Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

O modelo chino... pode ser unha alternativa?

MANUEL MERA  | 02.12.2019 
A- A+

Hai só setenta anos que o exército popular liberaba China, daquela un país dos máis pobres do mundo, era o 1 de outubro de 1949. Esta imaxe de atraso aínda ten forza no subconsciente colectivo. Polo tanto ten certa lóxica que a moitas persoas cústalles entender que China sexa hoxe a maior economía do mundo, se analizamos o PIB en termos capacidade merca, como fai o Banco Mundial, e que ademais en moi poucos anos tamén o será en termos absolutos, superando aos Estados Unidos. Agora ben, habería que lembrar que xa o foi a principios do século XIX. Porén, esta situación mudou a medida de que as potencias de Europa occidental, que comezaban súa etapa de expansión industrial, foron convertendo o país nun territorio subalterno. Algo semellante sucedeu coa India. Sería o poder militar de Europa occidental, as súas intervencións e ocupacións, as que impuxeron a dependencia, ou sexa, un rol subalterno político e económico a ambas nacións.

Porén nas sete décadas transcorridas dende a liberación de Pequín o 1 de outubro de 1949 China pasou de ser un país atrasado, sometido durante máis dun século a potencias estranxeiras, a se converter nunha potencia que cuestiona a orde económica e política deseñada á medida de Washington e aliados. Axudou moito neste avance o inmenso esforzo que se fixo durante a etapa do maoísmo na República Popular en materia de educación, construción de infraestruturas e industrias básicas, ao que sumaba a paz social. A media de vida pasou de 44 anos en 1950 a 68 en 1980, e o analfabetismo do 80% ao 16%, o PIB medrou a unha media anual do 2,8%. Polo tanto China converteuse nun lugar atractivo para o investimento do capitalismo occidental, máxime cando quedou atrás a Guerra de Viet-Nam e caeu a Unión Soviética, tiñan o obxectivo de expandir o imperialismo, agora cun carácter global e neoliberal.

Fago este breve relato da historia china, así como lembrar que en 1820 era a maior economía do globo, para que se comprenda que non é casual a rapidez coa se converteu na fábrica do mundo. E porque hoxe disputa aos Estados Unidos e occidente os avances en tecnoloxía punta. Canto tardará en facelo tamén no eido militar? Con esta tendencia dominante hai que entender a belixerancia de Washington naqueles ámbitos nos que aínda mantén a hexemonía, como o financeiro, a moeda de reserva, a información, o gasto e a expansión militar, as redes e espionaxe... China en 1949 tiña unha poboación de 541 millóns de habitantes, e hoxe é de 1.400 millóns, malia o rigoroso control da natalidade nas últimas décadas. Non é doado atender as necesidades de tanta xente.

O modelo económico e político de China provoca non poucos debates na esquerda mundial. Xa que, por unha banda non se pode negar a modernización do país, a creación de emprego, e os progresos en sanidade e educación, e que un 45% da poboación ocupada xa ae adica ao sector servizos. A hexemonía do Partido Comunista garantiu este crecemento, grazas a un control importante sobre os sectores estratéxicos, como a banca e a enerxía, siderurxia, transporte, armamento, etc, que lle permitiu planificar a longo prazo, cunha visión estratéxica. Mentres que outras potencias, como Estados Unidos, Alemaña e Xapón, dependen en boa medida da actitude e intereses das grandes corporacións privadas, cada vez máis poderosas e con intereses máis globais e ao servizo dunha minoría. Esta vantaxe comparativa non se pode obviar, mesmo en aspectos de tanta importancia como a transición enerxética ou a planificación territorial.

Ao mesmo tempo resulta obvio que está en cuestión o grao de autonomía das centrais sindicais e outros colectivos para reivindicar melloras, así como a extensión dos dereitos democráticos. Daquela que o debate sobre se China é un país socialista ou capitalista, ou un hibrido, é dicir, unha economía mista, con predominio do sector público, colectivo e cooperativo, seguirá aberto, máxime nesta conxuntura tan complexa. Polo momento segue a medrar a un ritmo do 6%, cada vez máis vinculado ao consumo interno. Algúns consideran que está é un porcentaxe moi baixa, comparada coa de hai uns anos, porén parecen ignorar que non é o mesmo medrar sobre un PIB por persoa de 4 mil euros que sobre 10 mil euros, máxime cando as potencias occidentais crecen menos da metade, están estancadas ou en números vermellos.

Agora ben, malia as contradicións do modelo chinés, neste intre estas non son superiores ás que foron acumulando as potencias occidentais, e todo indica que esta é unha dinámica que vai a máis. Nestas a participación social está eivada polo poder das corporacións privadas, que impoñen un capitalismo que ademais de depredador está esgotado (aumento da desigualdade, marxinalidade, violencia, pobreza, falta de futuro para a mocidade, migracións masivas, desfeita ecolóxica, etc.). Asemade, o medre da desigualdade e a precariedade laboral, vai collida da man dunha lexislación laboral e contra a protesta social cada vez máis regresiva, que baleira de contido en boa medida a democracia e cuestiona o papel dos partidos sistémicos. Un dado concreto. Aínda que se pon como escusa para reducir os salarios en occidente a hipotética competencia desleal dos baixos ingresos da clase traballadora de China, especialmente na industria que é a que produce a maioría de bens de exportación, xa no ano 2016 os salarios naquel país eran superiores aos de México, Brasil, Colombia e Tailandia, e estaban ao mesmo nivel que Portugal e Grecia.

China pode non ser a alternativa ideal no político e social, porén reflicte ser un modelo máis eficiente e racional, e ao servizo da maioría, no económico. Asemade deixa en evidencia que, a longo prazo, o carácter público dos sectores estratéxicos implican un maior beneficio para a sociedade que os privatizados.

Manuel Mera

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS