Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 21.20

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Milongas da austeridade

03.02.2012 

5.0/5 [1 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

XOSÉ A. GACIÑO

Sabemos xa que esta crise de nunca acabar está a ser aproveitada para tomar decisións que, presentadas como parte da solución, en realidade non teñen nada que ver coa catástrofe. Pero non está de máis repetir que os causantes desta situación conseguiron darlle a volta á súa responsabilidade e converterse en dobres beneficiarios, primeiro das súas operacións especulativas, que levaron á economía mundial ao bordo do abismo, e agora, das drásticas medidas que eliminan políticas sociais e dereitos laborais co pretexto de solucionar a crise e que van deixar de novo o campo despexado para novas operacións especulativas. Están a gañar por goleada e poucas esperanzas temos de corrixir a tendencia, pero, polo menos, podemos exercer o dereito a patexar.

Naturalmente, o paraugas da urxencia para saír da crise serve para deixar de lado políticas que os neoliberais hexemónicos consideran secundarias ou mesmo contraproducentes para a súa concepción da economía e da sociedade. Para botar abaixo as políticas sociais, polo menos en Europa, van con máis rodeos, porque é maior a resistencia da cidadanía. En todo caso, teñen que ir tenteando o límite de aguante dos cidadáns.

Pero hai outros asuntos nos que esa resistencia é moito menor, aínda que sexan asuntos polo menos tan importantes como os outros. Sobre as cuestións medioambientais, por exemplo, a conciencia cidadá medrou moito nas últimas décadas e nalgúns países europeos mesmo suscitaron a creación de partidos verdes, pero noutros países aínda non se chegou (salvo casos concretos excepcionais, como foi o do Prestixe en Galicia) a xerar unha capacidade mobilizadora que inquiete aos gobernantes. Debe de ser por iso polo que a dereita española está a tratar con tanta frivolidade desprezativa todo o que se refire ao cambio climático, as enerxías renovábeis e a protección do medio ambiente.

O ton de fondo marcouno o presidente do PP andaluz, Javier Arenas, que, nunha convención sobre pequenas e medianas empresas en Málaga, a mediados de xaneiro, estoupou cun rotundo "estou farto da milonga da economía sostíbel". Nesa liña, os proxectos presentados no Congreso polo ministro de Agricultura e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, entran de cheo na loita contra esa "milonga". O medio ambiente non podía librarse da regresión xeral que está a emprender este goberno e, segundo o anunciado por Arias, pode que sexa o sector máis castigado polas reformas. Practicamente nada do moito que se aprobou sobre medio ambiente durante a primeira lexislatura de Rodríguez Zapatero vai quedar sen reformar. O descoñecemento en materia ambiental que recoñeceu este ministro na súa toma de posesión parece que o resolverá volvendo á situación dos gobernos de Aznar (un negacionista do cambio climático, por certo). Ademais de abandonar a presidencia do Programa de Medio Ambiente da ONU (que exercía nestes momentos España), que xa o anunciara o mes pasado, Arias Cañete anunciou agora reformas na lei de Costas (para ampliar a ocupación privada do dominio público), na de Augas (coa volta aos conflictos dos trasvases), na da Calidade do Aire (para facela "realista", que xa se sabe o que quere dicir) e nas da Responsabilidade Ambiental e da Biodiversidade, aparte de mostrarse partidario de que a Unión Europea non amplíe o recorte de emisións de CO2.

Naturalmente, toda esta permisividade contaminante xustifícase como facilidades para a creación de emprego. A mesma xustificación coa que se presentan os recortes de dereitos dos traballadores. Imposición implacábel dos poderosos do sistema, que non admiten regulacións nin controis para continuar coas súas actividades lucrativas (están esperando a que desaparezan totalmente para volver a poñer en circulación créditos e inversións?). Fronte á milonga da economía sostíbel (e a que non chegou a poñer en marcha Rodríguez Zapatero ben podería cualificarse así), veñen coa milonga da austeridade, que xa se sabe que consiste en fixar as rebaixas por abaixo para que poidan medrar sen límites os beneficios por enriba.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS