Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Miles de persoas claman pola igualdade na manifestación feminista de Vigo

VIGO, 04/03/2018.- Varios miles de persoas percorreron o centro de Vigo, nunha manifestación convocada por Asemblea Galegas 8M, para facer visible a realidade das mulleres na vida persoal e no mercado laboral. - FOTO:  EFE / Salvador Sas
VIGO, 04/03/2018.- Varios miles de persoas percorreron o centro de Vigo, nunha manifestación convocada por Asemblea Galegas 8M, para facer visible a realidade das mulleres na vida persoal e no mercado laboral. - FOTO: EFE / Salvador Sas

SANTIAGO. EP  | 05.03.2018 
A- A+

Miles de persoas, 15.000 segundo os datos da Asemblea Galegas 8M que organizou o acto, secundaron en Vigo a manifestación coa que se clamou pola igualdade e en contra da discriminación, nun día "de demostración de forza das mulleres galegas", antesala da xornada de folga do 8 de marzo.

A protesta iniciouse ás 12,15 horas no cruzamento de Vía norte con Urzaiz, tras unha pancarta co lema 'Para transformar a vida das mulleres'. Foi unha mobilización con carácter reivindicativo, marcada pola cor violeta da vestimenta de gran parte dos participantes, con presenza feminina pero tamén masculina, e con cánticos, 'batucadas' e música.

A multitudinaria mobilización terminou preto das 15,00 na praza do Berbés, aínda que as actuacións musicais continuaron durante a tarde. Contou tamén coa presenza dos líderes políticos dos partidos da oposición, Luís Villares, de En Marea; Gonzalo Caballero, do Partido Socialista, e Ana Pontón, do BNG.

Foi unha protesta coa que a Asemblea Galegas 8M reivindicou que, xunto coa folga do 8 de marzo, se inicia unha "nova senda, facendo unha folga de coidados, laboral e de consumo" que se "repetirá" ata que as mulleres "paren o mundo" e o mundo sexa tamén das mulleres.

Nun día que supuxo un "punto de inflexión nos feminismos galegos", enxalzouse un "movemento imparable", en referencia aos actos feministas previstos en torno ao 8 de marzo, co que se fará "tremer a terra" para "construír un futuro de dignidade para todas".

Así se recolleu no extenso manifesto central lido na praza do Berbés, no que se clamou contra a fenda salarial, o teito de cristal, a división de traballo por xéneros, a violencia machista, a explotación sexual e contra os "privilexios" dos homes.

As organizadoras da manifestación defenderon que este domingo foi un "día de loita" "desde a unidade de acción" e "desde a riqueza da diversidade", encamiñado a que as mulleres forxen "un futuro colectivo que terá que ser feminista ou non será", porque, como se proclamaba ao termo, "a revolución será feminista ou non será", "hoxe e sempre, abaixo o patriarcado capitalista e colonial".

"Queremos vidas dignas de ser vividas e libres de todo tipo de violencias", esixiu a Asemblea Galegas 8M, que continuou denunciando que "as mulleres novas están condenadas ao traballo esclavista, parcial e precario, ou directamente á exclusión social e a pobreza", e as maiores ao "abandono, a soidade e a miseria".

"Porque queremos parar de contar asasinadas, lesionadas, violadas, agredidas, discriminadas, presas, exiliadas, emigradas, empobrecidas e excluídas", proseguiu o manifesto.

Pero a mobilización deste domingo non perdeu de vista a protesta do próximo 8 de marzo, e na praza do Berbés tamén se arengou a participar na folga internacional: "Unha xornada de folga para paralo todo, para mudalo todo, para que as nosas vidas se coloquen no centro da axenda e das prioridades. Porque só así seremos capaces de construír un mundo, unha Galicia e unhas vidas xustas, igualitarias e libres".

APOIO DE EN MAREA, PSOE E BNG
Desde En Marea, a responsable de Feminismos, Ana Seijas, instou tamén a participar na folga do 8 de marzo, para protestar pola fenda salarial, visibilizar a desigualdade das mulleres e para reclamar un orzamento que permita pór en marcha políticas de estado contra a discriminación laboral e social das mulleres.

Pola súa banda, Gonzalo Caballero reivindicou que os avances nos dereitos das mulleres "levan o ADN dos socialistas" e esixiu un esforzo político para lograr a igualdade.

Nesta liña, avogou por unha lei de igualdade salarial e pediu "ao PP e a Feijóo que dean un paso adiante e se sumen aos paros do 8 de marzo", denunciando que resulta "esperpéntico que sexa Baltar o que estea á vangarda do PP".

Tamén a portavoz nacionalista Ana Pontón reclamou unha lei de igualdade salarial e manifestouse "farta de que os gobernos non asuman a igualdade como prioridade política" e cargou, en concreto, contra os gobernos do Partido Popular.

"Esta mobilización é a oportunidade para dar un golpe na mesa dos gobernos do PP para dicirlles que as mulleres estamos fartas da discriminación, da desigualdade e das políticas machistas", aseverou.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS