Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 20.02.2020 Actualizado 21:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A ministra de Exteriores asegura en redes sociais que o AVE a Galicia "estará listo para xaneiro de 2022"

Adif xa afirmou que a previsión é que chegue "moito antes" e Fomento defendeu que era unha data "de cautela" sen obrigación de esgotala

Captura do Twitter da ministra de Exteriores
Captura do Twitter da ministra de Exteriores

SANTIAGO. EP  | 21.01.2020 
A- A+

A ministra de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación, Arancha González Laya, asegurou este martes, a través das redes sociais, que o AVE a Galicia "estará listo "para xaneiro de 2022", co consecuente atraso sobre os prazos previstos que supón esa data.

Nun tuit, a ministra faise eco do comunicado da Comisión Europea da semana pasada no que se informaba dun investimento de 226 millóns para as obras do tramo entre Lubián (Zamora) e Taboadela (Ourense), á vez que se incluía unha previsión de que o AVE a Galicia non estará listo até xaneiro de 2022.

Sobre esta data, a pasada semana fontes de Adif consultadas por Europa Press aseguraban que estaría "moito antes", aínda que deixaban claro que a posta en servizo dependerá do visto e prace da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria após o período de probas, mentres se mantén o ritmo de execución.

Pola súa banda, fontes do Ministerio de Fomento sinalaban que o prazo ao que fai referencia a CE é "de cautela para non perder fondos" e "para non pillarse os dedos", "pero non hai obrigación de esgotar" esa data, "nin moito menos". "Ese prazo non é o noso", afirmaban a pasada semana.

"Mantemos a programación que demos de finalización das obras este ano", aseguraban estas mesmas fontes de Fomento a Europa Press, aínda que incidían en que a posta en servizo depende das probas, sen data concreta porque se prima "a importancia da seguridade".

En cambio, agora a ministra de Exteriores volve incidir na previsión de 2022 para a chegada da AVE a Galicia. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou o pasado xoves que lle parece "moito máis verosímil" a data do AVE a Galicia que pon sobre a mesa Bruxelas que "as datas enganosas" que "trata de dar o Goberno de España en todos os seus ámbitos e púlpitos".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS