Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 22.07.2019 Actualizado 23:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

México revisa contratos de Pemex con estaleiros españois nunha "limpa xeral" contra a corrupción

"Podo dicirlles que se acabou a corrupción en Pemex", asegura López Obrador

CIDADE DE MÉXICO/SANTIAGO. EP  | 25.06.2019 
A- A+

O Goberno de México está a revisar unha serie de contratos con estaleiros españois da petroleira estatal Pemex ao considerar que estes acordos "non ofrecían un trato xusto" para a compañía azteca, segundo anunciou en rolda de prensa o presidente mexicano, Andrés Manuel López Obrador.

"Estamos a revisar contratos de empresas que se teñen en España con estaleiros españois onde non había un trato xusto para Pemex", anunciou o presidente mexicano, sinalando que "se está levando a cabo unha limpa xeral" en referencia ás empresas creadas ao redor da petroleira estatal e ao "tráfico de contratos e de compras con sobreprezo".

"Podo dicirlles que se acabou a corrupción en Pemex", asegurou López Obrador, sinalando que estas empresas que existían e eran independentes xa teñen control da dirección de Pemex.

Pemex selou acordos con Galicia que pasaron pola realización de floteles e a entrada no estaleiro vigués de Barreras, após as negociacións mantidas coa Xunta, aínda que varias promesas non se viron cumpridas sobre o inicialmente anunciado.

AFORRO DO 30%
Pola súa banda, López Obrador destacou que coas súas accións o Goberno xerou un aforro do 30% nos traballos de exploración e de perforación relacionados con Pemex, até uns 700 millóns de dólares (614 millóns de euros).

Así mesmo, o presidente mexicano destacou que se estabilizou a caída da produción de Pemex, engadindo que "bancos estranxeiros con moi boa información viñeron e ampliaron créditos, baixaron taxas de interese, e iso mesmo están a facer outros bancos para reestruturar a débeda herdada en Pemex".

A principios de xuño, a axencia de cualificación Fitch rebaixou nun chanzo a nota de solvencia a longo prazo da débeda soberana de México, até 'BBB+' a 'BBB', dous chanzos por encima do grao especulativo ou 'bono lixo', mentres revisou a perspectiva do rating a 'negativa' desde 'estable', o que deixa aberta a porta a un novo recorte no curto prazo como consecuencia das dificultades que atravesa a petroleira estatal Pemex e a incerteza relacionada coas tensións comerciais con EEUU.

No caso da nota de solvencia a longo prazo como emisor de Petróleos Mexicanos (Pemex), a axencia rebaixou o rating até 'BB+' desde 'BBB-', dentro do grao especulativo ou 'bono lixo' e con perspectiva 'negativa'.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS