Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 14.09.2019 Actualizado 15:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Á BEIRA DO LIDO

A memoria no oficio de escribir

XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ  | 05.01.2013 
A- A+

Nesta miscelánea de textos, creados en tempos e lugares diferentes, está a esencia de Agustín Fernández Paz como escritor, creador e, naturalmente, como individuo comprometido e consecuente con moitas causas; a cerna identificada coa realidade humana e lingüística deste país. O título acáelle a cada decurso humano (O rastro que deixamos editado baixo o selo de Xerais, serie Crónica) e o vilalbés asume a expresión como presentación diante dos lectores a través da literatura e dunha escolla de episodios e situacións vividas que contadas con sinxeleza e claridade exenta de adobíos cativa en cada parágrafo. Na esencia está a infancia, as lembranzas dun tempo asentado na memoria que basicamente é, para calquera persoa, a semente do que na actualidade representa. "Todo está alí nas paisaxes gardadas na memoria".

Dúas partes heteroxéneas, aínda que marcadas polas mesmas paixóns que latexan na epiderme dos traballos, configuran esta expresión íntima que arela complicidade e comprensión lectoras. As paisaxes da memoria e o Oficio de escribir son as dúas referencias sobre as que Fernández Paz debulla diante nosa os tempos pretérito e presente, momentos nos que sempre houbo historias na súa vida: unhas, recollidas da realidade vivida e outras, artesanalmente manipuladas para conseguir novelas, relatos, contos… todo un mundo que o escritor pode arelar: "Todas as persoas necesitamos de historias, de soños, de palabras. Para entender o mundo e para entendérmonos. Para vivir outras vidas, para loar todo o que a existencia nos dá".

O rastro que deixamos, anacos dunha vida intensamente vencellada á palabra e ao idioma. Palabra, lingua e literatura son a tríade que Fernández Paz ofrece como as súas expresións máis auténticas; eis todo o que el é e polo que traballa. Estes son os universos máis fermosos dos que se pode dispoñer para acadar o maior acto de relación cos próximos: a comunicación.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS