Hemeroteca web
|
RSS
Luns 20.05.2013
| Actualizado 00.16
Mentres se moven de fondo as imaxes do morboso Alemaña-Grecia, nunha Eurocopa na que as seleccións de catro países rescatados ou por rescatar ocuparon a metade dos postos de cartos de final, as noticias do cumio a catro de Roma (no que tamén estivo España: non só de fútbol se alimenta a alegría española) parecen abrir un mínimo horizonte de esperanza, cara ao cumio xeral de finais de semestre, para que non sexa a austeridade a única meta europea. Ate a inflexíbel Angela Merkel marchou con normalidade a ver o partido de fútbol dos seus, probabelmente con máis conciencia de deixar arranxadas as cuestións que Rajoy cando acudiu ao primeiro partido da selección española convencido de deixar resolta unha marabillosa liña de crédito en condicións moi favorábeis.
A contía e condicións desa liña de crédito (que na Unión Europea chaman rescate) seguen sen concretarse. Os informes das consultoras internacionais desvelaron esta semana que os bancos españois poderían apañarse, no peor dos casos, con 62.000 millóns de pesetas, dato que algúns celebran resaltando que “só” va ser necesario o 60 por cento da cantidade autorizada polo Eurogrupo.
O Goberno español trata de apurar os prazos para a presentación da petición formal, a ver se, no último momento, se abre paso o criterio de que os fondos do rescate vaian directamente aos bancos, sen necesidade de facer responsábel ao Estado e aumentar así a débeda e o déficit públicos (iso que Rajoy dixo primeiro que non ían verse afectados). Pero, tendo en conta que o primeiro prazo remata este luns, nin sequera un súbito e improbábel ataque de euforia, tras un trunfo futbolístico alemán nada sorprendente, ten posibilidades de abrandar a vontade política dunha Alemaña moi convencida da xusteza da súa posición de facer purgar a todos os excesos duns cantos.
Pero, por enriba desa firme esixencia alemá contra calquera fórmula de mutualizar as débedas (e iso que ate a directora xeral do Fondo Monetario Internacional insiste nesa idea), no cumio de Roma abriuse paso a proposta francesa de crear un fondo europeo para o crecemento, que quizais non sexa moito (uns 130.000 millóns de euros) pero por algo se empeza, e a vella proposta (tamén francesa, pero de Sarkozy) da taxa sobre transaccións financeiras. Está por ver se prosperan, e en qué medida, no cumio do 27 e 28 de xuño, no que Alemaña pode estar máis arroupada por gobernantes tan intransixentes como Merkel con respecto aos deberes impostos aos periféricos “indolentes” ou “tramposos” (aínda que prefiren os tramposos aos rebeldes, como veñen de demostrar a propósito das eleccións en Grecia).
E todo iso á espera da reacción dos famosos mercados cando volvan actuar o luns, unha vez coñecidos os resultados do cumio restrinxido e a evolución das dúbidas do goberno español con respecto á formalización da súa petición de rescate (ou liña de crédito máis ou menos vantaxoso). Remataron a semana con calma, coa prima de risco por debaixo dos cincocentos (o que xa nos parece todo un acontecemento) e a bolsa animada, pero ninguén sabe como se van espertar do descanso da fin de semana. Nin sequera sabemos as súas inclinacións futbolísticas (se as teñen) para medir as súas posíbeis euforias ou as súas inevitábeis depresións.
Mellor calar e cruzar os dedos. Non din moito máis os expertos nas súas previsións.
