Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Luns 20.05.2013  | Actualizado 20.08

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

(De)mentes espertas

O milagre alemán

Noticias relacionadas

ALBA LÓPEZ SÁNCHEZ  | 05.08.2012 
A- A+

Frau Neckerman saúdame ao atravesar a porta da oficina con ese sorriso amábel que a caracteriza. E xa comeza a desculparse como a primeira vez que a coñecín. Desculparse polo baixo salario e a inestabilidade, a desculparse polo recorte no orzamento en cultura e na música en particular. Síntese responsábel, mais ela non o é e nesta nosa derradeira conversa sincerámonos sobre o que pensamos e sen decatarme ela está a falarme do tempo da DDR (Deutsche Demokratische Republik ou a República Democrática Alemana), da falsa reconversión industrial  logo da reunificación, da baixada de calidade de vida e da escravitude á mesa da oficina que lle queda ate os 67.

-17 anos aínda- di, facendo un xesto de resignación- Frau Jorks volve ao traballo logo do verán, mais ela non se sinte aínda recuperada. Ten que facelo… xa se sabe… a presión da Krankenkasse (caixa médica, privatizada)

Eu asinto coma se non me sorprendese, mais sego a sorprenderme desagradablemente día a día neste país ao que lle chaman “o milagre económico” E engade:
-Non sei como imos a chegar aos 67 traballando se non estamos sans. Non digo que o tempo da DDR non tivese moitas restricións das liberdades mais non era unmenschlich (inhumano) coma agora.

Segue habendo dúas Alemañas. Unha, a de aquelas que medraron noutro sistema económico e que logo déronse a hostia ante a chegada do depredador neoliberal e a de aquelas que só coñecen o actual e non poden entender aos vellos do leste cando falan con nostalxia dos tempos nos que non se vían persoas recollendo botellas para sobrevivir.

Esta muller miúda, de ollos azuis intenso e falar meloso cun marcado acento de Turinxia do sur, cóntame como o pobo, a pequena poboación era unha zona produtiva e industrializada.

- … Moita xente nova, moita cultura, con futuro… e logo… Agora non hai nada, ninguén vén aquí, a xente marcha e claro se marchan porque non hai traballo, pois logo nós quedamos sen traballo tamén. Dende que se privatizou todo e se subvencionaron os despidos e peches das fábricas para que non houbese competencia nacional entre o leste e u oeste, mataron a nosa cidade. E sen alternativas estamos tentando facer unha cidade para o turismo e a cultura pero iso non chega. Xa ve, van a fusionar as escolas de música, os teatros e as orquestras de dous concellos e logo xa non teremos nada, e vostedes non terán sequera as opcións precarias de agora.

A escoito con atención. O vendido “milagre alemán “ ao exterior contrasta co meu día a día con estas e outras xentes. Seguimos a conversa sobre as falsas estatísticas, as baixas pensións que non dan para vivir por mor deses traballos-lixo a tempo parcial que se instauraron aló polo 2000(os coñecidos coma Minijobs), das mentiras en torno ás axudas sociais e á conciliación familiar. Hai un pouso de amargura que tenta que non se note; síntese devastada logo de 22 anos de cambios de políticas neoliberais.

-Frau Uch e mais eu estamos moi agradecidas de que puidese axudarnos. Desexámoslle moita sorte. Herzliche  viele Glück – repite dándome a man.

No camiño de volta co compañeiro de trompeta, Herr Streck, pasamos varias fábricas preto dos bosques ás aforas do pobo. Esqueletos roídos dun corpo produtivo que se esvaeceu no nome do progreso e a evolución. E ao pasar estes bosques verdes sempre transpórtome  a casa, á miña terra, e nesta ocasión ademais pregúntome por dentro se eu, tamén dentro de 20 anos, sentirei a nostalxia que senten os turinxios cando me falan do traballo e das vantaxes socias na DDR, cando lembre todos os dereitos sociais que tiñamos conquistados ate hai unhas semanas e que deixamos nos arrebatasen.

Calquera cidade pode chegar a converterse nun galego Rudolstadt.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS