Hemeroteca web
|
RSS
Sábado 25.05.2013
| Actualizado 03.09
En breve espazo de tempo apareceron nos alzadoiros das librarías dous libros de memorias escritos por senllos militares que formaron parte da Unión Militar Democrática: Las torres del honor, do recentemente desaparecido Gabriel Cardona, e Cuando las derrotas otorgan la victoria, de Xosé Fortes. Non son os primeiros libros de lembranzas escritos por militares que participaron na UMD, xa que antes Juli Busquets publicara Militares y demócratas (1999) e Ruido de sables (con Juan Carlos Losada, 2003), o propio Fortes e Luís Otero Procese a nuevo militares demócratas (1983) e Fernando Reinlein Capitanes rebeldes (2002).
Non sería casualidade que os militares citados, alén da súa carreira profesional, tivesen estudios universitarios e que exercesen posteriormente de acordo con eles. Dalgún xeito recuperaban unha tradición, presente ao longo do século XIX, do tàndem entre milicia e ciencia, que desapareceu despois do desastre de 1898. Daquela impúxose o perfil do militar africanista e cuarteleiro que foi, agás de algunha honrosa exceción, a que dominou ata o remate do franquismo.
Estas memorias de Cardona e Fortes, editadas por Destino, teñen diversos puntos de interese se as comparamos. Os autores proviñan da periferia –Menorca o primeiro, e Galicia o segundo- e asumiron a condición de orixe. No terreo profesional, as vivencias foron semellantes na súa evolución profesional coa diferencia que Fortes foi expulsado do exército e Cardona, en troques, aínda tiña mando cando sucedeu o 23-F.
O lector tirarà dúas conclusións xerais destas obras. A primeira, a miseria moral e profesional das forzas armadas durante o franquismo malia constituir o perpiaño fundamental do réxime. Un exército comandado por incompetentes, arribistas, herdeiros da bicoca de seren vencedores da guerra civil e absolutamente refractarios a calquera visión do mundo que non fose a das salas de bandeiras. Uns militares que, por non saber –a diferencia doutros de réximes tamén autoritarios como Portugal ou Turquía-, non sabían nin inglés.
E a segunda, e esta é en parte culpa de moitos nós, é o medo dos diversos gobernos democráticos –comezando polo de Felipe González, con Narcís Serra de ministro de Defensa-, para limitar os privilexios dos militares franquistas, restaurar a dignidade persoal e profesional dos militares demócratas e castigar ata ás últimas consecuencias aos implicados no intento do 23 de febreiro de 1981.
