Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 18.06.2018 Actualizado 11:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Mesa denuncia unha agresión lingüística por parte de dúas funcionarias en Lugo

Quere unha condena pública da Xunta e abrir expediente diciplinario contra as traballadoras // As funcionarias que supostamente se negaron a atender en galego a unha muller negan os feitos e denuncian acoso

05.03.2018 
A- A+

A Mesa pola Normalización ligüística denunciou a actuación de dúas funcionarias en Lugo polo que considera unha "agresión lingüístixa". A Mesa relata o ocorrido do seguinte xeito:

"O pasado 26 de febreiro a cidadá galega Adela Figueroa dirixiuse unha funcionaria do Servizo de Deportes da Xunta en Lugo para procurar información sobre clubes deportivos. Como a funcionaria lle respondeu en castelán, a administrada solicitou poder ser atendida en galego e foi neste intre cando comezaron os problemas.

A funcionaria botando man de pseudoargumentos, respondeulle: “No me da la gana! Soy funcionaria y puedo escoger el idioma que yo quiera”. A lexislación dita que quen ten a posibilidade de escolla é a persoa usuaria do servizo e o funcionariado ten a obriga de atender no idioma oficial que se solicite. Ante esta contestación Adela díxolle “que estaba en Galiza e que desexaba ser atendida en galego” solicitando se podía falar con outra persoa.

Cando a Figueroa se dirixiu a outra empregada pública para ver se podía ser atendida en galego, estoutra funcionaria contestoulle que “yo solo hablo castellano, no me da la gana de hablar en gallego”. A usuaria lamentou que fose así pois non quería que o galego se perdese polo que tivo que soportar un novo ataque da funcionaria: “Pues si se pierde mejor! Ni gallego ni catalán, con sólo castellano mucho mejor!”

Unha delas mesmo chegou a dicirlle á administrada “Yo fui de la Sección femenina de Falange. Y bien orgullosa que estoy de haber sido de la Seccion Femenina. Trabajé em Madrid en la casa del Paseo de la Castellana. Debajo del Escudo del yugo y las flecha, Ojalá volviese Franco. Buena falta hacia!”

O responsábel da Mesa en Lugo, Lois Neto explicou que os feitos son moi graves e que as persoas galegofalantes teñen o dereito legal e moral a vivir en galego plenamente e sen ninguna traba.

Para a Mesa este feito é un síntoma da política lingüística do PP na Xunta e xa tramitou queixas ante Consellaría de Presidencia, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Secretaría Xeral para o Deporte e Valedor do Pobo para denunciar este caso de agresión lingüística e discriminación dos dereitos máis elementais.

Quintas explicou que as funcionarias ao negarlLe a posibilidade de ser atendida en galego, vulneraron dereitos lingüísticos elementais tales como o Estatuto de autonomía de Galiza no seu artigo 5.4. que promulga que ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua, a Lei 3/1983 de normalización lingüística no artigo 6.1. recolle que a cidadanía ten dereito ao uso do galego nas súas relacións coa administración pública.

Tamén contraviñeron lexislación estatal e internacional como; artigo 13.c) da Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas que estipula o dereito a utilizar as linguas oficiais no territorio da comunidade autónoma, o artigo 2.b) da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, que o Estado español ratificou e que explicita que as autoridades administrativas e servizos públicos comprométense a dar a posibilidade para os falantes de linguas rexionais ou minoritarios de presentar demandas orais ou escritas nestas linguas.

A Lei 2/2015 do 29 de abril do emprego público de Galiza no artigo 185 recolle como faltas moi graves das/os empregadas/os públicas/os:

a) O incumprimento do deber de respecto á Constitución e ao Estatuto de autonomía de Galiza no exercicio da función pública.

b) Toda actuación que supoña discriminación por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, lingua, opinión, lugar de nacemento ou veciñanza, sexo ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, así como o acoso por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, e mais o acoso moral, sexual e por razón de sexo.

As funcionarias que supostamente se negaron a atender en galego a unha muller negan os feitos e denuncian acoso

As funcionarias que supostamente se negaron a atender en galego a unha muller na delegación da Xunta en Lugo negaron os feitos denunciados tanto pola usuaria como pola asociación A Mesa pola Normalización Lingüística e denunciaron unha campaña de acoso a través das redes sociais.

Nun comunicado difundido a través de Galicia Bilingüe, as traballadoras denunciadas sinalan que a usuaria chegou "fóra do horario de atención ao público" e facilitóuselle "toda a información verbal e documental" relacionada co asunto solicitado.

"Non foi ata o final da consulta, cando esta cidadá solicitou ser atendida en galego, nun ton moi desagradable, que non se correspondía co empregado até ese momento por ningunha das partes", sinalan.

As traballadoras sinalan que se viron obrigadas a trasladado a "dificultade de atender a súa petición" despois que a denunciante empregase "galego reintegracionista, como o que despois empregou no escrito de queixa", e "unha actitude hostil, dificultando en gran medida a súa comprensión".

"Nese momento, a cidadá comezou a faltarnos ao respecto, con comentarios tales como que nos negabamos a falar galego porque eramos da 'sección feminina', ou que 'queriamos que volvese Franco'. Tamén nos dixo que nos marchásemos de Galicia. Ao vela alterada, un compañeiro ofreceuse amablemente a falar con ela, accedendo á súa petición de ser atendida en galego, algo que ela xa non quixo aceptar". Por iso, tacharon de "totalmente falso" a suposta negativa a atender á muller en galego.

Finalmente, denunciaron que, a partir deste incidente, "comezou unha campaña de acoso" nas redes sociais e "mesmo telefonicamente", chegando a recibir chamadas de teléfono con comentarios como 'xa es famosa en internet' ou 'por fin lle poño voz á facha', feitos polos que presentaron denuncia ante a Policía Nacional o día 2 de marzo de 2018.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS