Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 01.24
Nunha retorcida aplicación da moda “retro”, e no contexto físico da campaña electoral andaluza, o presidente do Goberno fixo en Cádiz, con motivo da conmemoración do bicentenario da Constitución de 1812, unha comparación un tanto forzada entre a histórica elaboración constitucional daqueles pioneiros do liberalismo nas Cortes de Cádiz e os traballos de axustes e recortes da actual maioría parlamentaria absoluta. Para Rajoy, parece que calquera reforma ten o mesmo valor e a mesma significación, tanto se a reforma pretende poñer fin ao absolutismo secular como se persigue acabar cos dereitos menos seculares dos traballadores (ou retrasar máis de vinte anos a lexislación sobre a interrupción voluntaria do embarazo).
Os empresarios andaluces puxeron tamén a súa nota “retro” na campaña das eleccións autonómicas en Andalucía, cunha defensa da “rexeneración total da vida política, económica e social de Andalucía”, que, no contexto das mensaxes electoralistas, hai que traducir como un apoio ao cambio conservador. Non ten a mesma virulencia da campaña que lanzaron hai trinta anos, cando, sobre siluetas de González e Guerra, colocaban no puño socialista unha mazá da que saía un verme coa fouce e o martelo, pero rompe a neutralidade observada nos últimos anos, nos que non tiveron problemas en subscribir acordos de concertación cos sindicatos e cos gobernos socialistas, aos que agora acusan de excesivo intervencionismo público. Despois de ter contribuído a esa vida económica e social que nestes momentos rexeitan, aproveitan que o río das enquisas pasa polo PP para facer esta contribución indirecta ao seu previsíbel triunfo.
A “retro” soa tamén ese sórdido asunto das irregularidades en expedientes de regulación de emprego. Foi o propio goberno autonómico o que denunciou os primeiros casos detectados, pero estase a volver na súa contra: a investigación está a poñer ao descuberto unha interminábel relación de empresas fantasmas e de beneficiarios intrusos que reborda as previsións dos máis pesimistas. A figura do ex director xeral de Traballo, Francisco Javier Guerrero, despachando favores nun bar e compartindo cocaína co seu chofer a conta dos diñeiros destinados a paliar situacións de desemprego (todo elo presuntamente, claro), trae á memoria aquel Juan Guerra dos seus favores, que, vinte anos despois, á vista deste e doutros moitos casos de corrupción, aparece como un modesto intermediario de influencias.
O que non parece que vaia repetirse en Andalucía son os resultados rotundos daqueles primeiros tempos, cando a dereita era castigada pola súa oposición frontal a unha autonomía conquistada desde a mobilización popular. Pero pode que non sexa casualidade que a dereita vaia gañar agora que está a desenvolverse unha operación máis ou menos explícita de retorno ao centralismo.
