maniféstanse nas distintas localidades galegas en contra da intervención militar da OTAN en Libia e, en consecuencia, o deputado nacionalista representante de Galicia no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, vota en contra da intervención de España en Libia. Bono permite as linguas autonómicas no Congreso, pero reprende o seu uso. Jorquera fai o principio e o final da súa intervención en galego, e tilda de incogruente que se teñan producido avances no recoñecemento das linguas cooficiais nas institucións europeas “e non se teñan producido avances no Congreso”. BNG pensa que “a ilegalización de Sortu é unha mala noticia para a democracia”.
A UPG queda soa no movemento estudantil, ao crearse a Liga Estudantil Galega, como escisión dos Comités, apoiada entre outros por Isca. Para a Xunta, o coche de Feijóo, de 60.000 euros, non é de gama alta, e resposta ó PSOE acusándoo de ter varios Audis e outros coches sen usar mentres segue a adquirir novos vehículos. Mariano Rajoy fai campaña electoral nun barco dunha familia de narcotraficantes, nunha foto aparecida en Xornal e Público que podería provocarlle problemas. Tensións no seo do PP cos baltaristas.
O BNG acusa a Aznar de “racismo antigalego” por unhas declaracións nas que se refería a Rajoy achacando a súa indecisión “ó seu orixe galego e exercicio galego”, o que recorda ás declaración xa famosas de Rosa Díez.
Novas da Galiza destaca en marzo o crecemento do tecido asociativo popular, con reportaxe especial para os centros sociais, entre eles a Casa Encantada e Artábria, e fala das irregularidades do “negocio eólico”.
Unha edición especial celebra os 100 números de Novas da Galiza, cun repaso das súas mellores portadas, artigos e informacións.
Abril:
O grupo socialista abandona o concello de Cee como reacción á “Operación Orquestra”. Prepárase a campaña das municipais de maio, e o BNG denuncia o pacto antidemocrático entre PP e PSOE para facer debates ‘a dous’.
A quen non parece afectarlle á súa imaxe en campaña un erro grave é a Mariano Rajoy, quen se deixa fotografar no “Moropa”, un barco do clan de narcotraficantes dos Baúlos, e si a Xornal, que ve marchar o seu director José Luís Gómez por presións do máximo accionista, o construtor Jacinto Rey, que fora presionado á súa vez polo seu amigo Rajoy. Algo que adiantou no seu día GC e logo foi confirmado por Xornal. O feito é silenciado en toda a prensa galega conservadora, mais en GC publícanse as fotos e o vídeo probatorio.
O BNG denuncia unha “chantaxe” do candidato do PP ao alcalde de Arzúa. PP celebra de forma curiosa e sospeitosa o Día Internacional da Muller: cunha estatua á muller traballadora que a representa dando de comer ás galiñas, xusto no día límite antes da entrada en vigor da nova lei electoral, que prohíbe tal tipo de inauguracións. Beiras volve á área política e intervén nun acto de Mocidade Nacionalista Galega xunto a dirixentes de Nafarroa Bai, Esquerra Republicana e o propio Bloque con declaracións incendiarias como: "Hai peores terroristas que os de ETA e teñen nome e apelidos; Rubalcaba, Rajoy, Fernández Ordóñez e Rouco Varela”. O presidente da Xunta considera estas declaracións unha “equivocación”.
Celébrase o 50º Aniversario da publicación de “Memorias dun neno labrego”, do gran Xosé Neira Vilas, e recibe unha homenaxe organizada pola Liga Estudantil Galega, no que foi o primeiro gran acto desta formación escindida dos Comités, que abre unhas xornadas adicadas á súa figura con todo tipo de autoridades culturais, e inaugura todo un ano de actos arredor deste libro e o seu autor, como a completa exposición “Querido Balbino”, na biblioteca Ánxel Casal de Santiago.
Novas da Galiza salienta en abril un “novo caso de corrupción do PP”, así como da Casa das Atochas e o seu inminente derrubo, as “prácticas coloniais de Pescanova”, e o “valor reivindicativo da Geraçao à rasca”.
Maio:
Foi o mes da explosión da “indignación”, no que milleiros de persoas saíron ás rúas o 15 de maio, e varios centos acamparon nas prazas das cidades, como no Obradoiro de Santiago, reivindicando unha “Democracia Real Xa!”. Galicia Confidencial xa informou deste fenómeno antes do día 15, a través de distintas reportaxes sobre movementos como Democracia Real Xa ou Xuventude Sen Futuro, Non os votes, e entrevistas aos organizadores das manifestacións. Tamén o 15 de maio son liberados os mariñeiros galegos do Vega 5 e GC afonda na súa liberación.
Carlos Aymerich, líder da corrente Máis Galiza, súmase ao manifesto crítico coa ilegalización de Bildu “Democracia para Euskal Herria”, xunto a outros persoeiros como Beiras, no momento en que o Tribunal Constitucional falla a prol dos nacionalistas vascos. Descúbrense as relacións de Cultura coa trama na Operación Orquesta. Os funcionarios da Xunta mobilízanse contra Feijóo e convocan unha concentración en San Caetano para denunciar a campaña de “desprestixio” do goberno galego contra eles e na que, din, participa La Voz de Galicia. Tamén os “indignados” de Ourense protestan pola “campaña mediática de desprestixio” do movemento 15M por parte deste xornal en Ourense.
O BNG en Crecente accede a revisar o censo electoral e comproba como aparecen varias persoas censadas en vivendas abandonadas. Toda Galicia celebra o Día das Letras Galegas en honor a Lois Pereiro, o autor monfortino de “Poesía Última de Amor e Enfermidade”. Feijóo, durante a súa tradicional ofrenda a Castelao en Bonaval na véspera das Letras Galegas, critica entre liñas a suposta “imposición do galego” durante o bipartito. Un día despois, Queremos Galego celebra as Letras Galegas reivindicando coma sempre o uso do idioma propio fronte aos “ataques” no ensino e demais ámbitos por parte do goberno galego. Un milleiro de persoas reclaman en Compostela que Feijóo “cese nos seus ataques contra o galego” nunha mobilización celebrada de xeito simultáneo en máis de 60 lugares. Jesús Vázquez, conselleiro de Educación, trasládalles o seu “respecto total”, pero aclara que “a promoción da lingua ten que partir da liberdade”.
A Sala Nasa de Santiago anuncia o seu peche cunha “carta de despedida” trala vitoria de Conde Roa, que leva varios anos relacionando os seus xestores co terrorismo. Indignados, feministas e oposición únense contra a Lei de Familia do PP.
É o mes tamén das eleccións municipais, só unha semana despois do 15 de maio, que non inflúe nos resultados, os cales dan a vitoria ao PP, tamén en Galicia. A prensa galega analiza profusamente o novo mapa político xurdido tralo 22M, e Rodri Suárez dá algunhas das claves. Os imputados “populares” na operación “Orquestra” revalidan as súas maiorías. Comezan os movementos despois dos negativos resultados do BNG nas eleccións municipais. O Encontro Irmandiño advirte de que a fronte está “nunha situación límite” e necesita “encetar un novo camiño”. Dous altos cargos do Instituto Galego de Promoción Económica(IGAPE), dependente da Xunta, son detidos por presunta corrupción, xunto ao empresario Jorge Dorribo, no que se chamará “Operación Campión”.
En maio Novas da Galiza fai unha reportaxe sobre a “aposta municipal do soberanismo”, a “escena musical galega”, e o impacto dun campo de golf sobre o medio ambiente coa connivencia da Deputación de Pontevedra e o concello de O Grove.
Xuño:
Pecha Galicia Hoxe, único diario de pago en papel en galego. Os motivos son, segundo a empresa, a crise económica e a política “galegófoba” de Núñez Feijóo, que reduciu drásticamente as subvencións a esta cabeceira, mentres mantía ou aumentaba as axudas a outros, menos críticos co goberno. Remata un “soño”, 18 anos de prensa en Galicia e en galego, cunha liña crítica e comprometida cos intereses de Galicia, e no derradeiro número, un exemplar especial publicado o 28 de xuño, o seu director Caetano Díaz, acusa, nun artigo demoledor, directamente á Xunta de Galicia dun asasinato “a sangue frío”. A repercusión é tamén estatal. Manuel M. Barreiro lanza o primeiro ensaio sobre a era Feijo09, e sostén, entre outras cousas, que teñen que ser os lectores os que sosteñan os medios críticos. Descúbrese como a TVG evita, en maio nos seus servizos informativos, tratar as informacións sobre os “indignados”, as protestas de Queremos Galego durante o día das Letras, ou a operación “Campión”. Foron os propios traballadores os que o denunciaron, a iniciativa do Sindicato de Xornalistas de Galicia.
Os xuíces ratifican a vitoria de Conde Roa despois de ser recurrida por BNG e PSdG. Anúnciase un novo partido “galego e de esquerdas”, impulsado por Filipe Díez, ex militante do BNG e +Galiza, ao calor do 15M. Feijóo “mantén” que os “indignados” abandonen as prazas, afirma mentres os indignados se manifestan fronte á Xunta durante un dos consellos.
A sé do PP en Ordes sofre un atentado cun explosivo que só deixa danos materiais. GC debulla un informe silenciado pola maioría de medios e financiado con cartos públicos que desvela que varias entidades bancarias españolas, entre elas, capital galego, financian mísiles nucleares e demais armas.
Democracia Real Xa e 15M reclama unha “Europa do pobo e non dos mercados” e chama a movilizarse en contra do Pacto do Euro, convocatoria que acada un gran éxito.
Un roteiro de Carlos Callón celebra o Día do Orgullo Gay ensinando os vestixios da homosexualidade no Santiago da Idade Media., como presentación tamén da súa máis recente obra, “Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media”, premio Vicente Risco de Ensaio.
O Novas da Galiza fala en xuño da “indignaçom dos acampamentos”, o “derrube do PSOE” que “arrasta o nacionalismo”, e a “oposiçom popular á Sogama do Sul”.
